Ourense dá os primeiros pasos dun centro de investigación sobre intelixencia artificial

O novo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse este luns co reitor da UVigo, Manuel Reigosa, para abordar este e outros temas do campus da cidade

Este luns a alcaldía de Ourense acolleu a celebración do primeiro encontro entre Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e o novo alcalde da cidade das Burgas, Gonzalo Pérez Jácome. A xuntanza foi unha primeira toma de contacto para fomentar a colaboración entre o concello e a institución académica e nela tiveron un especial protagonismo as necesidades futuras de espazo do campus de Ourense e o proxecto de posta en marcha dun centro de investigación sobre intelixencia artificial.

Á reunión entre os representantes das dúas institucións tamén asistiron Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; José Luís Míguez, vicerreitor de Planificación e Sostibilidade; Miguel Ángel Michinel, secretario xeral da Universidade de Vigo, e os concelleiros Miguel Caride e Mª Teresa Rodríguez. Antes da súa celebración o alcalde tamén se reuniu con David Nicholas Olivieiri, profesor da Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense, para falar da mesma cuestión da posta en marcha do centro de investigación de intelixencia artificial. Ao remate da xuntanza, Gonzalo Pérez Jácome salientou como o encontro co equipo da Universidade de Vigo “é o inicio dunha etapa de traballo moi importante para a cidade de Ourense e obviamente para o sur de Galicia”.

Publicidade

Mesa de traballo

Sobre un dos temas principais do encontro, a proposta do Concello de Ourense de traballar na posta en marcha dun centro de investigación sobre intelixencia artificial, o reitor salientou como “nós desde logo saudamos a idea e imos participar, tanto a través de Informática como doutras titulacións que hai no campus”. Manuel Reigosa agradeceu o convite do alcalde para participar neste proxecto e salientou a súa confianza en que “outras administracións tamén se apunten ao carro e que entre todos poidamos facer unha iniciativa pioneira e con futuro”.

Pola súa banda, Pérez Jácome recalcou como “albergando a carreira de Informática aquí, obviamente é fundamental a cooperación con este campus e con esta universidade” no referido ao centro proposto. Co apoio da Universidade, apuntou o alcalde, vaise establecer unha comisión de traballo “para intentar dar saída” a este proxecto. “O feito de que a Universidade de Vigo estableza unha comisión de traballo co Concello de Ourense para empezar este proxecto é un apoio definitivo e unha condición fundamental para algo que ten que trunfar”, salientou Jácome. Esta comisión, adiantou o alcalde, buscará “como empezar este proxecto e como involucrar ás administracións supramunicipais, empezando pola Deputación pero principalmente a Xunta de Galicia, o estado español e Europa”. Sobre a ubicación deste centro de investigación de intelixencia artificial, alcalde e reitor coincidiron en salientar en que “o ideal” sería que estivera situado na contorna do campus de Ourense, indicando o reitor a posibilidade de que sexa un edificio “mixto”. “Así favoreces as sinerxías entre os investigadores que xa hai na Universidade e os novos investigadores que formen parte deste centro”, dixo Manuel Reigosa.

Publicidade

Edificios

Outros temas abordados durante o encontro foron os de carácter urbanístico. Un deles foi o estado do edificio do Campus da Auga, pendente de apertura. “É un tema de licenzas que estamos a traballar tanto por parte da Universidade, que temos que facer algún estudo técnico, como por parte do concello, que se comprometeu a facer o máis rápido posible a acreditación deste edificio”, comentou o reitor. “Agora mesmo hai unha especie de bloqueo e vamos a intentar liberalo canto antes para que se poida ocupar obviamente no mes de setembro”, dixo pola súa banda o alcalde.

Tamén se falou da instalación da planta piloto da Facultade de Ciencias, sinalando o alcalde como “vamos a intentar facela nas inmediacións do edificio Politécnico”, e da construción dun edificio propio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. “Pensamos que a titulación, que é unha titulación que está a acoller alumnado de altas capacidades e que está tendo un tirón extraordinario e que ten un futuro creo que moi brillante, que pode ser incluso tractora para a industrial local e galega, ten que ter un edificio de seu”, sinalou o reitor lembrando como “estamos vendo distintas posibilidades dentro do campus actual”. Por último, e de cara ao futuro do campus de Ourense e pensando en novas titulacións que se poidan instalar nel cando se abra o mapa de titulacións, Manuel Reigosa pediulle ao alcalde da cidade que se busquen espazos para a ampliación do campus con novos edificios, que o alcalde cifrou en cando menos dous.

A preguntas das e dos xornalistas sobre o Mestrado de Aeroespacial, o reitor indicou por último que a decisión sobre a súa implantación está nas mans da Xunta de Galicia pero amosou a súa tranquilidade porque “a Xunta garántenos que aínda que sexa interuniversitario, que non sei se o vai a ser, farase en Ourense e desde logo será Ourense quen o lidere”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Está empobrecendo a IA a linguaxe xornalística (e da sociedade)?

A propagación da IA e o consecuente adestramento doutros modelos con textos sintéticos contribúe a eliminar a diversidade e riqueza lingüística. Por Xosé López-García e Cristian Augusto González Arias

Unha nova ferramenta de IA analiza a microbiota da poboación galega para anticipar enfermidades

Dous investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur crean un novo índice para identificar zonas de actuación prioritaria e apoiar a toma de decisións sanitarias

Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC Galicia desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek