Sábado 20 Abril 2024

A Xunta rectifica e ofrece un contrato temporal aos investigadores posdoutorais

A Consellería asinará esta semana coas universidades un convenio para financiar os contratos mentres se realice o proceso de avaliación

A Xunta de Galicia reacciona despois das protestas de máis de 30 investigadores posdoutorais de alto nivel, que viron, na súa maior parte, como se quedaban desde o pasado 30 de xuño, e durante un mínimo de cinco meses, sen contrato e sen traballo debido a un atraso no procedemento das súas axudas. Na mañá deste luns, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, anunciou a sinatura dun convenio coas tres universidades galegas para financiar os contratos mentres se realice o período de avaliación para o posible acceso á Modalidade B desta liña de axudas.

Este acordo parte dunha proposta enviada o pasado venres polos vicerreitorados de Investigación das universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, e que foi aceptada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Este mesmo luns, segundo anticipou Díez de Castro, xa se lles remitiu o compromiso ás institucións académicas para formalizar o contrato destes científicos nesta mesma semana.

Publicidade

Con esta decisión, segundo sostén a Xunta, garántese “que todo o persoal posdoutoral que finalizou o contrato da modalidade A o pasado 30 de xuño continúe contratado polas universidades con financiamento da Xunta de Galicia ata o 15 de outubro”.

No caso das persoas prexudicadas polos permisos de paternidade e maternidade, desde o Goberno galego afírmase que se “lles garantirá a ampliación da contratación para que poidan presentarse na convocatoria de 2020 nas mesmas condicións que o resto de aspirantes”.

As voces da elite precaria da ciencia en Galicia: “Só pedimos sentido común”

“Podíase ter aforrado o problema”

O anuncio da Xunta foi acollido de forma positiva por parte do colectivo de investigadores afectados. Un dos seus representantes, Anxo Mena, expuxo, porén, que “podíase ter aforrado o problema, tendo en conta que a situación xa se vía vir, e cústanos comprender por que non se fixo antes. Houbo xente que tivo que deixar as súas vivendas, cambiar os seus plans, etc.”.

Con todo, os científicos quedan tamén á espera de ver como se concreta este anuncio. “Imos esperar a saber cales son as condicións e como se aborda cada caso en concreto”, expón Mena. Nesta semana, os afectados continuarán reuníndose con representantes autonómicos e das universidades para buscar unha saída rápida á situación.

Cambios na convocatoria

Na mesma comparecencia deste luns, José Alberto Díez de Castro tamén avanzou que a Consellería de Educación modificará a seguinte convocatoria de axudas posdoutorais para adiantar o período de avaliación e posibilitar que se inicie antes da finalización do contrato da Modalidade A. “A nosa intención é que ao remate deste contrato saiban xa se contan ou non con avaliación positiva e poidan planificar presentarse ou non á convocatoria da Modalidade B”, indicou. Dáselle resposta así á demanda feita polos representantes do colectivo de investigadores posdoutorais na xuntanza mantida a pasada semana.

Esta liña de axudas ten cinco anos de duración; nunha primeira fase, a Modalidade A, os investigadores completan unha estancia de dous anos no estranxeiro para finalizar cun ano máis de traballo en Galicia. Unha vez rematada esta Modalidade, os científicos son avaliados para poder continuar na Modalidade B, unha convocatoria distinta, tal e como subliñou a Xunta este luns. Porén, tal e como destacaron os científicos nas súas demandas, nunca se producira tanto retraso (cinco meses), no paso dun contrato ao outro, o que prexudicaba, segundo eles, o mantemento da súa actividade docente e investigadora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático