Tres colectivos do persoal investigador de Galicia celebran este martes nas instalacións do CiMUS de Santiago de Compostela unha mesa redonda para abordar a situación da carreira científica en Galicia. O Colectivo de Investigadores/as Posdoutorais de Galicia e a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC), que nos últimos meses se organizaron para reivindicar a mellora das súas condicións laborais por diversos asuntos, reúnense tamén coa Plataforma Galega de Traballadoras/es en Investigación Sanitaria (PLAGTIS) neste encontro.
O debate serve, deste xeito, para presentar ao Colectivo de Investigadores/as Posdoutorais de Galicia, rede formada no pasado mes de xullo a raíz das protestas polas condicións da nova convocatoria de axudas posdoutorais, que reducía o número de axudas correspondentes á Modalidade A de 51 a 46 contratos e prevía deixar no paro durante cinco meses aos máis de trinta investigadores, que na actualidade están inmersos no novo concurso da Modalidade B. Segundo os seus impulsores, o colectivo “aspira a converterse nun interlocutor habitual entre o persoal posdoutoral das universidades galegas e os organismos da Xunta de Galicia encargados de deseñar os programas de captación e retención de investigadores novos”.
A Xunta rectifica e ofrece un contrato temporal aos investigadores posdoutorais
Na xuntanza participan Laura Camino Plaza e Daniel Cao Labora en representación da AIC, Iván Villarmea Álvarez pola banda do colectivo posdoutoral e Adrián Cordido Eijo no nome da PLAGTIS. Os tres colectivos coinciden na súa crítica á política científica da Xunta de Galicia e as universidades galegas, que segundo a súa visión “están caracterizadas pola mercantilización e a precarización da investigación”.
Expoñen que “esta tendencia provoca que as persoas que comezan ou tentan desenvolver aquí a súa carreira investigadora teñan por diante un escenario de contratos escasos, case sempre temporais e normalmente precarios, que dificultan o desenvolvemento das súas respectivas investigacións, así como a conciliación destes traballos coa súa vida persoal e familiar”.
Fronte a isto, os colectivos propoñen “ampliar e redeseñar o modelo de financiamento da investigación en Galicia”, para “artellar unha política científica que asegure máis e mellores oportunidades a curto e medio prazo para as persoas que queiran investigar aquí”.
Alén disto, estas agrupacións expoñen que “a longo prazo sería necesario acordar medidas que garantan a profesionalización estable e digna da carreira investigadora e faciliten o tránsito entre as súas distintas fases”. Para isto, abren a porta á creación dun espazo de encontro e de debate onde poder compartir experiencias, problemas e propostas.
Segundo informaron os representantes dos investigadores posdoutorais, teñen previsto reunirse en próximas datas con representantes da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria para debater varias propostas, como as que atinxen, dunha banda, “á necesidade de fixar un calendario anual estable para as distintas convocatorias de axudas pre e posdoutorais, e doutra, á creación dunha Modalidade C que consolide a traxectoria dos investigadores posdoutorais que xa pasaron polas Modalidades A e B”.