Plantación de eucalipto da especie 'globulus'. Foto: Flickr - Marshal Hedin - CC BY-SA 2.0.
Plantación de eucalipto da especie 'globulus'. Foto: Flickr - Marshal Hadin - CC BY-SA 2.0.

Eucalipto: a árbore que non deixa ver o bosque

Os claroscuros sobre a historia do eucalipto en Galicia comezan xa coas diferentes hipóteses sobre a súa chegada. O imaxinario popular bótalle a ‘culpa’ a Fray Rosendo Salvado, un beneditino que foi predicar a Australia na metade do século XIX. Pero en 2016, un estudo dos investigadores Francisco José Silva Pando e Rubén Pino sostén que xa había plantacións en Ortigueira no 1850, antes de que o misioneiro comezase a traer sementes desde o outro lado do mundo.

O eucalipto é o sostén económico de milleiros de familias e xera, só en cortas, máis de 120 millóns de euros

Sexa quen for que introducise aquela árbore australiana en Galicia, mudou a paisaxe e a historia do noso país. E en 2018 é impensable volver dun día para outro á Galicia previa ao eucalipto. Hoxe os eucaliptais, sobre todo da especie globulus, representan arredor do 30% da superficie forestal galega, entre 400.000 e 500.000 hectáreas, segundo as distintas fontes. E están moi repartidas. Hai decenas de miles de propietarios que sementan e venden eucaliptos, moitas veces sostén das economías familiares. Só polas cortas estes produtores ingresan, en total, máis de 120 millóns de euros cada ano.

Con todo, parece haber un acordo maioritario en que cómpre primar a conservación da natureza ante os intereses económicos, diante dos crecentes problemas ecolóxicos e medioambientais do planeta. E neste senso, no caso galego, o eucalipto fica na liña do fóra de xogo, e os criterios do xuíz de liña e do árbitro adoitan estar enfrontados.

Para intentar achegarse á cuestión desde unha perspectiva que se axuste á realidade do país, cómpre facer moitas preguntas. E algunhas respostas son bastante incómodas, ben para os grupies, ben para os haters do eucalipto:

É invasor o eucalipto?

Hai que comezar por ver o que di a lei sobre o concepto de especie exótica invasora. Segundo a Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade, de ámbito estatal, unha especie exótica invasora é “aquela que se introduce ou establece nun ecosistema ou hábitat natural ou seminatural e que é un axente de cambio e ameaza para a diversidade biolóxica nativa, xa sexa polo seu comportamento invasor, ou polo risco de contaminación xenética”.

No marco desta lei, existe un documento da Xunta de Galicia (Plan estratéxico Galego de Xestión de Especies Invasoras), que pode ser consultado na web da Consellería de Medio Ambiente, que considera o Eucalyptus globulus como invasor. Aínda que se recoñece que a súa gran presenza en Galicia fai “extremadamente difícil” a súa erradicación, si que se propón un control estrito en espazos naturais como as Fragas do Eume ou as Illas Atlánticas. E o documento tamén recoñece que o globulus “provoca diversos impactos: elevado consumo da auga do subsolo, intensa demanda de nutrientes, crecemento rápido, e un importantísimo carácter alelopático e pirófito”.

Con todo, despois de ver as posicións enfrontadas entre o Ministerio e o Comité Científico que o asesora, e o longo debate que leva tempo existindo, a pregunta só pode responderse co tópico: depende. Unha das claves para designar a unha especie exótica como invasora é, por exemplo, a súa capacidade para colonizar novos espazos sen precisar a man do home, modificando e impoñéndose no ecosistema que invade. É o caso, por exemplo, da mimosa en amplas zonas de Galicia e Portugal, ou do toxo en Sudamérica. Pero é quen o eucalipto de comportarse así?

medioambiental/eucalipto-invasor-goberno/

Hai moitos estudos que afirman que si, cos que argumentou o Comité Científico de Flora e Fauna Silvestre. O ditame sinalaba que esta colonización prodúcese “especialmente en escenarios pos-incendio forestal, desprazando as colonizadoras autóctonas”. É a moitas veces citada capacidade pirófita (que por certo, non significa que arda mellor, senón que aproveita, tras os lumes, para impoñerse a outras especies menos adaptadas a estes escenarios pos-incendios). Desta idea, ás veces, vén o mito de que o eucalipto é a árbore que máis arde, como se fose un misto, moito máis do que pode arder o piñeiro, o toxo ou outras matogueiras. E iso non é certo. Verémolo despois.

O ditame reforza a súa explicación engadindo que o xénero Eucalyptus emprobrece as cadeas tróficas, altera as propiedades físico-químicas, bioquímicas e microbiolóxicas do solo, provoca perda de biodiversidade, fragmenta os espazos naturais e aumenta o risco de incendio, entre outras razóns, que reforzarían o seu carácter invasor.

medioambiental/informes-goberno-eucalipto/

E outros estudos, nos que se basea o informe do Ministerio e o do catedrático Luis Gil, din que o eucalipto non é unha especie invasora, baseándose na crítica aos estudos nos que se apoia o Comité Científico. Deles dise que son pouco concluíntes ou pouco relevantes. O ditame que pedía a declaración desta árbore como invasora abranguía a todas as especies do xénero Eucalyptus, que son centos, e con matices distintos. Por exemplo, o globulus, o máis abundante en Galicia, ten dificultades para medrar en zonas máis frías e en altitudes a partir dos 400 metros. Por iso, nas partes de Galicia que cumpren con estas dúas características, adoita plantarse a especie nitens.

Deste xeito, o documento do Ministerio sinala que non se afonda o suficiente para emitir un ditame que afecte a todo o xénero Eucalyptus. De aí veñen as críticas a unha suposta “actitude tendenciosa” do Comité.

Arde máis o eucalipto?

Por norma xeral, arde moito máis que as caducifolias autóctonas, como o carballo ou o castiñeiro, pero non máis que o piñeiro, o toxo ou outras matogueiras. No caso de piñeiros e eucaliptos, as características das súas follas e pólas facilitan que, unha vez prendido o lume, as muxicas viaxen decenas de metros para sementar lume en zonas afastadas do foco principal. É o que aconteceu, por exemplo, durante a vaga de incendios de outubro en Vigo: non houbo tramas prendendo lume en motos polo centro da cidade; eran faíscas impulsadas polo vento e procedentes dos lumes dos montes próximos que prenderon noutros lugares.

Ourense é a provincia que máis arde en España, e apenas hai eucaliptos

Pero tendo en conta todo isto, hai máis matices, e moitas veces tamén inflúen as características propias de cada plantación: idade das árbores, coidados e limpeza do mato que medra no solo, a densidade de exemplares, etc. Un eucaliptal abandonado, mal xestionado, é unha caixa de mistos, pero un eucaliptal ben xestionado non ten por que selo.

A isto engádense dous aspectos que, sen deixar de ser certos, ás veces son esaxerados de forma propagandista polo sector forestal. En primeiro lugar, Ourense é a provincia que máis arde de España, con Grandes Incendios Forestais (maiores de 500 hectáreas) todos os anos, e en Ourense o eucalipto apenas existe. Pero o despoboamento rural e o foco mediático, máis pendente dos lumes canto máis se achegan ás casas e ás grandes cidades (véxase o caso da área metropolitana de Vigo en outubro de 2017), provocan que as hectáreas ourensás se queimen en silencio. E así, ano tras ano, o lume devora espazos protexidos e de gran valor como a serra do Xurés. Pero son lumes que ocupan poucas portadas.

E por outra banda, o norte das provincias de Lugo e A Coruña concentra a maior densidade de eucaliptos do país, e aí apenas hai incendios. Para uns, xogan un papel clave as condicións climáticas, e para outros, é a proba de que unha xestión sostible e responsable do eucalipto pode evitar os incendios e impulsar o desenvolvemento económico no medio rural.

E que din os científicos?

As numerosas vertentes do problema do eucalipto provocan discrepancias na comunidade científica. Aínda con investigacións de enorme calidade e claras evidencias na man, non existe unha opinión monolítica.

O Comité Científico Asesor que propuxo a declaración do eucalipto como especie invasora está composto por investigadores respectados internacionalmente: a botánica Inés Álvarez (coordinadora), do Real Jardín Botánico de Madrid; a ecóloga Montserrat Vilà, da Estación Biológica de Doñana, o biólogo Mario Díaz, do Museo Nacional de Ciencias Naturales do CSIC, e Ángel Bañares, xefe da Sección de Biodiversidade do Goberno de Canarias.

Do mesmo xeito, tanto os autores dos estudos que expón o Ministerio, o catedrático Luis Gil e outros investigadores e expertos forestais tamén críticos co ditame do Comité Científico, son voces autorizadas de recoñecido prestixio. As diferentes escolas e correntes da investigación forestal, como noutras disciplinas da ciencia, manteñen debates que, moitas veces, contribúen a conseguir unha maior calidade nos estudos que se realizan.

E hai, tamén, un lado máis escuro, con acusacións cruzadas sobre presuntos intereses espurios. Estudos financiados polas pasteiras e o sector forestal ou por organizacións ecoloxistas, argumentarios vinculados a formacións políticas, amizades, filias e fobias, dificultan tamén que se estableza un debate máis enriquecedor. E isto lévanos a outro terreo no que, respecto ao eucalipto, se cavan trincheiras, se abren debates incendiarios e se intenta anular os argumentos contrarios a base de aforismos e verdades absolutas afastadas, a maior parte das veces, dos moitos matices da realidade.

A política

Non axuda que un goberno en funcións aprobe a contrarreloxo a prórroga de Ence na ría de Pontevedra por ata 2073. Non axuda tampouco que as famosas portas xiratorias acaben cos titulares de Medio Ambiente dos gobernos de Aznar e Fraga (Isabel Tocino e Carlos del Álamo) cobrando cantidades obscenas do Consello de Administración da pasteira.

Non axuda, tampouco, cometer a temeridade de pagar con cartos públicos a propaganda que apoia a tese do terrorismo incendiario, despois de que xa fora desbotada pola Fiscalía, e se volva desbotar poucos meses despois. Son tres síntomas, que, sumados a outros moitos, poden levar a pensar que hai máis asuntos incómodos debaixo da alfombra.

Non axudan as prórrogas a Ence nin as portas xiratorias, pero tampouco as críticas frívolas contra o eucalipto

E tampouco axuda que, desde a oposición, se carguen as tintas de xeito frívolo e desapegado contra o eucalipto, converténdoo no culpable dos males que danan o país, cando é o medio de vida lexítimo de moitos cidadáns.

Nun problema tan amplo e complexo, o Goberno e o Parlamento deben ser un foro para achegar as ideas que melloren a situación. Desde unha solución ao despoboamento e envellecemento rural, co conseguinte abandono do territorio, ata mellorar, cumprir e facer cumprir a normativa de loita contra os incendios, pasando por unha xestión máis transparente da planificación forestal, que non dea pé a sospeitas fundadas sobre quen posúe o verdadeiro poder de decisión. E todo isto, por suposto, deberíase facer sentándose á mesa cos cidadáns, co sector, coas entidades ecoloxistas e cos científicos. E, sobre todo, escoitándoos e comprendéndoos.

E as grandes pasteiras?

Como a banca, case sempre gañan. Poderíase facer un breve exercicio de política-ficción. De declararse o eucalipto como invasor, ENCE e outros grandes grupos dependentes da árbore esgotarían posiblemente as vías de presión, que poden ser moitas e fortes, para frealo. De non conseguilo, é posible que se reorientasen cara o piñeiro, que dá peores rendementos, aínda que tamén pode valer para facer pasta de papel. Pero noutro suposto, é posible que fixeran as maletas e buscaran outro lugar máis confortable.

As maiores damnificadas serían, posiblemente, aos miles de familias galegas que, guste ou non a algúns sectores da sociedade, viven hoxe en día do eucalipto. Debido ao minifundio, son propietarios da maioría dos terreos forestais do país, e teñen nos seus montes un almacén de madeira pronta para cortar e que en calquera momento se pode aproveitar para facer algún investimento ou afrontar gastos inesperados. Son moitos milleiros de persoas, e aí hai un hórreo ben grande de votos.

Entón, cal é a solución?

As bólas máxicas, por agora, son só cousa de Son Goku. Pero saír das trincheiras e intentar atopar puntos de acordo realistas podería ser un bo comezo.

6 COMENTÁRIOS

  1. Outro artigo de agarimo para o eucalipto. Primeiro di que arde mais, pero igual ca o piñeiro ou o toxo, carallo!!! Pero arde máis ca un carballo. Pero o tema non é ese, non é cuestión de comparar especies pirófitas, senón formacións, o eucaliptal deixa paar moit luz ao sotobosque polo que hai unha enorme cantidade de biomasa que favorece os lumes. Non se fala do impacto claro na paisaxe, no que nom hai nada que discutir, dá pena a paisaxe de Galicia….o eucaliptp é unha especie austral e ademais plantda en moitos países en desenvolvemento que se venden ás pasteiras. Por outra banda, esas familias que viven do eucalipto, é dicir, de non facer nada, que busquen outros xeitos de aproveitamento do monte como fan en toda Europa e que pensen máis nos netos que no peto. E Ourense arde máis porque, ademais de ter claramente peor clima favorecedor para os lumes, e ademais do abandono de terras, hai un nivel cultural e unha sensibilidade medioambiental menor. Que psa que porq se abandonen as terras xa teñen que arder? Que fan logo cos enormes bosques de centroeuropa ou dos EUA? Onde tamén chegam als 40° no verán? Os eucaliptais do norte, non arden porque non interesa, están vixiados e o clima é moito máis lene. Por todo isto o artigo cheira un pouco.

  2. Gciencia: oportal da ciencia galega, botádelle unha man a este país doente. Temos que parar a eucaliptización ao xeito de monocultivos si queremos recuperar a biodiversidade que estamos perdendo. Si vos tamén colledes cartos de ENCE, estamos perdidos!…e iso é o que se entende despois de ler iste artigo.

  3. Dice al comienzo del artículo que las cortas de eucalipto aportan 120 millones de euros al año a los productores, y según datos de la Xunta a extinción de incendios se destinan más de 160 millones de euros anuales que aportamos los no productores. Teniendo en cuenta que la mayor parte de esa inversión en extinción se hace en eucaliptales, igual el negocio no es tan rentable.

  4. Mais, isto vai de ciencia ou de política. Non sei, tenho a sensación de que se vos viu o plumeiro. Se cadra son eu que son moi susceptible

  5. Intereses económicos, políticos….o que vai quedar si non se teñen en conta os intereses naturales, e decir os da NATURALEZA, vai ser: NADA. Despois, cando non quede NADA, veremos a importancia dos intereses económicos (ENCE, comunidade de propietarios de plantacions, etc), entón xa será tarde, eu penso que xa é tarde ahora, leendo este tipo cousas, a un caille a alma os pes. ¿Non somos quen de entender que o equilibrio natural e un fio moi fino que se se rompe as consecuencias poden ser irreversibles?, eu creo que calquera alumno de terceiro da eso o entende.

  6. Antes de nada gustaríame aclarar que a especie non pode ser indicada únicamente polo epiteto específico (dicir a especie globulus é unha incorrección debería ser Eucalyptus globulus ou E. globulus). Pareceme un erro bastante importante ao seren prensa especializada en ciencia.

    O segundo é que non acabo de entender a postura que se decidiu tomar con este tema dende este portal. Toda persoa que poda ter acceso ao dictame do Comité Científico e ao informe da Subdirección General de Política Forestal podería veríficar que un ten máis de 60 artigos citados é outros só ten un, e a ciencia polo que sei non funciona así, o tempo dos sabios que o saben todo acabouse con Sócrates.

    O outro que me sorprende e que se un lee ambos os dous documentos pode darse conta de que un basease en criterios cientificos e ambientais e o outro en criterios socioéconomicos é politicos, polo que dende un portal especializado en ciencia non se lles debera dar a mesma validez (entendo eu). É certo que desde unha perspectiva realista o impacto económico que pode ter a consideración do eucalipto como especie invasora é bastante importante pero isto non debe ser unha razón para non ser considerada invasora senon para como ben dicides conciliar as dúas posturas. Creo que para todos era mellor haber feito trala declaración un decreto a modo de bula (durante 5 anos prorrogable) baseandose xustamente nestes criterios socioeconómicos.

    Xa non entro na súa redacción, baseada en dialectica política en lugar na escritura cientifica con varias falacias argumentais entre as que se atopan a falacia de autoridade. O avance científico non se basea na opinión dunha única persoa, nin da figura que ostente. A min o que me parece máis grave desta premisa é que argumentación cientifica do informe da Subdirección General de Politica Forestal poderíase resumir nesta frase recollida do mesmo: “Se mezcla el supuesto carácter invasor del eucalipto con consideraciones sobre biodiversidad, propiedades del suelo y riesgo de incendios que absolutamente tienen nada que ver con la supuesta invasión de ecosistemas.” Isto é como dicir que a especie, Oxalis pes-caprae non ten importancia o efecto moi negativo que xera ao enriquezer o solo e estabilizar as areas, desplazando a vexetación ruderal (o que implica que produce unha reducción da biodiversidade da zona). É dicir, está dicindo que as razón que identifican ao eucalipto coma especie invasora (a maior capacidade de invasión do eucalipto producese tras un incendio) non teñen que ver co seu carácter invasor… cousa que é absurda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.