Xoves 28 Marzo 2024

Vixía Herbeira: o que agochan os cantís que caen do ceo ata o mar

A peculiar historia xeolóxica que conformou esta zona de Ortegal é case única no planeta, e trae á superficie rochas propias do interior da Terra

Cando se fala da relevancia dos cantís de Vixía Herbeira é habitual facer referencia á afirmación categórica de que en Galicia están os cantís máis altos da Europa continental. A beleza da panorámica que podemos observar desde A Garita axuda nesta fascinación, pero ademais de ser un dato que é obxecto de controversia, para comprender o realmente salientable deste enclave hai que mirar tamén cara ao interior da Terra. Porque as rochas que os nosos ollos poden ver hoxe son resultado de millóns e millóns de anos de movementos a moitos quilómetros de profundidade que desembocaron nun afloramento moi pouco habitual, xa que son materiais e composicións que normalmente están a decenas de quilómetros baixo os nosos pés.

Porén, e aínda que o interese xeolóxico da zona, que aspira a converterse en xeoparque da Unesco, abrangue a unha parte importante de Ortegal e mesmo Ferrolterra, con decenas de puntos de gran valor científico, a conxugación entre paisaxe e ciencia que se une nos cantís de Herbeira convérteo nun destino de referencia polo seu atractivo turístico. Con todo, hai que saber ver para gozar de todos os matices que ofrece unha visita ao lugar. Tal e como reza o lema elixido para o proxecto do xeoparque, impulsado pola Deputación da Coruña e os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, é unha viaxe ao interior da Terra.

Publicidade

Desde a Garita

Un dos puntos de partida máis comúns para observar a zona, ademais de Santo André de Teixido, é o da Garita de Herbeira, moi preto da cal está a máxima cota dos cantís, a máis de 610 metros sobre o nivel do mar. Moitos días, debido á nubosidade frecuente na zona, as nubes chegan a cubrir o alto destes montes.

A paisaxe que se estende desde aquí baixo os nosos pés ten a súa xénese en alomenos 490 millóns de anos. Foi entón, na etapa coñecida como Cámbrico Superior, cando se formou o Océano Rheico. Nese momento comezaron a separarse Laurusia e Gondwana, que acabarían uníndose de novo na formación do supercontinente Panxea. Aquela colisión tectónica formou cordilleiras de miles de quilómetros de extensión, con cumios meirandes có Himalaia actual.

A envergadura daquel choque foi tal que, a pesar do que se moveron as placas tectónicas desde entón, o que se pode ver en Vixía Herbeira son os restos da cordilleira. Por esta razón, a colisión empurrou ata a superficie a materiais que estaban a gran profundidade, o que converte a estes cantís nun dos maiores afloramentos mundiais de ecloxitas e piroxenitas. Son as responsables de que, por exemplo, exista aquí un dos moi poucos exemplos no mundo dunha praia de area negra non volcánica, a de Teixidelo. Algunhas delas precisan de condicións moi peculiares para se formar. Por exemplo, as ecloxitas adoitan xenerarse a presións superiores ás 10.000 atmosferas e uns 800ºC de temperatura.

Ao pé de Vixía Herbeira

Se a imaxe desde o alto da Garita é cativadora, descender polos cantís nas rutas xeolóxicas guiadas que se organizan durante todo o ano é unha experiencia que nos mergulla definitivamente na historia do noso planeta. Desde pequenos detalles, como a presenza dunha pequena planta propia de substratos calcarios (Erinus alpinus) que nace nun pequeno filón ata a falla de Teixidelo, unha estrutura de 300 millóns de anos que corta en dúas partes a serra da Capelada.

Nesta zono existen, do mesmo xeito, restos de minerais como o cromo e o platino, que foron estudadas no pasado, chegándose a contemplar a posibilidade da súa explotación mineira.

Praia de areas negras de Teixidelo, ao pé dos cantís de Vixía Herbeira. Foto: R. Pan.
Praia de areas negras de Teixidelo, ao pé dos cantís de Vixía Herbeira. Foto: R. Pan.

Xusto nesta zona é posible ver tamén os restos dun antigo val glaciar, que se albisca na forma en U das abas, os restos de morenas, as estrías nas rochas, os bloques de tamaños moi desiguais (o coñecido como till), e depósitos de arxilas.

Seguindo cara ao noreste, A Capelada alberga outros cantís algo máis descoñecidos, pero igualmente impactantes, na zona do Limo, onde se poden ver peridotitas con formas moi características froito da erosión. Aínda que de menor altura, a imaxe é igualmente de vertixe porque a pendente é maior cá de Herbeira. Xa no cabo Ortegal, ata onde se prolongan os cantís de gran altura, a punta dos Agullóns é outro dos lugares de referencia xeolóxica.


Máis información: Proxecto do xeoparque de Cabo Ortegal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Illas Atlánticas, un destino de ciencia

Primeira entrega da guía turística Observer das Illas Atlánticas

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos