O aumento na transmisión está facendo aumentar o número de hospitalizacións e falecementos, o que podería complicar a situación cara ao inverno.
O aumento na transmisión está facendo aumentar o número de hospitalizacións e falecementos, o que podería complicar a situación cara ao inverno.

Sanidade prevé que a incidencia da Covid-19 sexa aínda maior nos vindeiros meses

As limitacións en vigor desde este xoves teñen por obxectivo abordar o outono e o inverno "na mellor situación epidemiolóxica posible"

Ata hai poucas semanas, a pesar do aumento progresivo de casos e hospitalizacións por mor da Covid-19, especialmente en España, Europa parecía ter capacidade para conter a chegada da segunda onda durante o outono e inverno ou, canto menos, reducir a súa gravidade. Pero as medidas decretadas nos últimos días (toque de queda en Francia, estado de calamidade en Portugal, peche de hostalaría en Cataluña, estado de alarma en Madrid, etc.), ás que hai que engadir as limitacións de reunión xa en vigor en Galicia, fan aumentar a preocupación cara ao outono e inverno, no que a maior actividade en espazos interiores podería aumentar a aparición de brotes. E así o prevé a Consellería de Sanidade na orde publicada este mércores: as restricións para toda Galicia teñen por obxectivo “enfrontar os vindeiros meses na mellor situación epidemiolóxica posible”, xa que “é previsible un aumento da incidencia de casos nos meses vindeiros debido a que a poboación estará máis tempo en ambientes pechados que favorecen a transmisión e a posible coinfección co virus da gripe cuxa tempada epidémica se espera tamén nestes próximos meses”.

“Evolución desfavorable”

Aínda que Galicia se atopa cunha das menores incidencias nas comunidades autónomas de España, xa supera algúns dos niveis que outros países europeos están marcando para aumentar as restricións. Sanidade recoñece, deste xeito, a “evolución desfavorable” da pandemia no territorio autonómico, o que leva a adoptar a limitación de reunións “como medida de prevención de obrigado cumprimento, e non como mera recomendación sanitaria”.

O informe de Saúde Pública a partir do cal se establecen as novas medidas expón que Galicia experimentou en poucas semanas un aumento da incidencia de 50 a 80 casos/100.000 habitantes (un incremento do 60%), cun número reprodutivo instantáneo superior a 1 en todas as áreas sanitarias, o que implica que unha persoa infectada está contaxiando, por norma xeral, a máis dunha persoa, “do que pode deducirse que a transmisión está a aumentar, polo que se espera que a tendencia de casos e taxas vai seguir aumentando”. Do mesmo xeito a positividade das PCR está por riba do 6%, “o dobre do estimado como situación desexable” para controlar a transmisión.

Estes datos levaron, por tanto, á decisión anunciada o martes: “É preciso adoptar, sen demora, restricións ao desenvolvemento daquelas actividades que se detectaron como de maior risco de transmisión e contaxio da enfermidade”, como están sendo as “aglomeracións ou encontros de carácter familiar ou social”, apunta Sanidade.

28 concellos en nivel vermello ou laranxa

Desde que se coñecen os datos de incidencia a nivel municipal, é posible observar cales son os puntos onde se están producindo brotes concretos que, en caso de non ser controlados, poden levar ao aumento das restricións na mobilidade, como está acontecendo en Ourense, Barbadás, O Carballiño, O Irixo e Boborás, ou as prohibicións das reunións de non convivintes noutros concellos da provincia ourensá.

Este xoves, o mapa da Covid-19 en Galicia amosa xa que máis da metade da poboación reside en concellos onde o número de casos está en niveis de alerta vermella ou laranxa. 12 municipios (Ourense, Santiago de Compostela, Narón, Arteixo, Ames, Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, A Laracha, O Pereiro de Aguiar, Barbadás e Monterrei) nos que viven máis de 378.000 persoas rexistraron na última semana máis de 21 positivos ou unha incidencia superior a 112 casos/100.000 habitantes (indicador para as cidades).

Outros 16 concellos (A Coruña, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Culleredo, Cangas, Poio, Teo, Tomiño, A Laracha, Porto do Son, Xinzo de Limia, Ribadavia e Lobeira), están no nivel 2, con 14-21 positivos ou unha incidencia de 56-112 casos/100.000 habitantes.

Porén, o empeoramento da situación leva a outros municipios que estaban no nivel 0, como Carballo, Viveiro, Ribeira ou Gondomar, a sumar entre 7 e 14 casos na última semana.

A metade da poboación galega, en áreas con alerta vermella ou laranxa por Covid-19

Segundo os últimos datos difundidos polo Sergas no seu web, pechados ás 18 horas do mércores 14, detectáranse nas 24 horas anteriores 233 novos casos mediante PCR. O aumento da transmisión, que afecta nalgúns casos a residencias de maiores con importantes brotes, fixo que a cifra de falecementos superase as 800, achegándose ás 200 na segunda onda da pandemia, desde que a comezos de agosto falecera a primeira persoa case dous meses despois.

Situación en Ourense

A transmisión na provincia de Ourense preocupa de forma especial ás autoridades sanitarias. O envellecemento da poboación e os brotes en centros residenciais xa están causando un aumento de falecementos que podería prolongarse en vindeiras datas dado o agravamento dalgunhas infeccións actuais. Comarcas como a de Allariz-Maceda, O Carballiño, O Ribeiro ou Celanova, cunha estreita relación coa capital provincial, pero cunha poboación vulnerable, mantéñense baixo vixilancia limitando ao máximo os encontros sociais. A mesma situación dase nas comarcas de Verín e Valdeorras, onde se constata a irradiación de infeccións desde as cabeceiras comarcais a municipios cunha poboación na súa boa parte anciá.

Os últimos informes, á espera de confirmar a tendencia nos vindeiros días, apuntan a unha certa contención da incidencia, que segue sendo, de todas formas, moi superior á de Galicia, ata cinco veces máis na cidade de Ourense. Así, no caso da capital, a situación actual é que “malia un lixeiro descenso no número de casos, as medidas aplicadas aínda non tiveron o tempo suficiente para frear a transmisión da enfermidade”.

Áreas con limitacións

Tamén seguen vixentes as medidas nas áreas de Santiago, Pontevedra, Arousa, Lugo e Ortigueira, onde a incidencia se mantén por riba da media de Galicia. Os últimos datos de Saúde Pública levan a estender as limitacións á espera de que se free o número de positivos detectados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.