Venres 19 Abril 2024

Fuso horario: por que Galicia non ten a mesma hora ca Portugal?

Esta madrugada, como todos os anos a finais de marzo, os nosos reloxos adiantaranse unha hora para adaptarse ao horario de verán. Unha medida que é cuestionada por algúns expertos, xa que o cambio de hora apenas supón un aforro dun 0,4% no consumo eléctrico en Galicia, o principal argumento que se apunta á hora de xustificar o adianto. Porén, a nosa situación xeográfica regálanos outros privilexios, como o feito de ter en cabo Touriñán, en Muxía, o último solpor da Europa continental durante varios meses e, tamén co cambio de hora, poder gozar da luz solar ata ben entradas as 22 horas nos días máis próximos ao solsticio de verán.

E aproveitando o día do cambio de hora, o Portal das Palabras, proxecto lexicográfico que impulsan a Real Academia Galega e a Fundación Barrié, explícanos a orixe etimolóxica do termo fuso horario, é dicir, cada un dos 24 meridianos nos que se divide o globo terráqueo e que determinan as horas de cada rexión do planeta. Entre eles hai unha separación de 15 graos e unha hora de tempo, de aí as diferenzas de horario. Porén, esta división non é sempre exacta, xa que se ve influída por cuestións territoriais e políticas. É o caso de Galicia, que ten a mesma hora que Berlín ou Estocolmo aínda que está á mesma lonxitude ca Portugal ou Reino Unido, que teñen un horario distinto.

Publicidade

A orixe do fuso horario

Pois ben, tal e como explica o Portal das Palabras, o étimo de fuso horario está no latín fusus,-i. De forma literal, hoxe en día o dicionario da Real Academia define fuso como un “instrumento, xeralmente de madeira, de forma arredondada e alongada, que se estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra”. E este símil co fío lévanos á mitoloxía clásica: engade o Portal que “o seu uso estaba ligado ás Parcas, as fiandeiras mitolóxicas que tecían os fíos do destino dos mortais igual ca as Horas, como vén ao caso, eran orixinalmente as personificacións ou deusas da orde da natureza e das estacións”.

Non é difícil, por tanto, imaxinar ao noso planeta como unha pelota cuberta de fíos en mans das deidades, en sentido figurado, claro está. Como se colleramos unha laranxa e, partindo dos seus dous extremos, a partiramos en 24 anacos do mesmo grosor. E así desenvolveuse a actual definición de fuso horario, que se refire a “cada unha das 24 partes en que se divide a superficie terrestre para establecer a hora común a todos os puntos nela situados”.

No século XIX estableceuse esta división dos fusos, tomando como base o famoso meridiano de Greenwich, situado nun antigo observatorio de Londres. Desde aquí, a leste e oeste, íanse sumando ou restando horas. O cálculo realízase a partir da media ponderada dos reloxos atómicos distribuídos por observatorios de todo o globo, sincronimzados co tempo medio do reloxo de Greenwich.

O actual horario, desde a Segunda Guerra Mundial

Con todo, Galicia e España non tiveron sempre o horario actual. Desde a conferencia de Washington de finais do século XIX, a Península Ibérica tiña un horario unificado, o mesmo que Francia e Reino Unido. Porén, durante a Segunda Guerra Mundial, a ditadura de Franco decidiu adiantar a hora para facela coincidir co resto de Europa, nun xesto que algún viron como de afecto cara Hitler. Porén, Francia, ocupada polos nazis naquel momento, fixo o mesmo, pero tamén Reino Unido, por unha cuestión práctica dentro da guerra que mantiña contra a Alemaña nazi. Porén, ao rematar a guerra, Gran Bretaña volveu ao seu horario habitual, mentres que Francia e España decidiron ficar co mesmo.

 

1 comentario

  1. cada un dos 24 meridianos nos que se divide o globo terráqueo e que determinan as horas de cada rexión do planeta.
    Ojo. El globo terráqueo no se divide en 24 meridianos. Se divide en infinitos meridianos, de los cuales 24 específicos y separados 15 grados entre ellos, se utilizaron para definir los husos horarios.
    Es más existen paíse como Irán cuya hora oficial es UTC+2h30’.
    Saludos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204