GCiencia renóvase polo seu quinto aniversario

Novo deseño, nova cabeceira, novo lema, novas seccións, novos proxectos… GCiencia cumpre este domingo cinco anos de existencia, e quere celebralo cos seus lectores cunha renovación de fondo e forma destinada a ofrecerlles unha mellor experiencia. Faino, iso si, sen abandonar os principios que fixeron do portal da ciencia unha referencia no ámbito da divulgación científica de Galicia, pero tamén no dos medios de comunicación, non só especializados, da comunidade autónoma.

Cinco anos despois de poñerse en marcha, GCiencia dálle un novo estilo a súa cabeceira, que se fai máis actual e que incorpora un novo lema: xornalismo e divulgación. A razón do cambio, deseñado polo creador Alberte Murado, é que esas son as dúas claves nas que se move o proxecto de Ciencia Galega Industrias Creativas  S.L., a empresa editora de GCiencia. En primeiro lugar, o xornalismo, porque é a ferramenta fundamental dos seus contidos. O portal é por riba de calquera outra consideración un medio de comunicación creado e feito por xornalistas, que non en balde xurdiu despois que o proxecto gañase unha convocatoria do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Publicidade

O outro elemento da súa nova rúbrica é a divulgación, porque os seus contidos non son esencialmente científicos, senón que se enmarcan no conxunto de actividades que interpretan e fan accesible o coñecemento científico á sociedade. Por iso é polo que, ademais do labor xornalístico fundamental, GCiencia destacase nestes cinco anos por outras actuacións carácter divulgativo como a creación dos premios de comunicación científica para estudantes ou aos mellores proxectos relacionados co I+D. Tamén o fai con obradoiros científicos na rúa para escolares ou coa organización da Semana da Ciencia de Vigo, que se celebrará a semana vindeira. Ciencia Galega é ademais a editora de revista-anuario da Real Academia Galega de Ciencias, unha publicación con 37 anos de existencia.

GCiencia ofrece desde hoxe os seus contidos nunha web áxil, mellor distribuída e con formatos máis directos

GCiencia ofrece desde hoxe os seus contidos nunha web áxil e mellor distribuída –producida por Alexandro Pereiro–, con formatos máis directos que permiten narrar, conectar e relacionar mellor os datos e os ángulos que dan forma a unha noticia. Cambia tamén a tipografía dos titulares e a dalgunhas seccións, pero sempre coa premisa de que a renovación non impida a sensación de seguir na GCiencia de sempre. Os beneficios do novo deseño serán especialmente notables en tablets e teléfonos móbiles, cos que son cada vez máis compatibles; un feito especialmente importante se se ten en conta que a gran maioría dos lectores de prensa na internet acceden a ela a través das súas  smartphones. O portal recupera ademais o boletín diario para os seus subscritores, que conta con medio milleiro de abonados: a maneira máis adecuada para coñecer as mellores reportaxes publicadas cada xornada polo portal da ciencia galega.

Publicidade

Entre os contidos aparecen novas seccións como Talento, que recolle e amplía a antiga sección de Empresa. Talento é o apartado de GCiencia no que aparecerán todas as informacións relacionadas coa investigación aplicada ao mundo empresarial, as  spin-offs universitarias e, en xeral, as startups de base tecnolóxica: todo un cosmos de crecente relevancia en Galicia.

GCiencia mantén a súa aposta por outras seccións de recente creación como Destinos de Ciencia, o  site de turismo científico creado en colaboración con Observer e a Deputación da Coruña, no que se expoñen os valores do territorio da man do coñecemento xerado nel, co acento posto no respecto e a conservación do patrimonio natural como elemento inherente ao modelo turístico.

GCiencia abre hoxe o seu novo deseño cunha exclusiva de alcance: a colección de fotografías inéditas de Ruth Matilda Anderson que rescatamos dende a Spanish Society dos Estados Unidos. Trátase dunha colección de instantáneas tomadas a comezos do século XX e que retratan a natureza, a etnoloxía, a antropoloxía e a historia do país e que permanecían inéditas en Galicia.

Líder en galego

Trátase en definitiva dunha aposta consistente en conservar o fundamental e mellorar no posible a aposta xornalística nada o 25 de novembro de 2013. Nestes cinco anos de existencia, GCiencia converteuse nun fenómeno dixital con ata 360.000 visitantes únicos e máis de dous millóns de páxinas vistas mensuais, e cunha comunidade en redes sociais que lle levou o pasado outubro a superar a barreira dos 50.000 seguidores en Facebook. É un dato que converte a GCiencia, a pesar do seu carácter non xeralista, no medio de comunicación en galego líder na internet, no primeiro dos nativos dixitais e no cuarto do total, despois de La Voz de Galicia, Faro de Vigo e El Correo Gallego.

Non só os números avalan a aposta editorial de GCiencia. Tamén o fan premios como o de Comunicación  Dixital no Sector Xornalístico do Foro da Comunicación de Galicia (2015), o de Xornalismo Científico da Real Academia Galega de Ciencias (2017) ou o iProx do Colexio de  Xornalistas, así como a selección como finalista no galardón do Público do  Culturgal ou na máis recente edición dos Premios da Crítica de Galicia.

Son logros obtidos por un proxecto editorial promovido por xornalistas e que ten o xornalismo de calidade como máxima, coa calidade dos seus textos como principal reto. E son méritos sobre todo da comunidade científica de Galicia, un colectivo de crecente importancia que desenvolve unha impagable acción desde universidades, centros de investigación e moitas empresas. Así foi crecendo unha idea que este domingo cumpre cinco anos, e que afronta o futuro renovado e con moitos proxectos que ofrecer aos seus lectores.

Editorial: Xornalismo e divulgación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea