A crise dos Oceanográficos chega á revista ‘Science’

A pasada semana, máis de 300 investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO), con centros oceanográficos na Coruña e en Vigo, ademais doutras cidades de España, facían público un manifesto no que denunciaban a “parálise” e a “dramática situación” do organismo debido aos recortes e a que non se está executando gran parte dos orzamentos. Esta situación pon en perigo o futuro de numerosos proxectos de investigación e as carreiras dos científicos que pertencen ao IEO.

A dimensión do problema dos Oceanográficos chegou xa á revista Science, unha das publicacións científicas máis prestixiosas do planeta. Nun artigo publicado a pasada semana, no que fala Manuel Ruiz Villareal, do Centro Oceanográfico da Coruña, denunciábanse as “sofocantes” regras de control do gasto por parte do Goberno español, que provocaron que quedase sen executar o 50% do orzamento no pasado ano 2017.

Publicidade

As restriccións do Goberno deixaron sen executar o 50% do orzamento en 2017

Segundo explica Science, os recortes e a excesiva burocracia están causando serios problemas aos investigadores para contratar persoal e para mercar equipos cos que desenvolver o seu traballo. Manuel Ruiz Villareal, que dirixe catro proxectos financiados pola Unión Europea, apunta que o sistema de auditorías debería obviar os proxectos que reciben financiamento externo, que xa posúen sistemas de control de por si. Nas súas declaracións a Science, Ruiz lembra que “levamos anos avisando disto”. Pero que “como investigador, eu non podo ir ao ministerio de Facenda. É a dirección (do IEO) a que ten que facer frente a isto”.

O manifesto asinado por centos de investigadores foi crítico coa actual dirección do IEO. “Observando con asombro o nivel de conformismo do equipo directivo do IEO, vémonos na obriga de denunciar esta dramática situación”, concluía o texto, no que se engadía que a xerencia do organismo “é consciente desta situación, que foi denunciada en numerosas ocasións, aínda que non conseguiu remediala, nin a denunciou publicamente”.

Publicidade

Science tamén recolle as palabras do director do IEO, Eduardo Balguerías, quen recoñece: “É certo que estamos tendo problemas; todos os organismos públicos de investigación e a secretaría de Estado están traballando moi duro para resolvelos”. A incerteza sobre os orzamentos xerais do Estado para 2018 está contribuíndo a complicar a situación do organismo. Pero con todo, Balguerías di a Science que confía na mellora da situación. A revista tamén conversou con Carmen Vela, Secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, que do mesmo xeito admite os problemas na execución do orzamento.

Entre os principais problemas derivados desta situación de “parálise” nos Oceanográficos, segundo os investigadores, están a “incapacidade de xestión dos recursos financeiros dispoñibles, moitos captados de fontes externas; incumprimento dos compromisos adquiridos; atrasos nos pagos; devolución de subvencións non executadas e desincentivación no liderado de proxectos”. Conclúen que, en definitiva, existe unha “perda de prestixio da institución e dos profesionais do IEO, e perda de capacidade na consecución das súas funcións”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

Ética científica

O debate está servido tras a retirada do artigo de Barbacid sobre o cancro de páncreas. Por Laura Filloy

Un novo modelo conceptual revela a elevada complexidade da dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas

Un equipo do IEO-CSIC e da UVigo propón un enfoque por capas que evidencia a influencia dos afloramentos na organización das comunidades microscópicas
01:04:45

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Obstáculos da carreira investigadora

A enxeñeira Soledad Torres, a bióloga Iria Gómez Touriño e a enfermeira Ainara Díaz Geada participan na última sesión do ciclo de GCiencia e da Deputación de Pontevedra