Xoves 25 Abril 2024

Sanidade advirte do aumento “alarmante” de casos de Covid-19 en persoas maiores

O informe de Saúde Pública no que se basean as novas medidas constata unha incidencia de máis de 1.000 casos/100.000 habitantes no Carballiño e Boborás

Desde a pasada medianoite están en vigor as novas medidas xerais para conter o aumento da incidencia da pandemia da Covid-19 en Galicia, que limitan a cinco persoas as reunións entre persoas non convivintes, alén doutras restricións en locais e celebración e eventos. Unha das principais novidades de toda a batería de limitacións é que a vixencia será, en principio, de 14 días, no canto dos sete días que se marcaban por norma xeral ata agora. Así, está previsto que se estendan ata o vindeiro 5 de novembro, “ao ser o período de tempo que se considera necesario para poder valorar debidamente a súa eficacia no control e contención da evolución da pandemia”, aínda que a evolución epidemiolóxica podería levar a revisar, nun prazo non superior a sete días naturais, estas decisións.

Casos en 265 concellos nos últimos 28 días

A orde publicada no Diario Oficial de Galicia expón os informes da Dirección Xeral de Saúde Pública nos que se basean as novas medidas. Constátase que o valor do número reprodutivo instantáneo supera o 1 todas as áreas sanitarias, agás Ourense, con medidas máis restritivas en varios municipios comarcas. Isto significa que cada persoa infectada está contaxiando a máis dunha persoa, o que incrementa a dificultade para controlar a transmisión.

Publicidade

E tamén se achegan detalles concretos sobre a situación a nivel municipal, máis precisa cá que ofrece Sanidade no mapa que actualiza diariamente: “A situación actual caracterízase pola presenza de casos en todos os concellos, agás 48 en toda Galicia que non tiveron casos nos últimos 28 días“, o que implica que se rexistraron positivos en 265 concellos. Isto “aconsella a aplicación de medidas restritivas en toda a Comunidade Autónoma”, xa que “a situación vai empeorando de xeito global“.

O aumento de casos en persoas maiores xa repercute nunha maior presión hospitalaria, segundo expón Saúde Pública

Porén, a advertencia de Sanidade céntrase nos grupos de maior idade, polas patoloxías asociadas e, en xeral, a maior vulnerabilidade. “O factor máis alarmante é que, de forma progresiva, a enfermidade vai afectando os grupos de poboación de maior idade, con altas taxas de infección”, tanto na incidencia como na porcentaxe de positividade das probas PCR.

Estes datos, advirte a orde, “significan que está habendo repercusión no sistema asistencial, cun aumento da presión nas áreas hospitalarias, de coidados críticos e tamén na atención de urxencias hospitalarias”.

Deste xeito, o informe recomenda a adopción de medidas estritas, “tendo en conta a tendencia actual crecente consolidada durante os últimos días, a necesidade de protexer os grupos máis vulnerables e a necesidade tamén de preservar e protexer o noso sistema asistencial, e en aplicación do principio de precaución e de actuación precoz de cara a poder enfrontar os vindeiros meses na mellor situación epidemiolóxica posible“.

Espazos sen limitacións

Ao constatar que a meirande parte dos surtos (o conselleiro de Sanidade expuxo o mércores que arredor dun 90% se están producindo nos ámbitos familiares, sociais e de amizade), as novas medidas enfócanse nestes puntos. Mais non serán de aplicación, tanto no caso de vivendas nas que convivan máis de cinco persoas como nas actividades laborais, empresariais, profesionais e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos e de formación e ocupacionais, “sempre que se adopten as medidas previstas nos seus correspondentes protocolos de funcionamento”, advirte Sanidade.

A Xunta argumenta a súa decisión en que se trata dunha medida que “resulta necesaria, adecuada e proporcionada para o fin perseguido, que non é outro que controlar e evitar a maior difusión dunha enfermidade altamente contaxiosa, respecto da cal a diferenza entre persoas enfermas e sas resulta difusa, dada a posible asintomatoloxía ou levidade dos síntomas e a existencia dun período no cal non hai indicios externos da enfermidade”. Ao tempo, engade a orde, “resulta menos disruptiva das actividades esenciais, económicas, laborais e profesionais ca outras, como as limitacións á liberdade de circulación ou confinamentos, que se deben reservar para cando resulta preciso un maior nivel de restrición”.

O Carballiño e Boborás rexistran nos últimos 14 días unha incidencia de máis de 1.000 casos/100.000 habitantes

Os peches en Ourense

Respecto á provincia de Ourense, alén da limitación xeral vixente para toda Galicia, os grupos de reunión quedan restrinxidos a persoas convivintes nos concellos de Ourense, Barbadás, Verín, Oímbra, Vilardevós, O Barco de Valdeorras e todos os concellos da comarca do Carballiño. Con todo, contémplanse excepcións por motivos de asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Respecto aos datos anteriores, a situación é especialmente preocupante polo aumento de casos na comarca do Carballiño, onde a incidencia acumulada nos últimos 14 días acada os 855 casos/100.000 habitantes, que se eleva a máis de 1.000 no Carballiño e Boborás. Isto levou a limitar toda actividade non esencial, ademais do peche perimetral, en Boborás, O Irixo e O Carballiño, convertendo estes municipios nos que teñen vixentes restricións máis estritas en Galicia e unhas das maiores en España. Trátase, por tanto, dun escenario de “moi alto risco“, afectando a grupos de idade avanzada e aumentando xa a presión asistencial, (tal e como se constata nas cifras de hospitalización en Ourense) polo que se “considera imprescindible restrinxir ao máximo as interaccións sociais para protexer esta poboación máis vulnerable”.

Evolución “moi adversa” en Verín

Os outros concellos nos que se restrinxirá a mobilidade durante os vindeiros días son os de Verín, Oímbra e Vilardevós, ao constatar unha incidencia 4,5 veces maior á de Galicia nos últimos 14 días. As características da poboación, “moi envellecida”, xa están provocando que se produza un número “alto” de casos hospitalizados e obsérvase unha “evolución moi adversa”, o que leva a tomar estas novas medidas.

Na comarca de Ourense obsérvase unha leve mellora, aínda que a incidencia mantense bastante por riba da media de Galicia e os brotes de Ourense e Barbadás seguen “sen estar baixo control”. Isto, engadido ao risco de propagación a outros municipios da contorna, leva a manter o peche perimetral nos dous municipios.

Tamén se albisca unha melloría respecto ao anterior informe na comarca de Valdeorras. Porén, para evitar a posible transmisión desde a capital comarcal, no Barco, mantense a limitación de reunións a persoas conviventes. No resto da comarca, as medidas iguálanse ás do resto de Galicia.

Finalmente, as comarcas de Allariz-Maceda e Terra de Celanova igualan a súa situación ao resto de Galicia.

Santiago e O Milladoiro

O DOG recolle tamén as novas medidas que afectan a outros concellos nos que a situación epidemiolóxica é máis preocupante e nos que, por tanto, as limitacións serán aínda maiores. É o caso de Santiago e a localidade do Milladoiro (Ames), xa que os datos indican que “existe unha transmisión que pode ser relevante“. A pesar das limitacións xa establecidas en semanas anteriores, a incidencia segue a aumentar e, por tanto, leva a tomar novas decisións.

Deste xeito, acordouse limitar exclusivamente a persoas conviventes os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social, na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, prohibir o consumo no interior de bares e cafeterías, e unicamente na mesa no caso de restaurantes, así como as limitacións de capacidade en establecementos comerciais e terrazas de hostalaría e restauración ao 50%.

Porén, como no caso de Ourense, a restrición de reunións exceptúa a asistencia e coidado a maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade.

Pontevedra, Arousa e Lugo

Por outra banda, as medidas que estaban vixentes nos concellos de Pontevedra, Poio, Marín, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis, Cambados e Lugo, iguálanse ás do resto de Galicia, xa que o empeoramento da situación coincide co do resto do territorio e, por tanto, fai aumentar as restricións.


Podes consultar o Diario Oficial de Galicia que recolle as medidas nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea