Aula da Universidade de Vigo Foto: UVigo.
Aula da Universidade de Vigo Foto: UVigo.

A UVigo aposta pola prevención e inicia o curso cos mellores datos de matrícula en 15 anos

O reitor cualifícao de "éxito extraordinario" e asegura que "o alumnado galego confía na Universidade viguesa

A Universidade de Vigo arranca o curso 2020/2021 cos mellores rexistros de novos ingresos dos últimos 15 anos, tras ter superado a cifra de 3.800 matriculas. Para o reitor, Manuel Reigosa, este incremento na matrícula de novo ingreso nas titulacións de grao ten varias explicacións, dunha banda, a situación de incerteza derivada da covid-19 que levaría o alumnado que pensaba en marchar a estudar fóra a quedar na casa, e doutra, “temos un factor diferencial porque as cousas, sen presumir, se fixeron ben durante o pasado curso, no que resolvemos sobre a marcha unha situación de paso abrupto desde a normalidade con presencialidade total, ata unha situación en liña que se fixo ben. Polo tanto eu creo que hai moita xente que confía na Universidade de Vigo e o éxito está aí”.

A estes factores, o reitor engade un terceiro que é que a programación deseñada para este curso aposta pola máxima presencialidade, con titulacións impartidas integramente nesta modalidade, agás que haxa algún problema, en cuxo caso as alternativas xa están previstas. “Este é un compromiso co noso alumnado e eu entendo que a xente está satisfeita e tranquila. A xente pode confiar na Universidade de Vigo para desenvolver a súa carreira mesmo en tempo de Covid-19″, destaca Reigosa, para quen os datos rexistrados evidencian unha realidade: «que o alumnado galego apostou pola Universidade de Vigo”.

Probas PCR ao persoal, unha aposta pola prevención

Para seguir reforzando esa confianza depositada na institución, a Universidade de Vigo puxo en marcha a realización de probas PCR ao seu persoal, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado etc.).

Rexistro da proba PCR mediante o teléfono móbil desenvolvido na Universidade de Vigo. Foto: UVigo.
Rexistro da proba PCR mediante o teléfono móbil desenvolvido na Universidade de Vigo. Foto: UVigo.

O procesamento das máis de 2.300 probas realizadas, empregando un innovador test masivo PCR sobre saliva baseado no sistema pooling desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur e no Hospital Álvaro Cunqueiro, non detectou a aparición de positivos por Covid-19. O resultado definitivo foille comunicado pola microbióloga do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, Sonia Rey, ao vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés. “Estamos moi satisfeitos, tanto pola participación, como polos resultados. Isto amosa que o persoal da universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos», sinala o responsable covid da UVigo ao tempo que asegura que “agardamos que este tipo de medida, tanto no caso do persoal, como no dos próximos tests do alumnado, sirvan de apoio á Consellería de Sanidade no seu complicado traballo diario”.

En palabras do equipo de goberno, a resposta do persoal da institución foi «tremendamente positiva». En total foron 2.303 os traballadores e traballadoras que entregaron as probas, o que supón un 79,1 % das persoas convocadas.

Tras a avaliación inicial ao persoal realizaranse 200 PCR aleatorias por semana

Tras esta avaliación inicial de todo o persoal universitario, o equipo de goberno ten previsto levar a cabo un seguimento periódico que se prolongará durante todo o curso e no que en todo momento se seguirán as recomendacións das autoridades sanitarias. A idea é realizar un total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado. Neste sentido, o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ten reiterado en diferentes ocasións que serán probas “moi flexibles” que se adaptarán á situación sanitaria que haxa en cada momento. “Se ben en principio son test aleatorios poderán concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro”, subliña Míguez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.