Os galegos son os que menos confían nos relixiosos en España

A enquisa de Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía 2018, presentada este xoves polo ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque, racha cun dos tópicos que se transmiten ás veces dentro e fóra de Galicia sobre os cidadáns e cidadás do país. Así, segundo a análise detallada por comunidades autónomas, Galicia é a que menos confianza ten nos relixiosos e relixiosas.

Das persoas ás que se lle preguntou, un 73,6% dos galegos e galegas respondeu que confía “pouco” (26,2%) ou “moi pouco” (47,3%) nos cregos, monxas e calquera outro representante dos poderes relixiosos. E só un 7,7% parece disposto a manter un certo grao de apoio cara a eles: apenas un 3,2% dos galegos cre “moito” nos mensaxeiros de Deus; e outro 4,5%, bastante.

Na escala do 1 ao 5 (sendo 1 moi pouco e 5 moito) a confianza dos galegos e galegas nos relixiosos está no 1,9, notablemente por debaixo da media estatal (2,4), e Galicia é a única comunidade que se sitúa por debaixo do 2. Cabe subliñar que aínda que en Cantabria a valoración é aínda menor (1,6) a pequena mostra obtida desta comunidade (38 persoas), expón, segundo remarca a enquisa, que a error de mostraxe está por riba do 10%, fronte ao 5% de Galicia.

Moita confianza nos científicos

O cuestionario, elaborado polo instituto Ikerfel a encargo da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt), amosa, do mesmo xeito, que en Galicia se confía bastante no labor dos científicos. O 93,5% afirma crer “moito” ou “bastante” neles, cun grao de 4,6 sobre 5, tamén por riba da media estatal (4,5). Un 5,1% di confiar “algo” e apenas un 1,4% manifesta que cre “pouco” (0,7%) ou “moi pouco” (0,7%) a quen fai a ciencia.

Publicidade

Dinosauros e heliocentrismo

Non saen tan ben parados os galegos e galegas noutras das cuestións que se realizan na enquisa. Para valorar a alfabetización científica dos cidadáns, a Fecyt inclúe preguntas sobre o Sistema Solar, as froitas transxénicas ou a época na que viviron os dinosauros. Neste senso, o 16,2% dos galegos cre que humanos e dinosauros conviviron nalgún momento sobre a Terra, fronte ao 15% da media estatal, aínda que lonxe de Castilla La-Mancha ou Catalunya, onde case unha de cada catro persoas (23,2% e 23,3% respectivamente) cren que o que se ve en Parque Xurásico ten algo de certo.

Outra das cuestións que presenta a Fecyt é sobre o heliocentrismo. Un 11,9 % dos españois e un 11,2% dos galegos cre que o Sol xira arredor da Terra, aínda que a opinión maioritaria, preto do 90%, apoia o que xa defenderon Copérnico ou Galileo hai varios séculos. Con todo, hai casos preocupantes, como os de Murcia, onde un 26,5% dos cidadáns cren que é o Sol quen se move arredor de nós.

Pseudociencias

Outro dos aspectos nos que a enquisa fai fincapé é o das pseudociencias, despois de presentar un plan para impedir que se practiquen nos hospitais, algo que está xerando un importante en prácticas como a acupuntura. Nesta terapia tradicional china, os galegos son dos que a consideran menos “científica”: un 17,9% cre que é “totalmente ou bastante” científica, fronte ao 24% do conxunto de España, e dun 37,7% en Catalunya, onde o apoio é maior. Un 31,9% cre que ten “algo” de evidencia, e un 50,3% di que pouco ou nada.

Un 27,6% dos galegos recoñece ter probado a homeopatía ou a acupuntura, fronte ao 19,6% da media estatal

Respecto da homeopatía, unha pseudoterapia na que o consenso científico é absoluto desbotando calquera tipo de beneficio para a saúde, un 18% dos galegos cre que é “bastante” ou “totalmente” científica, mentres que que un 56,6% desbota unha evidencia perceptible.

Porén, aínda que a visión dos galegos destas terapias é relativamente escéptica dentro do marco estatal, a porcentaxe de galegos que as probou é maior (un 27,6% fronte ao 19,6% da media)

Sobre as vacinas e a quimioterapia, o apoio á evidencia científica destas prácticas é moi maioritaria, do mesmo xeito que no resto de comunidades autónomas. Un 91,1% apoia “totalmente” ou “bastante” a evidencia científica das vacinas, e un 87% no caso da quimioterapia. Porén, hai un 3% de galegos e galegas que cren que as vacinas funcionan “pouco ou nada” e un 4,1% que opinan así da quimioterapia.

Podes consultar a enquisa de Percepción Social da Ciencia e a Tecnoloxía 2018 na web da Fecyt.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertas en Vigo as primeiras ouriceiras fósiles de Galicia

As marcas, gravadas en granito na praia da Calzoa, eran escavadas polos ourizos de mar para refuxiarse dos temporais e evitar aos depredadores

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019

A perigosa bacteria que ataca os vexetais, ás portas de Galicia: “Non estamos preparados”

A 'Xylella fastidiosa' identificouse en case 600 especies e pode causar enfermidades graves e morte en oliveiras, cítricos, vides, froiteiras de óso e plantas ornamentais

Galicia rexistra un 45,3% menos de varamentos en 2025

O Cemma explica que as cifras, a pesar da diminución de exemplares afectados, continúan sendo elevadas e preocupantes para a conservación