María Canosa e Andrea Muras, nos faladoiros de ciencia de Afundación TV

As expertas divulgarán aspectos das materias nas que traballan en encontros virtuais que terán lugar os días 19 e 26 de outubro

A través da canle Afundación TV, a Obra Social Abanca iniciará nos vindeiros días unha nova xeira do seu programa de divulgación, co obxectivo de fomentar o coñecemento e respecto do medio. Farao coa participación das investigadoras María Canosa e Andrea Muras no ciclo Falamos de ciencia? Faladoiros para coñecer o mundo. Estes encontros, segundo expón Afundación, “constitúen unha ocasión para aprender sobre diferentes aspectos científicos e as súas aplicacións, desde unha ollada distendida, mais sempre rigorosa, da man de divulgadoras profesionais”. Están dirixidas tanto a público xuvenil como adulto, que pode interactuar en liña para resolver dúbidas,e abordaranse, nestes dous casos, aspectos curiosos que abranguen desde as construcións da antigüidade ata o mundo microscópico dos patóxenos.

O primeiro encontro será con Andrea Muras, doutora en Acuicultura e Biotecnoloxía, o vindeiro luns 19 de outubro ás 19.00 horas e versará sobre O moito que molan as bacterias. “Durante gran parte da miña vida considerei aos microorganismos en xeral e ás bacterias en particular como seres sinxelos e aburridos”, explica a investigadora. Porén,  “estes pequenos seres non son tan simples como podería parecer. As bacterias son capaces de vivir en calquera parte, e ademais desenvolveron non só unha, senón varias linguaxes que lles permiten coordinarse e facer cousas asombrosas”, apunta.

Publicidade

Muras é experta en Microbioloxía, e durante a súa tese tivo a oportunidade de realizar estancias científicas en Israel e nos Países Baixos. En 2016 recibiu o Premio á Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, por un traballo de investigación aplicada sobre novas estratexias para a prevención e o tratamento de enfermidades orais bacterianas. Desde o 2018 desenvolve unha intensa actividade divulgadora centrada nas peculiaridades da vida bacteriana a través do seu espazo Ciencia Miúda.

O seguinte luns, 26 de outubro, ás 19 horas, a enxeñeira de Camiños, Canais e Portos María Canosa Blanco ofrecerá o relatorio A física desde as construcións romanas ata hoxe. O cemento e o formigón. Nel afondarase na historia do formigón, un material que se usou ao longo dos séculos, e isto explícase pola súas propiedades físicas. Os romanos foron os precursores do formigón, pero non o usaban tal como se usa hoxe. Era un cemento con cinzas volcánicas. Como di a Canosa, a resistencia explica a persistencia. Polo seu comportamento resistente a compresión. Mais ten unha debilidade, a tracción.

Publicidade

Canosa traballou en distintas áreas desta disciplina, tanto en oficina técnica, coma en construción de obras, así como na elaboración de distintos proxectos. Ademais, desde pequena estivo vencellada á literatura, na que salientou en distintos concursos de contos e poesía desde a idade de 8 anos. Escribiu a súa primeira novela con 13 anos. Os seus traballos literarios abranguen o ámbito infantil, xuvenil e de adultos, e os xéneros de poesía, conto, novela, relato, ensaio e teatro. Tamén desde moi nova impartiu charlas e obradoiros por toda a comunidade, ben de fomento da lectura, ben a través dos seus libros, ben de creación literaria.


As inscricións para os faladoiros de Afundación TV poden realizarse nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival Pint of Science achega a ciencia aos bares na súa undécima edición

En Vigo celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio nos locais El Castro e De Catro a Catro e, por primeira vez, chega Pint Kids

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

A investigadora do grupo GeoTech Patricia González gaña a Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

Por que o inverno meteorolóxico empeza o 1 de decembro e o astronómico o 21?

A AEMET explica as razóns polas que as estacións definidas polo clima seguen un criterio fixo diferente ao marcado pola órbita terrestre