Representación artística do asteroide Oumuamua.

Atopan unha explicación ao asteroide que semella unha nave espacial

Astrofísicos publican na revista Nature Astronomy un posible encaixe natural ao misterioso obxecto que visitou o Sistema Solar

Segue a ser un misterio. Pero xa hai unha posible explicación a Oumuamua, o asteroide que ten abraiados aos astrofísicos porque non se parece a nada visto anteriormente. Xa pasaron case dous anos dende que, o 19 de novembro de 2017, un telescopio no cume dun volcán hawaiano atopou este visitante inesperado. Tiña un aspecto fusiforme, estreito e longo. Viaxaba a 95.000 km por hora e daba voltas como se fora unha hélice. Por riba, viña de fóra do Sistema Solar.

Oumuamua significa ‘explorador estelar’ na lingua de Hawai. E algúns científicos especularon coa posibilidade de que fora unha nave alieníxena. Porque todo era raro, como o feito de que aumentase a súa velocidade ao achegarse ao Sol, algo que fan os cometas, pero este obxecto non levaba un ronsel de gases e refugallos.

Agora, segundo unha nova investigación, Oumuamua non é unha nave espacial alieníxena. Pero tampouco podemos afirmalo con seguridade sen examinalo detidamente, e agora está fóra do noso alcance. Pero, despois de revisar todas as observacións do obxecto, un equipo internacional de científicos chegou á conclusión de que todo o que sabemos sobre el é consistente cunha orixe natural.

A nova investigación rebate as palabras da astrofísica de Harvard Avi Loeb, ‘enfant terrible’ desta disciplina, quen suxeriu a posibilidade de que a rocha fose unha sonda alieníxena. Non se trataba dunha hipótese para teorías da conspiración ou ‘ufólogos’. Senón todo un reto para os científicos, que moitas veces na historia gozan con estes xogos mentais: ter que refutar algo inverosímil pode ser moi divertido… e tamén bo para avanzar na ciencia.

Pero a nova investigación publicada en Nature Astronomy pode tranquilizarnos a todos: “Nunca vimos nada como Oumuamua no noso sistema solar. Aínda é un misterio”, dixo o astrónomo Matthew Knight, da Universidade de Maryland. “Pero a nosa preferencia é seguir cos análogos que coñecemos, a menos que atopemos algo único. A hipótese da nave extraterrestre é unha idea divertida, pero a nosa análise suxire que hai toda unha serie de fenómenos naturais que poderían explicalo”.

Oumuamua, que foi visto en outubro de 2017, un mes despois de facer o seu achegamento máis próximo ao Sol, é realmente estraño, mesmo polo feito de que estivo viaxando  centos de millóns de anos a través da inmensidade do espazo.

O único que realmente ten en común con outros obxectos no Sistema Solar é a súa cor avermellada, indicativa dunha composición densa e rica en metais pero abrasada pola radiación cósmica. Todo o demais é estraño.

É longo e delgado como un cigarro, mide ata 400 metros de lonxitude. E ningún outro cometa ou asteroide ten esta forma. Oumuamua fai unha especie de xiros a medida que avanz. E, aínda que o obxecto parece non conter xeo e non emite gases, como o faría un cometa, a súa traxectoria non podería explicarse só pola gravidade, como si o faría un asteroide.

“Esta cousa é rara e certamente difícil de explicar, pero iso non exclúe outros fenómenos naturais que poderían darlle sentido”, dixo Knight. É probable que comezase como un planetesimal , ou fragmento planetesimal (un planeta aínda no proceso de formación nun sistema de estrelas afastado) que foi expulsado ao espazo. Isto é bastante común.

A órbita do novo asteroide interestelar.

As interaccións gravitacionais con outras estrelas e planetas poden arrincar planetesimales cara ao espazo interestelar. Debido ao común que é isto, é posible que estes fragmentos planetesimales interestelares flúan a través do Sistema Solar todo o tempo, simplemente non os detectamos porque xeralmente están por baixo do noso limiar de detección.

Con todo, aínda que Oumuamua chegou e marchou, poida que sigamos aprendendo del. Entre outros telescopios, o Gran Telescopio de Levantamento Sinóptico (LSST) da Fundación Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, que será estreado no 2022, promete atopar máis obxectos interestelares. “Podemos comezar a ver un novo obxecto cada ano”, dixo Knight. “Aí é cando comezaremos a saber se Oumuamua é raro ou é común. Se atopamos 10 ou 20 destas cousas e Oumuamua aínda parece inusual, teremos que reexaminar nosas explicacións”, concluiu o investigador.

E aquí podes atopar o artigo publicado en Nature Astronomy

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.