Xornalismo e divulgación

 

Cando GCiencia naceu corría 2013, un ano no que as dúas das palabras máis empregadas eran “crise” e “recortes”. Que dicir do mundo da prensa: foron tempos nos que se pecharon en España 375 medios de comunicación, cunha perda de 12.200 postos de traballo, segundo os datos do Informe Anual da Profesión Xornalística elaborado pola Asociación da Prensa de Madrid. Tras o da construción, foi o sector máis  cruelmente golpeado polo afundimento da economía. Tampouco saíu a ciencia ben parada da situación, con recortes en I+D que a Fundación   Cotec sitúa en case un 50% no período 2009-2017.

Nese contexto, un 25 de novembro botou a andar unha tolemia consistente en contar as cousas da ciencia nun medio de comunicación, unha sorte de xornal da ciencia. Un medio galego e en galego, por máis datos, decidido a desafiar os pésimos  vaticinios dos agoreiros. Se os grandes non resisten, como podería facelo un pequeno medio de comunicación creado por un grupo de xornalistas interesados na ciencia? O simple feito de que GCiencia celebre o seu quinto aniversario vén demostrar unha vez máis o estorbo do pesimismo.

Publicidade

Cinco anos despois daquel emocionante 25 de novembro de 2013, o prodixio non é só que GCiencia siga existindo, senón que se teña convertido nunha referencia da divulgación científica, non exclusivamente en Galicia. É, máis ben, que se teña convertido nun medio punteiro no ecosistema da comunicación da nosa terra. Miles de persoas entran cada día nos seus contidos para saber que pasa no mundo do coñecemento: avances, novidades, proxectos e tamén fracasos. Narrados con todo o rigor que esixe o científico, pero con toda a simplicidade que require o xornalismo.

Con esa fórmula, pero convertido nunha plataforma moito máis ampla que a de mera distribuidora de contidos, GCiencia é un fenómeno dixital que chega a superar os dous millóns de visitas e os 360.000 usuarios únicos mensuais, e que o pasado outubro traspasou a barreira dos 50.000 seguidores en Facebook. Porque en redes sociais,  GCiencia é o primeiro nativo dixital de Galicia e o líder dos medios escritos en galego, ademais do cuarto medio de comunicación galego, só distanciado de La Voz de Galicia e Faro de Vigo.

Desde o primeiro momento, GCiencia puxo todo o seu empeño en exercer xornalismo de calidade, e fíxoo por convencemento e por entendelo como a fórmula máis adecuada para achegar ao público xeral un universo complexo como o científico. Todos os xornalistas que traballan ou traballaron para GCiencia son profesionais da información cunha traxectoria contrastada. A calidade dos textos foi sempre o seu principal reto, como o demostra que os seus contidos fosen incorporados a libros de texto ou incluídos nos exames de Reválida para 22.000 alumnos de Sexto de Primaria.

O auxe da divulgación ten moito que ver coa boa saúde deste proxecto iniciado hai cinco anos, un fenómeno que xa se albiscaba en 2013, pero que hoxe é unha realidade incontestable que, esperemos, contribuirá a redobrar a aposta das institucións públicas pola investigación científica. GCiencia contribúe á divulgación non só desde os seus contidos, senón tamén desenvolvendo unha intensa actividade con diversidade de formatos: desde premios de comunicación científica ou ás mellores empresas do ámbito universitario ata talleres científicos para escolares, pasando pola organización da Semana da Ciencia ou a edición da revista da Real Academia Galega de Ciencias.

Todo isto permitiu que GCiencia fose distinguido con premios como o de Comunicación Dixital no Sector Xornalístico, concedido en 2015 polo Foro da Comunicación de Galicia; o de Xornalismo Científico 2017 da Academia de Ciencias –outorgado a un traballo sobre a Ataxia da Costa da Morte– ou o propio iProx do Colexio de Xornalistas, que permitiu poñer en marcha o proxecto, ademais de resultar finalista dos Premios da Crítica 2018 ou do Público de Culturgal 2017.

Cumpridos cinco anos desde a súa estrea, GCiencia encara o futuro rebordante de optimismo e cheo de novos proxectos editoriais e divulgativos, que aborda desde o redeseño que hoxe estrea e sempre coa idea de apostar pola ciencia e o xornalismo. A ambición é moito maior, a de consolidar por moitos anos máis un proxecto xornalístico cada vez máis robusto, pero a receita non varía. Esa combinación de xornalismo e divulgación que agora figura como lema da nosa cabeceira é a nosa proposta para conseguilo.

Tamén podes ler: GCiencia renóvase polo seu quinto aniversario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A cuarta edición do concurso Youtubers Científicos ábrese a estudantes de secundaria

A iniciativa da UVigo busca identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i

Violencia contra a muller: dúas xornadas en Vigo para analizar desde o coñecemento

O Concello vigués organiza en colaboración con GCiencia unha mesa redonda sobre feminismo e deporte e unha charla sobre senfogarismo

A UVigo bota man de tres ‘Galinfluencers’ para celebrar o Día da Ciencia en galego

Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez compartirán co público as súas experiencias

▪️ Un libro homenaxea o Matemático como o gran científico de Galicia

A obra da RAGC e do CCG está producida por GCiencia e coordinada polo académico Juan José Nieto Roig