Venres 19 Abril 2024

Cal é realmente o solpor máis tardío e o amencer máis temperán?

Aínda que situamos o solsticio de verán o 21 de xuño, nin ese día se producen o amencer máis 'madrugador' nin o solpor máis retrasado; aquí o explicamos

Achégase o 21 de xuño e a noite de San Xoán. A situación xeográfica de Galicia e a adscrición ao fuso horario da maior parte de Europa, estando no extremo occidental, ofrecen estes días a posibilidade de ver como a escuridade nocturna non chega ata pasadas as 23 horas. E esta situación deixa ver varios fenómenos que rachan co mito de que o solsticio de verán coincide exactamente co amencer máis temperán e o solpor máis tardío. Porque non é así:

A rotación e traslación da Terra

Se vostede quere gozar nos días próximos dos amenceres máis temperáns do ano, debe darse présa. Porque se o fai o día 21, xa estará chegando tarde. Tal e como se pode consultar na web de MeteoGalicia, nesta mesma fin de semana comezarán a retrasarse os amenceres. Así, este domingo 16 amencerá, por exemplo, ás 6.56 horas no en Pontevedra e ás 6.57 no porto de Vigo. Pero se consultamos os datos do martes 18, o Sol xa sae un minuto máis tarde nestes dous puntos: as 6.57 na capital provincial e ás 6.58 no peirao vigués. Algo semellante acontece co que recolle o Instituto Geográfico Nacional para as cidades de Lugo e A Coruña: nesta fin de semana, entre o 14 e o 16, o Sol sairá ás 6.50 na capital lucense e ás 6.52 na cidade coruñesa (uns minutos antes ca no sur de Galicia debido á latitude, máis ao norte, e Lugo será anterior debido a que está máis ao leste). Pero por que pasa isto?

Publicidade

Esquema da diferenza entre día sidéreo e día solar.
Esquema da diferenza entre día sidéreo e día solar.

“Para comprender isto hai que imaxinarse os movementos de rotación e traslación da Terra”, explica o físico da USC Jorge Mira. “Fagamos a proba: poñámonos de pé, mirando cara a unha parede, e xiremos 360º. Veremos de novo o mesmo punto na parede. Pero o que está facendo a Terra, ademais de rotar, é trasladarse, polo que ao xirar 360º (o que vén sendo un día completo), non vería a mesma ‘parede’, como nos pasaría a nós”, expón Mira. O catedrático da USC engade, alén disto, que esa rotación non dura exactamente 24 horas, senón 23 horas e 56 minutos, o que introduce unha pequena variación: “A Terra precisa eses catro minutos a maiores para rotar un pouco máis e poñerse na mesma situación respecto ao Sol”. Este matiz é o que diferencia o día sidéreo, o que dura 23 horas, 56 minutos e catro segundos, do día solar, que dura 24 horas.

A velocidade da Terra ao longo do ano

Hai máis factores no xiro da Terra arredor do Sol que inflúen nisto, e que son precisos para comprender estes matices. “A Terra non corre igual en todas as épocas do ano – explica Mira -. A órbita é elíptica, non circular, e por tanto a distancia respecto da estrela non é a mesma ao longo das estacións. No verán do hemisferio norte, está máis lonxe, e ao producirse unha atracción gravitatoria algo menor, viaxamos algo máis lentos. Entón, o percorrido que debe facer o planeta para poñerse de novo na mesma situación respecto ao Sol é menor. Por iso o verán na metade norte do planeta dura máis, é cinco días máis longo ca no sur, e por iso temos tamén un inverno máis curto”.

O físico galego detállao así: “Agora mesmo estamos indo cara ao afelio, o punto máis afastado do Sol. Chegaremos o 4 de xullo, e aí a Terra irá á súa velocidade máis baixa. Por esa razón o verán dúranos máis no norte que no sur (o perihelio é o 4 de xaneiro, cando alí están no seu verán, que lles dura uns cinco días menos). Como a Terra está decrecendo a súa velocidade, iso fai que o tempo extra a engadirlle ao día sidéreo sexa menor que a media (ou sexa, o tempo total necesario para que a Terra vire para ter a mesma posición do Sol é menor que 24 horas) e por iso se nos alongan os solpores”.

Latitude, solpor e amencer

Situación da Terra respecto ao seu eixo de rotación e o sol no solsticio de verán, o día máis longo do ano. Fonte: IGN.
Situación da Terra respecto ao seu eixo de rotación e o sol no solsticio de verán, o día máis longo do ano. Fonte: IGN.

Esta situación, engadida á inclinación do eixe de rotación da Terra, é a causante que o amencer máis ‘madrugador’ e o solpor máis atrasado non coincidan no 21 de xuño. “A latitude inflúe tamén moito nisto. Hai que ter en conta que a Terra non é perfectamente esférica, e eses matices. Así que se nos imos ao Ecuador, en Quito, por exemplo, vemos que os solpores máis temperáns nesta época do ano foron en maio, e non agora. E se pola contra miramos en latitudes altas como Oslo,vemos que os amenceres máis temperáns están moi preto do solsticio”, expón Mira.

Por tanto, do mesmo xeito que o amencer extremo do ano xa se está producindo, o solpor seguirase atrasando ata case o final de xuño.

Con todo, no cómputo global da diferenza entre o día e a noite, o día no que coincide o solsticio sí é o máis longo do ano. Valga un exemplo, con Santiago de Compostela:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A seguinte eclipse solar total será en 2026 e si, poderase ver dende Galicia

Dentro de dous anos, o fenómeno observarase en todo o seu esplendor na zona oeste do territorio galego arredor das 20:20 horas
00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

A Lúa non ten ceo

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de “E se estivésemos equivocados? E se a Terra...