Xoves 28 Marzo 2024

Captan o raio verde nas Cíes no solpor máis tardío do ano

A fotógrafa afeccionada Sandra Sánchez puido fotografar coa súa cámara este curioso fenómeno desde a ponte que cruza a Lagoa dos Nenos

Dous feitos pouco habituais coincidiron o pasado venres á hora do solpor nas Illas Cíes. No marco dunha paisaxe cativadora, tivo lugar o solpor máis tardío do ano, pasadas ás 22.15 horas e, xusto nese momento, cando o Sol se agochaba no horizonte, apareceu un fenómeno óptico que leva cativando ao ser humano desde hai moito tempo, pero que poucas veces, debido á súa brevidade, pode ser capturado en imaxes para amosarllo a quen non o viviu en directo: o raio verde.

A maioría das veces son necesarios equipos fotográficos moi precisos e preparados para poder retratar o raio verde. Pero desta vez foi unha afeccionada cunha cámara e un pequeno obxectivo de 200mm a que o recolleu. “Non o vin no momento, estaba facendo fotos do solpor e non me fixei en todas as fotos que fixera”, explica Sandra Sánchez, unha profesora de Chantada que estaba pasando a fin de semana nas Illas Cíes. Pero este domingo, ao revisar as imaxes, Sandra viu que tiña o raio verde entre as súas fotografías.

Publicidade

“Non o cría, estou moi feliz“, explica a profesora, quen subliña o feito de ter captado o fenómeno sen trípode e coa cámara en modo automático. As imaxes tomounas cara ao mar aberto desde o dique que fai de ponte entre a illa do Faro e a illa de Monteagudo a través da Lagoa dos Nenos.

O raio verde

O fenómeno coñecido como raio verde adoita producirse xusto despois da saída do Sol ou antes do solpor. É debido a que en determinadas condicións a atmosfera produce un fenómeno de dispersión e difracción das ondas de luz que anula algunhas cores do espectro visible para os humanos, mentres que maximiza as ondas arredor dos 525nm, que se corresponden cos tons verdosos. É pouco habitual velo, e aínda menos retratalo. Artistas e escritores como Jules Verne (que lle dedicou un libro á súa procura) teñen moito falado sobre el. Tamén se mencionaba no filme Piratas do Caribe como unha especie de mito.

Hai outra variante, menos habitual, que é o raio azul ou violeta. Para observalo, é preciso que se maximicen só as ondas de luz arredor dos 450nm. Hai poucos documentos gráficos no mundo que amosen a súa presenza. Un deles foi captado hai tres anos en Galicia por Alfredo Madrigal nos cantís de Loiba. Do mesmo xeito que Sandra Sánchez, Madrigal non caera na conta de que vira este pouco habitual fenómeno ata que revisou o seu material.

Captan por primeira vez en Galicia o raio azul do Sol

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:35

A titánica loita dun polbo por sobrevivir ao ataque dun congro nas Rías Baixas

Un estudo describe as grandes habilidades destes moluscos para escapar e loitar contra os seus depredadores
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

Así é como unha cría de polbo trata de camuflarse nas profundidades das Cíes

O biólogo mariño Jorge Urcera captura a imaxe dun individuo que levanta dous dos seus tentáculos para facerse pasar por unha alga

Así varía a posición do Sol ao longo dun ano

As fotografías de David Couce permiten observar como o astro muda o lugar polo que se oculta en función do mes no que observemos o atardecer