O Palacio de Congresos O Greco de Toledo acolleu o pasado martes unha das galas máis importantes da gastronomía: as distincións da Guía Michelin, un evento no que se conceden as estrelas aos mellores restaurantes de España e Portugal. Confírmase que Galicia contará o vindeiro ano cun total de 18 estrelas Michelín en 16 restaurantes, seis deles da provincia de A Coruña, tras a nova incorporación ao listado de Ceibe de Ourense e o Asador O’Pazo en Padrón.
Asador O’Pazo
Un establecemento que debuta no estrelato este ano é o asador O’Pazo, en Padrón, activo dende o 2000, con Óscar Vidal como chef e o seu irmán, Manuel Vidal, como xefe de sala, tamén dirixentes do hotel Scala (@hotelscala). A guía gastronómica refírese a el como “o templo galego da cociña á brasa”.
Cada detalle suma para lograr un ambiente cálido e acolledor á hora de degustar os seus pratos, pero, máis alá da minuciosa decoración, son moi coidadosos cos produtos que empregan na súa cociña, pois Óscar confesa que “é o que máis traballo leva” e que o equipo sempre intenta “coller o mellor que hai e o máis próximo á casa”.
A experiencia gourmet que ofrecen basease “no lume, na elaboración do produto á brasa”, sinala o cociñeiro. Óscar tamén apunta que dende o asador intentan que os comensais sintan coa súa vivencia culinaria que están “comendo Galicia”. En canto ao menú degustación, ao tratarse de “pratos frescos e feitos no momento”, o número de pases pode variar en función dos alimentos que adquiran cada día, pero aclaran que sempre oscilará entre 12 e 15.
No tocante aos pratos da carta, se ben é certo que nun inicio primaba a oferta de carnes, co tempo, comezaron a gañar presenza os produtos do mar. Neste sentido, o máis demandado é a chuleta, pero o público tamén pide bastante peixe madurado, como a castañeta ou o cherna, e o salpicón de lumbrigante. Con todo, Óscar sinala que “os pratos con máis éxito son os máis sinxelos”. Non obstante, non é lugar axeitado para vexetarianos ou veganos xa que sería “mandarlle facer algo que non sabe, nin a persoa vai estar conforme” nin tampouco el, enfatiza o chef.
Gañar unha estrela para eles foi “unha recompensa moi grande” pero alegan que nunca se dedicaron a traballar para ir en busca dunha Michelin e, sorprendidos, confesan que “é moi raro que un asador teña unha estrela”. Os irmáns definen a súa esencia coa idea de que pretenden ofrecer aos comensais todo aquilo que eles mesmos demanda cando van comer a un restaurante, ao que Óscar engade: “Tanto a min como a meu irmán nos gusta comer rico pero tamén variado”.
Provincia de A Coruña
O paraíso gastronómico galego está de celebración polos recoñecementos concedidos pola guía de cabeceira dos paladares máis esixentes e a provincia de A Coruña é a sede de diversos locais que posúen estes premios distintivos.
A Tafona (Santiago de Compostela)
Lucía Freitas é a responsable de A Tafona, restaurante que acadou a estrela Michelin en 2018. A orixe do nome deste local reside na ubicación, no casco antigo da cidade compostelá, nunha rúa estreita, a Ruela da Tafona, que leva ese nome porque, antigamente, aí había unha panadaría. O concepto desta cociñeira é “slow food con Lume”, unha proposta anclada a Galicia, a súa idiosincrasia e ás historias dos seus produtores.
Casa Marcelo (Santiago de Compostela)
Marcelo Tejedor lidera Casa Marcelo, unha tasca cosmopolita, que nos seus comezos presentaba a imaxe de restaurante de alta cociña. Situada cerca da catedral compostelana, fíxase na comida fusión, ofrecendo a posibilidade de degustar tapas que mesturan produtos xaponeses e galegos con foco na gastronomía china, mexicana ou peruana.
Árbore da Veira (A Coruña)
Os chefs Luis Veira e Iria Espinosa, rexentan o seu restaurante, Árborei da Veira, no alto do Monte de San Pedro. Xunto co seu equipo, confeccionan uns pratos que sorprenden a simple vista grazas ao traballado empratado pero que, en conxunto coa elaboración culinaria, exaltan os sentidos.
As Garzas (Malpica)
Caco Agrasar está a fronte de As Garzas, restaurante con vistas á Costa da Morte, e localizado no Porto Barizo. A carta céntrase en alimentos propios do mar, como o peixe e o marisco, pero tamén se ofrecen carnes como a paletilla de cordeiro ou o xarrete. Ademais, este chef compostelá está tamén á fronte dun segundo restaurante en A Coruña, Salitre, pero que difire do camiño no que se atopa As Garzas.
Retiro da Costiña (Santa Comba)
O chef Manuel Costiña continúa co seu legado familiar e Retiro da Costiña. A historia deste negocio familiar comenzou en 1939, cando os seus avós abriron a súa casa de cociña preto de Santiago. Conservando a esencia do restaurante familiar, a segunda xeración transformou a carne asada e o polbo nunha cociña moderna. Así, ofrece unha experiencia gastronómica única basada en sublimes materias primas de proximidade.
Lista Bib Gourmand
Así mesmo, tamén destaca a distinción Bib Gourmand da Guía Michelin 2023 España e Portugal, que galardoa á mellor relación calidade-precio e serve como pista dos que poderían converterse nun futuro en restaurantes con estrela Michelin. O repertorio de locais con esta distinción ascende a un total de 281.
Deste modo, na provincia coruñesa os establecementos nos que se poder comer de categoría a un prezo asequible son varios e variados. Na capital de Galicia, en Santiago de Compostela, no casco antigo están Anaco, A Viaxe, Mamá Peixe, Café deAltamira, A Horta d’Obradoiro e Ghalpón Abastos. No barrio de San Pedro o PampínBar; subindo dende o Ensanche, o asador Gonzaba; en A Sionlla, o Mar de Esteiro e na rúa de San Pedro A Maceta.
Á lista tamén se suman outros da contorna, como Villa Verde en Vedra; O Balado, en Boqueixón; Casa Barqueiro, en Negreira; o Muiño, en Esteiro; Pementa Rosa en Carballo, Frank na cidade de Ferrol; O Tobo do Lobo en Melide; Villa de Oro en Camariñas ou O Balado en Codeso. Respecto á cidade centro de A Coruña, localizaríanse El de Alberto, Artabria e o Terreo.
Nas restantes provincias de Galicia, tamén poden atoparse locais con esta condecoración. Na provincia pontevedresa, é o caso de A Xanela Gastronómica en Ponteareas; Abisal, Casa Marco e Morrofino en Vigo; A Taberna do Trasno en Cambados e Trasmallo en A Guarda. No caso da provincia de Ourense, na rúa Pena Trevinca, ubicaríase unicamente un establecemento, o Pacífico.
Estrelas Michelin en Galicia
A segunda estrela Michelin Pepe Vieira, para o seu restaurante Camiño da Serpe de Raxó (Poio), que se une así a Javier Olleros, con Culler de Pau de O Grove, que gañou a súa segunda na edición pasada.
Á par, manteñen un ano máis unha Estrela Michelin outros 12 restaurantes: Eirado da Leña (Pontevedra), Silabario (Vigo), Maruja Limón (Vigo), Pepe Solla (Poio), Yayo Daporta (Cambados), Nova (Ourense), Miguel González (Pereiro de Aguiar), A Tafona (Santiago), Casa Marcelo (Santiago), Árbore da Veira (A Coruña), As Garzas (Malpica) e Retiro da Costiña (Santa Comba).
Con todo, báixase da lista culinaria Auga e Sal en Santiago de Compostela, que acadara unha estrela Michelin a edición pasada, pero que pechou o pasado mes de maio debido a cuestións económicas.