A penúltima viaxe da serie do percorrido aéreo pola costa coruñesa, que ofrece a área de Turismo da Deputación provincial, percorre o abrigo das rías de Corcubión e Muros e Noia, con parada nalgunha das paraxes máis fascinantes da costa occidental galega. Desde o porto de Fisterra, ao abrigo do cabo, o voo continúa ata a vila de Corcubión e o castelo do Cardeal, un dos dous que custodian a entrada ao esteiro.
A seguinte parada é nun enclave moi relevante para a historia recente da zona: a baleeira abandonada de Caneliñas, entre Cee e O Ézaro, onde chegou a finais dos anos 80 a última balea cazada en Europa. Moi preto de aquí, ao pé do coloso granítico do Pindo están as vilas do Ézaro, coa fervenza do río Xallas caendo espectacularmente ao mar, e a propia localidade do Pindo.
No medio da baía emerxen os illotes da Lobeira Grande e Chica, co faro que se ergue sobre as rochas. E ao outro lado do Pindo esténdese a praia de Carnota, con máis de sete quilómetros de lonxitude, o que a converte na máis longa de Galicia.
Neste tramo de costa, caracterizado polo monte baixo e os penedos rochosos de peculiares formas ao descuberto, destacan tamén os faros de Lariño, xunto á praia do mesmo nome, e o de Louro, ao pé doutro monte cuxa silueta é inconfundible.
Xa na zona do esteiro no que o Tambre chega ao mar, a vila de Muros, cos seus vestixios medievais, a illa da Creba, a Ponte Nafonso ou a da ría de Noia lévannos ata Portosín, última parada nunha viaxe que continuará.
Do Barqueiro a Cariño, polo aire: voo pola costa máis septentrional de Galicia
Entre Ortegal e Mugardos: viaxe polos grandes cantís galegos
Da Costa Ártabra á Costa da Morte: unha nova viaxe aérea polo litoral coruñés
A Costa da Morte desde o aire no novo vídeo da Deputación da Coruña