Venres 26 Abril 2024

34 científicos de prestixio denuncian que a Xunta os deixa sen contrato

Os investigadores dun plan de formación posdoutoral fican en terra de ninguén durante cinco meses por un atraso no procedemento

Desde este domingo 30 de xuño, a grande maioría dos 38 investigadores de alto nivel contratados polas universidades galegas e pertencentes á promoción de 2016 do programa de formación posdoutoral I2C están oficialmente sen contrato e sen traballo. E así seguirán, se a Xunta de Galicia non o soluciona, polo menos ata o vindeiro 15 de novembro. É a situación que denuncian un grupo de científicos que optan á segunda fase deste programa de axudas, coñecida como Modalidade B, de dous anos de duración, despois de completaren os tres primeiros anos na Modalidade A. Este programa é o plan de referencia para a captación e retención de talentos científicos na etapa posterior ao doutoramento, que financia na súa primeira fase estadías de dous anos no estranxeiro para despois retornar a Galicia e establecer logo a súa liña de investigación.

Nun comunicado asinado por 34 destes 38 investigadores adscritos ás tres universidades galegas, exponse que, co calendario previsto, os científicos que pasen da Modalidade A á B (serán seleccionadas 21 destas 38 persoas) “ficarán como mínimo cinco meses desempregados sen poder continuar coas súas respectivas investigacións durante ese tempo, no que tampouco poderán acceder aos seus centros de traballo nin dar clases no primeiro semestre do vindeiro curso”. Na maioría dos casos, a situación prexudica, ademais dos propios afectados, a grupos de investigación e investigadores en doutoramento, mestrado e grao de cuxa titorización se encargan estes científicos.

Publicidade

Ademais da situación de desemprego, os afectados denuncian a incerteza de cara á nova fase de contratación, xa que “nin sequera saberán o estado da súa avaliación nin as posibilidades que terán de obter o novo contrato antes de solicitar a prestación por desemprego nas datas previstas pola Administración”.

O “proceso habitual” neste tipo de contrato, segundo a Xunta

Fontes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional consultadas por GCiencia responden que se trata do “proceso habitual para pasar da axuda posdoutoral A á axuda posdoutoral B”. Engaden desde a Xunta que dito procedemento “consiste en facer a avaliación da fase A antes de que poidan iniciar a fase B, dado que hai que comprobar que superaron a fase B. Polo tanto, non se pode facer doutro xeito“, argumentan, aclarando tamén que só 21 dos 38 beneficiarios da Modalidade A pasaran á B.

Esta foi a situación que se lles transmitiu desde a Consellería a varios representantes dos investigadores nunha reunión celebrada este luns. Ante isto, os científicos esixen “unha solución” ante a “precariedade e desamparo” na que se ven “até que se publique a resolución das novas axudas da Modalidade B”. Non en tanto, Anxo Mena, un dos voceiros dos investigadores, aclara en declaracións a GCiencia que en situacións anteriores, o retraso non pasaba de dous meses e, ademais, os científicos xa tiñan unha resposta á avaliación, algo que non acontece este ano.

Respecto a posibles alternativas, propoñen a concesión de novos contratos, unha medida que segundo os investigadores “non supón un gasto adicional para a Xunta de Galicia xa que queda diñeiro orzado na convocatoria do 2016 sen gastar debido a desvinculación de 15 investigadores do programa” –segundo as estimacións do colectivo– e que ao seu xuízo “é máis que suficiente para cubrir estes contratos até a resolución da Modalidade B”.

Expoñen os investigadores que este tipo de contratos “foi unha solución aplicada con éxito noutros anos, mais desta vez foi descartada pola Xunta alegando que son contratos ilegais e que son as Universidades as que teñen que asumir os costes destes contratos”, algo que se descarta desde as institucións académicas.

“Fuga de cerebros”

O balance da reunión por parte dos asinantes do comunicado foi que non houbo “ningún compromiso” por parte da Xunta, un panorama de “falta de interese” que, segundo o colectivo, “está a provocar que moitas persoas abandonen o programa para traballar noutras institucións do estado e doutros estados, co prexuízo que esta fuga de cerebros implica para o conxunto da cidadanía galega no medio e longo prazo”.

Retrasos e baixas por paternidade e maternidade

O problema afecta especialmente a varias persoas que solicitaron unha baixa de maternidade ou paternidade. Expón o comunicado que estas persoas “terán que agardar até a próxima convocatoria do programa, rematen cando rematen o seu contrato, e sen saber se haberá convocatoria para o ano próximo, para que o seu traballo na Modalidade A sexa avaliado”.  Así, os afectados pediron unha prórroga equivalente para estas persoas, de xeito que poidan seguir contratadas até a resolución do concurso que lles corresponda, e insistiron tamén na necesidade de estabilizar no tempo as convocatorias deste programa, sen os atrasos que se veñen acumulando dende o ano 2015, para evitar a repetición destes problemas no futuro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez