Galicia acollerá unha cátedra sobre enfermidades crónicas

O proxecto busca dar resposta ao crecente número de afectados por este tipo de doenzas e o gasto que xera a situación no sistema sanitario

A Universidade de Santiago de Compostela anunciou este mércores a creación da Cátedra de Cronicidade, que estará dirixida polo doutor Antonio Pose, profesor titular de Medicina e xefe de servizo de Medicina Interna do CHUS. O vindeiro 13 de decembro celebrarase un acto público de presentación do proxecto no Salón Nobre de Fonseca, que conta co apoio de de Otsuka Pharmaceutical, Baía Software, Daiichi Sankyo e Philips Ibérica. A iniciativa xorde da necesidade que evidencian os datos no sistema sanitario: un 76% das actuacións médicas, tanto en atención primaria como hospitalaria teñen que ver coa cronicidade, un paraugas baixo o que se acubillan ata un 40% dos galegos e galegas que padece unha ou varias enfermidades crónicas. Os datos tamén apuntan que un 4% dos pacientes, crónicos cun ou varios problemas de saúde, consomen ata o 60% dos recursos sanitarios do orzamento médico.

Tal e como explican desde a USC, o propio avance da ciencia médica converte enfermidades antes fatais en crónicas, como sucede con moitos tipos de cancro, a diabetes, ou patoloxías como o VIH. É probable que pronto ocorra o mesmo con enfermidades dexenerativas como o Alzheimer. Isto provoca que a poboación afectada sexa cada vez máis numerosa e de maior idade, o que á súa vez demanda máis atención do sistema. Porque, nestes casos, o coidado e unha boa xestión do paciente substitúe á curación, da que aínda non dispoñemos en moitas enfermidades crónicas.

Publicidade

Así, ante a imposibilidade de curar a doenza en moitos casos, hai que abordar un tratamento eficaz e unha continuidade de coidados. Unha idea sinxela, non tan fácil de trasladar ao sistema sanitario actual,  perfeccionista no trato dos enfermos agudos, que aínda require reorganizarse para ofrecer un plan de apoio a este colectivo, tanto no sector saúde como no social. Ante isto, apunta a USC, as facultades de Medicina e Enfermaría deben tamén adaptarse a esta realidade e así poder apoiar ás autoridades sanitarias e sociais a atender este reto.

Ademais da dirección de Antonio Pose, a Cátedra de Cronicidade contará co doutor Rafael  Bengoa – senior fellow da Universidade de  Harvard,  codirector do Institute  for Health and  Strategy e ex-conselleiro de Saúde do Goberno Vasco-, como asesor técnico. A iniciativa promoverá debates ao redor das posibles medidas a adoptar. Entre elas, o uso das novas tecnoloxías, os cambios de funcións nos profesionais clínicos, o papel crecente do paciente e a integración de coidados.

Publicidade

No acto de presentación da cátedra celebrarase tamén unha mesa redonda na que tomarán parte algúns dos máis destacados profesionais da Medicina en España: a doutora Ruth Beira, presidenta saínte da Sociedade Española de Oncoloxía Médica; o profesor Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; o doutor Rafael Matesanz, creador e fundador da Organización Nacional de Transplantes; e o doutor Rafael Bengoa.  A perspectiva do paciente achegaraa Laura Quintas, presidenta da Asociación Galega de Hemofilia e vogal de COGAMI.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Péptidos para transportar medicamentos xenéticos: a aposta de TraffikGene

A empresa nada na USC, gañadora GCiencia Galicia Spin-Off como Idea Emerxente, desenvolve unha plataforma para conducir ADN e ARN ao interior das células

Radiografía do consumo de alimentos ultraprocesados na infancia: “Estase a perder a dieta atlántica”

Unha investigación con participación galega relaciona este tipo de comida con sobrepreso e obesidade, resistencia á insulina e dislipemias en idades preescolares

A historia de Sancha e do crego Vivian: vivir á marxe do matrimonio no Lugo do século XIII

Un estudo da USC analiza dous textos do mosteiro de Oseira nos que aparece por primeira vez na documentación galega a palabra "concubina" dunha forma non represiva

Que hai detrás dunha axuda Marie Curie? Catro investigadores contan como conseguiron a súa

Atopar un grupo receptor complementario, construír un proxecto sólido e contar con apoio institucional son algunhas das claves que destacan os beneficiarios das bolsas europeas no CiQUS