Evolución da taxa de execución dos orzamentos do Goberno en I+D+i. Fonte: Cotec.

O Goberno só gastou en 2017 un de cada tres euros dos orzamentos de I+D

A crise continúa para a I+D+i en Galicia e en España, se é que algunha vez marchou. As cifras seguen moi lonxe das recomendacións da Unión Europea, que anima aos Estados membros a investir un 3% do seu PIB en I+D (un 1% de financiamento público e un 2% de investimento privado). Porén, segundo os últimos datos, España só chega ao 1,19%, e Galicia está por debaixo desta media, con apenas un 0,87% de gasto do PIB en materia de investigación, desenvolvemento e innovación. Nas últimas semanas, as informacións sobre a parálise que sofren organismos históricos, como o Instituto Español de Oceanografía, debido ao bloqueo dos Orzamentos Xerais do Goberno do Estado, amosan que a situación está lonxe de mellorar.

Só se gastou un 29,7% do consignado para I+D+i, fronte a un 98,2% do previsto para Defensa

En 2017, segundo denunciou este luns a Fundación Cotec, o Goberno español só investiu menos de un de cada tres euros dos orzamentos consignados para I+D+i. Así o indican os datos da Intervención General de la Administración del Estado (IGAE). Esta cifra non recolle o investimento autonómico e as axencias estatais, como a Agencia Estatal de Investigación (AEI) e o CSIC. A taxa de execución, do 29,7%, é “a máis baixa en I+D+i desde que se rexistra este dato (comezou no ano 2000) e a menor entre as 25 principais políticas do Goberno. Dos 4.635 millóns dispoñibles segundo os Orzamentos, gastáronse finalmente 1.376. Unha taxa que contrasta co cumprimento do previsto para pensións (100%), Defensa (98,2%), Xustiza (97,7%) ou seguridade cidadá e institucións penitenciarias (95,4%).

A caída do investimento público explícase, segundo sinala a Fundación Cotec, pola caída da taxa de execución. Aínda que os orzamentos non reducen en as previsións de gasto, á hora de facelo efectivo, esta cifra baixa. O descenso foi notable respecto a 2016, onde a taxa (38,2%) xa era baixa.

Hai que ter en conta, con todo, segundo sinala Cotec, a transferencia de fondos da partida de I+D+i á Agencia Estatal de Investigación, que tiña dotación propia por primeira vez. Con todo, aínda que a AEI executase o 100% dos orzamentos – non se coñece o dato, pero é “moi pouco probable”, di Cotec – a taxa de execución seguiría en mínimos históricos, por debaixo dos niveis de 2016.

Taxa de execución dos orzamentos do Goberno en varias políticas. Fonte: Cotec.
Taxa de execución dos orzamentos do Goberno en varias políticas. Fonte: Cotec.

Entre as causas desta baixa cifra de investimento, como sinala a entidade, están a sucesión de prórrogas e peches, os fallos nos sistemas informáticos, a falta de persoal de xestión e administración e os requerimentos e esixencias de control adicionais, tal e como tamén denunciaron os traballadores do IEO, que impón o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. Uns problemas que, segundo o comunicado da fundación, “apuntan a un dato de execución aínda peor en 2018 se a situación non se corrixe”.

Segundo explica Cotec, durante a primeira década do siglo, a taxa de execución das partidas de I+D+i estaba arredor do 90%. Porén, desde 2009 a cifra foi baixando, e non se recuperou aínda despois de pasada a crise. Naquel ano, gastáronse en I+D+i 6.675 millóns de euros, un 81,6% do orzado.

1 comentario

  1. Coa falta de investimento destrúese a ciencia e o futuro deste país. Competiremos cos demais lugares ofrecendo hostelería barata, salarios mais baixos i emigrando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.