Xoves 25 Abril 2024

A metade da poboación galega, en áreas con alerta vermella ou laranxa por Covid-19

Arredor de 1.350.000 persoas reside nalgún dos 28 concellos onde a incidencia do coronavirus sitúase nos niveis 2 ou 3 decretados pola Xunta

A actualización do Servizo Galego de Saúde sobre a pandemia do coronavirus constata o aumento da incidencia da Covid-19 nos últimos días, que levou á Xunta a prohibir as reunións de máis de 10 persoas en todo o territorio ao observar os brotes xurdidos en encontros familiares e de amizade. E así o amosa tamén o mapa de situación nos concellos, que desde a pasada semana difunde a Administración autonómica. Segundo os datos pechados ás 18 horas do martes, arredor de 1.350.000 habitantes, a metade da poboación de Galicia, reside en zonas que a Xunta establece niveis de alerta vermella ou laranxa, segundo os indicadores usados para o número de casos detectados nos últimos sete días. Así se pode ver baixo estas liñas.

11 concellos (Ourense, Santiago de Compostela, Narón, Arteixo, Ames, Verín, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, Barbadás e Monterrei), onde residen máis de 366.000 persoas, están no máximo nivel de alerta, ao superar os 21 positivos detectados nos últimos sete días (no caso dos concellos con menos de 50.000 habitantes) ou ter unha incidencia superior a 112 casos por 10.000 habitantes no caso dos municipios das sete cidades.

Publicidade

No seguinte chanzo están preto dun millón de persoas, que viven noutros 17 municipios (A Coruña, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Oleiros, Culleredo, Poio, Teo, Tomiño, A Laracha, Porto do Son, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Lobeira), cunha incidencia de Covid-19 na última semana que levou a decretar o nivel 2, ao observar unha incidencia de entre 56 e 112 casos/100.habitantes ou entre 14 e 21 positivos.

Outros 34 concellos nos que habitan 400.000 persoas sitúanse no nivel 1, con entre 7 e 14 casos detectados nos últimos sete días. O resto da poboación galega, unhas 950.000 persoas (35% do total), están en 251 municipios onde nos últimos días se rexistraron menos de sete casos de Covid-19.

O panorama a 14 días, que ofrece unha visión máis ampla da evolución, pero tamén mantén na imaxe posibles brotes xa controlados, amosa algún cambio. Segundo este indicador, son oito os municipios en nivel de alerta vermella (Ourense, Ames, Verín, O Barco, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, O Carballiño e Monterrei), e 11 en nivel laranxa (A Coruña, Arteixo, Narón, Lugo, Santiago de Compostela, Teo, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, Marín, Ribadavia e Xinzo de Limia).

A Xunta limita a 10 persoas as reunións en toda Galicia

Casos activos

No referente aos casos activos, Sanidade achegou este mércores unha cifra de 4.601 persoas baixo seguimento en Galicia. Este indicador ascende en todas as áreas sanitarias, agás Pontevedra, onde se mantén respecto a onte, e en Lugo, onde descende lixeiramente.

Segundo os datos do web do Sergas, entre as 18 horas do luns e as 18 horas do martes detectáronse 254 casos mediante PCR. A postividade destas probas (positivos respecto ao total) mantense arredor do 6-7% nos últimos días

O número de falecementos achégase aos 800, ao sumar 11 mortes desde o luns, e sitúase en 797. Nove deses últimos óbitos correspóndense con persoas usuarias en residencias de maiores. Nos hospitais hai 41 persoas na UCI e 218 están noutras unidades de hospitalización. É probable que esta cifra se incremente nos vindeiros días ao agravarse algúns dos casos detectados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes