Venres 29 Marzo 2024

A Xunta limita a 10 persoas as reunións en toda Galicia

O comité clínico acordou a decisión ante o aumento da transmisión en encontros sociais e familiares nunha xornada na que se produciron 11 falecementos

Galicia rexistrou este martes o peor día desde finais de abril, cando aínda se mantiña o confinamento xeral, por mor da pandemia da Covid-19 no referente ás cifras de falecementos. 11 persoas morreron nas últimas horas por mor do coronavirus, despois de que a Xunta avanzara catro destas mortes no seu comunicado diario pola mañá. E o comité clínico que asesora ao Goberno galego, reunido durante a tarde, acordou limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de 10 persoas, tras constatar o aumento de contaxios nestes encontros sociais e familiares. Todas as medidas publicaranse o mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor dende a medianoite do mércores ao xoves. Descoñécese, por agora, a duración desta medida xeral para toda a comunidade autónoma, á que hai que engadir as normas máis restritivas establecidas en boa parte da provincia de Ourense e outros concellos do país.
Outro dos puntos relevantes das decisións do comité é a restrición da mobilidade nos concellos do Carballiño, O Irixo e Boborás, xa que se “considera conveniente reforzar as medidas de prevención co obxecto de protexer, coa máxima intensidade posible, a saúde da poboación destes concellos e conter os contaxios para evitar a súa propagación máis aló desa zona”. Deste xeito, queda establecida unha mobilidade perimetral entre estes tres municipios, polo que os seus habitantes non poderán desprazarse fóra deles agás por motivos laborais, educativos ou sanitarios. E continúa vixente a limitación de mobilidade en Ourense e Barbadás, establecida hai unha semana.

Tamén se elevan ao nivel 3 as limitacións no concello de Verín, restrinxindo as xuntanzas a grupos de convivintes, polo que bares e cafeterías limitaranse a atender nas terrazas a grupos de persoas que habiten no mesmo domicilio. Os restaurantes poden servir tamén no interior, cun aforo limitado ao 50%.

Publicidade

A metade da poboación galega, en áreas con alerta vermella ou laranxa por Covid-19

Por outra banda, toda a comarca de Celanova (concellos da Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea) entra en nivel 2. Entre as restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros, así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

As medidas decretadas este mércores súmanse ás vixentes desde a pasada semana: xa estaban prohibidas as xuntanzas de persoas non convivintes en Verín e O Barco de Valdeorras e na comarca do Carballiño. E nos concellos das comarcas do Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Allariz, Verín e Valdeorras mantense a restrición da capacidade ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración ou hostalería.

E nos concellos de Santiago de Compostela, Ames, Lugo, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados, Meis, Poio, Sanxenxo e Pontevedra, ademais da restrición de reunións que se establece en toda Galicia, engádese a limitación de capacidade en locais ao 50%.

Casos activos

No referente aos casos activos, cifra diaria que segue achegando a Xunta de Galicia, Ourense volve experimentar un notable incremento respecto a días previos: o 34,7% das persoas baixo vixilancia por infección activa do SARS-CoV-2 en Galicia (4.510) están na provincia ourensá (1.563). Dos 238 casos confirmados por PCR entre as 18 horas do domingo e o luns, cando se pecharon os últimos datos coñecidos na noite do martes, 95 confirmáronse na provincia de Ourense, 40 na área sanitaria de Vigo e 34 na de Santiago-Barbanza. Así está a situación.

As cifras de hospitalización incrementáronse este martes, despois dunha tendencia estable nas últimas xornadas. Hai 40 persoas na UCI, a maior cantidade desde comezos de maio, e outras 210 en unidades de hospitalización. Esta é a evolución desde marzo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia

Un equipo galego deseña un sistema para detectar o ARN do coronavirus

Tamén presentou avances en novas ferramentas de Intelixencia Artificial (IA) capaces de acelerar o desenvolvemento de fármacos