Doce enfermidades que nos poden contaxiar os animais

As zoonoses teñen causado serios problemas de saúde pública no pasado, aínda que as melloras sanitarias reduciron o seu impacto

A convivencia entre os seres humanos e o resto de animais produce moitas e moi variadas interaccións. Os animais, tanto salvaxes como domésticos, posúen unhas determinadas características biolóxicas que, ás veces, poden desembocar en serias enfermidades nos humanos, e viceversa (non hai máis que ver as advertencias reiteradas sobre as inminentes extincións masivas de especies, e outras que xa aconteceron). Non en tanto, máis da metade das doenzas infecciosas teñen a súa orixe na fauna que nos rodea. Son as coñecidas como zoonoses. Aquí compilamos doce das máis habituais, que nalgúns casos tamén poden xurdir ao consumir alimentos contaminados.

  1. Bartonelose, ou enfermidade da rabuñadura de gato

Bartonella.jpg

O xénero de bacterias Bartonella abrangue un amplo número de especies que poden ser transmitidas por carrachas, piollos ou mosquitos. Mais tamén hai un dos taxóns, a Bartonella henselae, que en humanos cun sistema inmunitario feble pode provocar serios problemas a partir dunha mordedura ou rabuñadura dun gato que non está baixo control sanitario. Entre outros síntomas, esta variante da bartonelose pode producir febre, inflamación nos ganglios linfáticos, inchazón ou ronchas na zona de contacto co gato.

Publicidade

De forma moi ocasional, en nenos pequenos ou persoas maiores, a infección pode trasladarse ao sangue, o aparello dixestivo e mesmo o corazón.

  1. Ántrax, ovellas, vacas e cervos

Bacillus anthracis.
Bacillus anthracis.

Ao escoitarmos falar de ántrax, vennos á cabeza o terrorismo e a guerra bacteriolóxica, pero a súa orixe pode ser tamén natural. Porque o ántrax non deixa de ser o nome da doenza causada polo Bacillus anthracis, unha bacteria que pode estar presente en forma de esporas nas ovellas, vacas ou cervos. Con todo, o seu contaxio por esta vía é moi pouco habitual. Os humanos poden adquirila por vía aérea, contacto físico ou por consumo de líquidos ou alimentos con presenza do bacilo.

Publicidade

A nivel cutáneo, o que acontece na maior parte dos casos, o ántrax maniféstase en forma de lesión cutánea localizada, que se pode necrosar pero pode ser tratada con antibióticos. A forma máis perigosa é a súa entrada no sistema respiratorio ou dixestivo, xa que xeran toxinas que poden causar a morte.

  1. Orf virus

Esta zoonose aparece como unha pústula que se pode converter nunha chaga, e adoita aparecer nas mans e dedos. Abonda con tocar animais infectados, sobre todo ovellas ou cabras ou materiais infectados por este virus. Estas lesións poden durar ata seis semanas e causar dor, pero normalmente desaparecen se se tratan de forma axeitada. Non son transmisibles de humano a humano.

  1. Xiardíase

Os Giardia son un xénero de protozoos presentes nas feces de animais e humanos. Unha das súas especies, a Giardia lamblia, tamén coñecida como G. duodenalis ou G. intestinalis, ten capacidade para infectar a humanos e causar xiardíase, que se transmite a través de calquera substancia ou material que estivera en contacto cos excrementos.

Nas persoas a xiardíase produce diarrea, flatulencias, náuseas e dor, entre outros síntomas. As mulleres embarazadas e os nenos poden sufrir por este parasito episodios de deshidratación grave. Os síntomas poden comezar ata tres semanas despois da infección e durar de 2 a 6 semanas. A xiardíase é tratable con medicamentos e cúrase habitualmente sen maiores problemas. Para evitar o contaxio é recomendable unha boa limpeza doméstica e das mascotas.

  1. Toxoplasmose

Toxoplasma gondii.
Toxoplasma gondii.

Detrás desta doenza está o parasito Toxoplasma gondii,  presente principalmente nos gatos e outras especies de felinos. É unha das zoonoses de maior prevalenza, pero os síntomas leves (cando non inexistentes) provocan que pase moitas veces desapercibida. Dependendo da rexión do mundo, pode transmitirse pola auga, o consumo de alimentos crus (fonte maioritaria de contaxio en Galicia e España), ou o contacto cos felinos infectados.

Con todo, é perigosa para os fetos (de aí a recomendación de que as mulleres embarazadas non coman xamón e produtos semellantes, nin estean en contacto permanente con gatos, xa que pode causar malformacións no feto) e en persoas co sistema inmunitario deprimido.

  1. Granuloma do acuario

A bacteria Mycobacterium marinum aparece en ocasións en tanques onde viven peixes. Adoita afectar ás persoas con contacto habitual con estas instalacións, tanto en acuarios de grande como de pequeno tamaño. Provoca unha lesión cutánea, que xeralmente aparece na man utilizada para estes traballos, que pode evolucionar ata unha dolorosa chaga, e tardar bastante tempo en curar se non se trata de forma axeitada. Para evitar estes problemas é recomendable o uso de luvas impermeables no caso de traballadores destes tanques, sexan piscifactorías, acuarios domésticos ou de gran tamaño.

  1. Febre do papagaio ou psitacose

A Chlamydophila psittaci é unha bacteria que produce a coñecida como psitacose, ornitose ou febre do papagaio. A doenza recibe este nome porque adoita transmitirse a través destas aves tropicais (da familia Psittacidae), ao inhalar fluídos respiratorios ou estar en contacto con feces. É difícil de detectar porque pode ser asintomática nos animais. Porén, nos humanos pode causar febre, dor de cabeza e tose seca. Adoita ser unha infección leve e tratable con antibióticos, pero en ocasións pode derivar en pneumonía.

É recomendable, como en todas as zoonoses, a limpeza das estancias nas que viven estes animais, así como unha correcta xestión dos seus refugallos.

  1. Tiña

Lesión propia da tiña. Fonte: NHS.
Lesión propia da tiña. Fonte: NHS.

Unha das zoonoses cutáneas máis habituais é a tiña, unha infección causada por fungos e que xeralmente se transmite por parte de cans, gatos e outras mascotas. Causa unha erupción en forma circular, que produce comechón e sequedade, e pode xurdir en diversas partes do corpo, como os brazos, os pés, o coiro cabeludo ou a cara.

Pode pervivir en diferentes partes e elementos do fogar, como a roupa de cama, os mobles e prendas de vestir. E tamén pode transmitirse de persoa a persoa. De novo, a hixiene é o método de prevención máis efectivo. Na maioría dos casos, o uso de pomadas axeitadas pode acabar co problema.

  1. Salmonelose

Ao escoitarmos falar de salmonelose, pensamos en alimentos contaminados, sobre todo ovos e carne de aves mal cociñada. Pero non son a única fonte de contaxio. A bacteria Salmonella enterica pode afectar tamén ao organismo humano mediante o contacto con animais domésticos e outras especies, como lagartas, serpes, tartarugas, ras ou píntegas.

Os síntomas da salmonelose adoitan ser a diarrea, cambras abdominais, febre e vómitos, debido á inflamación da mucosa intestinal. Xeralmente desaparece sen maiores complicacións aos poucos días, durante os que se recomenda beber auga con sal e azucre para evitar a deshidratación.

  1. Leptospirose

É unha infección causada por bacterias espiroquetas do grupo Leptospira, transmitida por gando porcino, vacún ou ovino, pero tamén por cabalos e roedores, polo que afecta sobre todo a persoas que traballan no sector gandeiro, como veterinarios, agricultores e industria cárnica. Transmítese mediante o contacto directo cos ouriños ou líquidos corporais de animais infectados, ben de forma directa ou mediante auga con presenza destas bacterias.

Normalmente, os síntomas son leves e semellantes aos da gripe, con febre, calafríos, dor de cabeza e muscular, náuseas e diarrea. Pero nalgúns casos pode complicarse e producir infeccións graves que afectan aos pulmóns, o fígado, os riles ou o corazón. O tratamento con antibióticos é a vía máis recomendable.

  1. Rabia

Afortunadamente é moi pouco habitual, pero é unha das zoonoses máis letais. Está producida polo virus da rabia, da familia Rhabdoviridae, que causa a morte se non é tratada con urxencia. Transmítese case sempre pola mordedura de animais enfermos, principalmente cans, pero tamén morcegos e, nalgúns casos, raposos. Afecta ao sistema nervioso central, con cambios bruscos e estraños no comportamento e acaba en parálise, ata que causa a morte.

Aínda que en Europa e outras partes do mundo a rabia está case erradicada, segue causando mortes en rexións menos desenvolvidas, polo que é esencial a vacinación dos animais.

  1. Borreliose

As carrapatas transmiten o mal de Lyme, con especial incidencia na montaña lucense.
As carrapatas transmiten o mal de Lyme, con especial incidencia na montaña lucense.

A coñecida como borreliose ou enfermidade de Lyme débese á picadura de carrachas que adoitan vivir parasitando a roedores salvaxes ou cervos. A especie Ixodes ricinus porta consigo unha bacteria chamada Borrelia burdorferi, causante directa da zoonose.

Produce erupcións cutáneas circulares en diversas partes do corpo, pero nalgúns casos pode causar tamén problemas a nivel cutáneo, neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco. Nos últimos anos teñen aumentado os casos en Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

Do útero á tumba: como o ambiente no que vivimos inflúe na nosa saúde

Un equipo de investigadores europeos estudan a relación entre a contorna e a enfermidade para evitar doenzas no futuro
00:02:22

Así se comportan os animais cando ninguén os ve

A organización Rebinxe agochou cámaras nos montes galegos para retratar todo tipo de fauna e recompilar información para uso científico

Probamos o ‘traxe da vellez’: así é vivir coma se tiveses 90 anos

O Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría acolle a presentación do simulador co que se experimenta os achaques da idade