Xoves 18 Abril 2024

Unha carreira por medio do castro de Santa Trega esperta numerosas críticas

O Concello da Guarda avanza que nas vindeiras edicións "non se permitirá" o paso da proba pola zona dos restos arqueolóxicos

A publicación de varias imaxes por parte da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal), nas que se criticaba o paso de participantes da proba deportiva Trail do Trega por riba dos muros deste castro provocaron unha importante reacción nas últimas horas. O enclave, un dos sitios arqueolóxicos máis relevantes de Galicia, é Monumento Histórico Artístico Nacional desde o ano 1931, o que non impediu que se producira, en varias ocasións, o tránsito de deportistas sobre algunhas construcións que contan con máis de 2.000 anos de antiguïdade.

A proba, organizada polo Concello da Guarda e a empresa Noko Deporte y Salud, contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e incluía, ademais do trail, unha andaina entre a vila da Guarda e o monte de Santa Trega. Nas súas bases advírtese de que “a participación na proba implica o coñecemento e a aceptación” de “normas de carácter especial para co medio ambiente”, xa que “unha parte da proba desenvólvese no interior de espazos protexidos que albergan unha flora e unha fauna sensible e vulnerable e na que os participantes deben actuar con coidado e responsabilidade”.

Publicidade

Imaxes difundidas por Apatrigal nas que se observa o paso de deportistas sobre o muro do castro de Santa Trega.
Imaxes difundidas por Apatrigal nas que se observa o paso de deportistas sobre o muro do castro de Santa Trega.

A pesar da advertencia, e segundo amosan as imaxes, algúns dos participantes subíronse aos muros do castro, que a organización atribuíu nun comunicado á destrución das balizas que sinalaban o percorrido, ao que se engadiu “un problema loxístico que non se puido solucionar”. “En ningún momento se quixo pasar por encima de ningún castro”, expón a organización, que recoñece a equivocación: “Como persoas temos erros e controlar o 100% unha proba desta magnitude e nestas circunstancias e moi difícil”, apuntan.

Porén, segundo sostén a organización, “unha vez soubemos do problema, puxémonos en  contacto con Comunidades de Montes, Concello, Deputación, Xunta de Galicia e Patrimonio, explicando o problema e pedindo desculpas; ningunha destas entidades ten a responsabilidade do sucedido”.

Apuntan, con todo, que “a zona de paso foi revisada e quedou constatado que non houbo erosión nin destrucción do patrimonio“, aínda que recoñecen entender “o descontento xerado pero en canto soubemos do acontecido fomos os primeiros en tomar medidas”, pois segundo sosteñen, “a organización ten sempre presente preservar o patrimonio cultural, natural e humano que conforma a contorna dos eventos”.

Lamentan, do mesmo xeito, que “as diferentes descalificacións que nos chegan a organizadores e corredores pensamos que están sacadas de lugar”, argumentando que “non se pode tachar por un simple erro a gran festa que tivo o municipio nestes tempos difíciles que estamos vivindo”.

Pola súa parte, o Concello da Guarda difundiu tamén este mércores a mediodía un comunicado no que apunta tamén ao “erro loxístico provocado polo intenso vento” que menciona a organización da proba. Mais sostén que “baixo ningún concepto se debe permitir ou autorizar calquera acto ou evento, público ou privado, que atente contra o patrimonio arqueolóxico”, ao tempo que defende o labor da organización da proba, que “sempre se ten distinguido por un trato coidadoso co entorno, tanto natural coma histórico”.

De cara a “futuras edicións”, o concello avanza que “non se permitirá o discurso da proba polas inmediacións dos restos arqueolóxicos para evitar este tipo de erros”.

Non é a primeira ocasión na que se ten denunciado o impacto no xacemento. Hai varios anos xurdiu un importante debate ao difundirse imaxes de romeiros ocupando o interior das vivendas do castro como merendeiros durante a celebración da Festa do Monte, unha multitudinaria celebración que ten lugar no mes de agosto. A pesar de que había precintos que impedían o paso ás construcións, foron varios os grupos que se colocaron nelas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Á venda un forno de posible orixe medieval en Noia

Ana Filgueiras, arqueóloga municipal da vila, está a realizar un informe do inmoble para despexar dúbidas e guiar actuacións de futuro

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

De Angola a Suecia pasando por Nova Zelandia: estes son os países con hórreos ‘galegos’

O arquitecto Fernando Cerqueira asegura que hai máis de 40 estados con "graneiros elevados" que servían para almacenar os cereais

Á venda un cruceiro do século XVII por un euro

O particular que o anuncia na aplicación 'Wallapop' indica que a peza foi recibida por unha herdanza