Sábado 13 Xullo 2024

Os recortes e a burocracia paralizan os oceanográficos

No ano 2017, o Centro Oceanográfico de Vigo celebrou o seu centenario. Inaugurouse o 2 de setembro de 1917, e desde entón foi gañando, co paso dos decenios, un lugar de referencia na investigación da oceanografía, o medio mariño, a contaminación mariña e a acuicultura. Coincidindo co aniversario, foi quen de conseguir o consenso de gabanzas e recoñecementos: a Xunta de Galicia premiouno coa Medalla Castelao, e o Concello de Vigo, coa Medalla da Cidade. Decenas de actividades, ao longo de todo o ano, conmemoraron a celebración, achegando á sociedade a gran importancia do centro para o desenvolvemento do país. É o principal centro – hai nove oceanográficos en total – do Instituto Español de Oceanografía en número de traballadores, xa que suma máis de 100 empregados nunha plantilla total de algo máis de 500 persoas.

Pero pasada a romaría, o día a día no Oceanográfico centenario deixa pouco lugar á celebración; e despois dos focos e as louvanzas, o futuro está escuro. Como tamén acontece na sede que o instituto ten na Coruña, os recortes de orzamento e as trabas burocráticas, que obrigan a tramitar permisos e expedientes que teñen que ser remitidos e aprobados en Madrid para arranxar ata calquera desperfecto, están asfixiando aos investigadores.

Publicidade

Moitos equipos están avariados e non poden arranxalos debido ao control do gasto e o retraso nos pagos

Varios exemplos: o montacargas que empregan os traballadores para subir e baixar os seus materiais de traballo máis pesados leva un ano estropeado; e hai que subir ao lombo polas escaleiras toda clase de cargas ás veces bastante pesadas e mesmo perigosas. O autoclave industrial, un aparello esencial para a supervivencia da importante colección de microalgas tóxicas do IEO de Vigo, ten tamén pendurado o cartel de “non funciona” desde hai tempo, sen posibilidades de arranxo, e o expediente de compra dun novo equipo está paralizado. E o mesmo ocorre cun equipo necesario para analizar as concentracións de metais no medio mariño.

A degradación da actividade laboral nos oceanográficos xa vén de varios anos atrás. Os traballadores esixen desde hai tempo, a nivel interno, cambios reais na estrutura de xestión de persoal e os recursos públicos, así como no financiamento do propio organismo. “Levamos anos avisando disto”, contaba a Science Manuel Ruiz Villareal, científico do Oceanográfico da Coruña, onde dirixe catro proxectos financiados pola Unión Europea. Os investigadores seguiron durante tempo traballando sen alzar a voz, confiando en que a solución prometida ía chegar. Pero a comezos deste ano a situación volveuse insostible e derivou nunha denuncia pública, cun manifesto en defensa do IEO asinado por máis de 340 traballadores dos nove centros do organismo en España.

Publicidade

Juan Bellas, Rosario Domínguez, Concepción González e Francisco Rodríguez, investigadores do IEO de Vigo.
Juan Bellas, Rosario Domínguez, Concepción González e Francisco Rodríguez, investigadores do IEO de Vigo.

O incremento do control dos gastos que se está a realizar nos últimos anos por parte de Facenda, sobre todo a partir dun cambio decretado en 2014, non foi acompañada dunha maior dotación de recursos administrativos no Instituto. Así, ademais de investigar, os científicos deben ocupar gran parte do seu tempo en encher follas de permisos e xustificacións para os investimentos que se realizan. “Ás veces pasas todo o día facendo trámites“, conta Juan Bellas, investigador do IEO de Vigo, onde dirixe varios proxectos sobre contaminación mariña, un problema serio para o futuro dos océanos.

A parálise está afectando xa ao prestixio do centenario oceanográfico vigués. “Non te podes comprometer a liderar proxectos e a ter grandes responsabilidades en investigacións con outras institucións, porque ás veces as avaliacións dos expedientes que solicitamos retrásanse ata un ano, ou non aproban o orzamento, e déixalos colgados. Xa hai casos nos que os colegas doutras institucións admiten que non lles convén ter como socio a un equipo do IEO”, explica Bellas.

Aos outros científicos “non lles convén ter como socio a un equipo do IEO” debido aos recortes e as trabas

Francisco Rodríguez pertence ao grupo de investigación de Microalgas tóxicas e nocivas. Para analizar estes organismos, precisan precisan aparellos de custo moi elevado, como cromatógrafos. E se hai avarías, agora mesmo non as poden reparar. E xa tiveron que renunciar a proxectos bastante esperanzadores, como unha investigación sobre posibles substancias antitumorais en microalgas, ao que non puideron sumarse pola incerteza económica e a debilidade na xestión administrativa do IEO.

E non é só que non poidan gastar os fondos consignados. Acontece que, nalgúns casos, o IEO ten que responder cos seus orzamentos ao incumprimento na xustificación das axudas de outros organismos, como a Unión Europea, ou ben non pode nin sequera acceder a eles. Explícao, cun exemplo, Francisco Rodríguez: “Recibimos unha axuda con cargo a fondos FEDER para pagar o 75% de dous equipos que custaban máis de 400.000 euros. Había que xustificar a compra antes de finais de 2017, e non se fixo, así que agora é altamente probable que se perdan eses cartos e o IEO teña que asumir o gasto”.

As perspectivas, por agora, non son mellores, cos orzamentos do Estado de 2018 aínda sen aprobar. A Dirección do IEO está facendo unha xira polos diferentes centros; recoñecen o problema e comprométense a buscar solucións, pero o tempo pasa e as solucións non chegan. Por agora son só “verbas amables e promesas incertas”, di Rodríguez, en alusión ás palabras da Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e innovación, Carmen Vela. “Corremos o risco de poñernos no peor, mesmo de desaparecer. Estamos perdendo prestixio como organismo e isto ten unha repercusión social e económica”, lamenta Juan Bellas.

Porque o IEO non é só un organismo científico. Asesora ao Goberno español en asuntos de pesca e medio ambiente mariño ante foros internacionais. Sectores económicos como a pesca e a acuicultura nútrense constantemente do coñecemento e os avances que achegan oceanográficos como os de Vigo e A Coruña.

Falta de persoal nos oceanográficos

Os problemas de financiamento impiden, do mesmo xeito, a contratación de persoal nos oceanográficos. É unha roda de problemas que complica aínda máis as cousas. “Vas quedando atrás respecto a outras institucións, porque nin chegan os cartos, nin os recursos humanos para impulsar os proxectos”, di Bellas. O seu compañeiro Francisco Rodríguez reflexiona que, nesta situación, é complicado que as novas xeracións de investigadores teñan no IEO un lugar adecuado e atractivo para desenvolver a súa carreira, o que dificultaría o relevo xeracional. “Vendo como está isto, eu tamén dubidaría”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que é tan urxente que o Goberno español regule o acceso dos menores á pornografía?

Existen diferentes alternativas como métodos de intelixencia artificial de recoñecemento facial ou aplicacións de verificación da idade

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Os investigadores das fundacións sanitarias pasarán ao sector público en 2023

A medida, que se incorporará á Lei de Acompañamento aos Orzamentos, dará estabilidade a persoal de IDIS, INIBIC e Fundación Biomédica Galicia Sur

Chaleco salvavidas con comunicación interactiva e GPS integrado

Unha empresa de Vigo ultima o desenvolvemento de ‘Vestar’, o primeiro produto integral pensado para mellorar a seguridade e o rescate nos deportes acuáticos