Entre Ortegal e Mugardos: viaxe polos grandes cantís galegos

A segunda peza da serie de vídeos de turismo da Deputación da Coruña percorre o norte da provincia ata a bocana da ría de Ferrol

Aínda que segue sendo unha parte da costa galega descoñecida para moita xente, o tramo que discorre entre o cabo Ortegal e a entrada da ría de Ferrol agocha algunhas das paraxes máis fascinantes, tanto pola súa relevancia científica como pola súa beleza. A segunda entrega da serie de vídeos do departamento de Turismo da Deputación da Coruña elévanos sobre os que son uns dos cantís máis altos da Europa continental, os de Herbeira, ata a entrada da ría de Ferrol, no porto de Mugardos.

A viaxe comeza nos farallóns do cabo Ortegal, que emerxen das augas, e que representan unha xoia xeolóxica. Nesta Punta dos Aguillóns obsérvanse as ecloxitas, rochas orixinadas a grandes presións e moi pouco habituais na superficie da Terra.

Publicidade

O periplo continúa cara aos cantís de Herbeira, coroados pola Garita. Rodeados dos cabalos salvaxes e outras especies que se moven pola zona, como se estivésemos nunha zona de montaña, pasamos directamente a asomarnos ao mar desde máis de 600 metros de altitude. Ao seu pé, espazos fascinantes como a praia de area negra de Teixidelo volven poñer de manifesto a gran relevancia xeolóxica desta costa.

Entre o mítico e o real está Santo André de Teixido, destino de peregrinacións, e non menos espectacular resulta a paraxe do camiño ata Punta Candieira, un faro que se ergue maxestoso.

Publicidade

Ao acubillo da ría está Cedeira, principal porto deste tramo de costa. E despois da Punta do Brual sucédense extensos areais como Pantín ou A Frouxeira, salpicados por saíntes como o que leva o nome desta última praia, cun faro de deseño vangardista que sobresae na agreste paisaxe.

O cabo Prior, xa no concello de Ferrol, é unha das atalaias máis amplas para contemplar o norte da provincia da Coruña. Desde a costa de Cedeira, ao nordeste, ata o comezo da Costa da Morte, ao suroeste, podemos observar nos días claros máis de 100 quilómetros de litoral cos seus entrantes e saíntes.

Despois de Doniños e Prioriño entramos na ría ferrolá, custodiada polos castelos na estreita bocana. Esta etapa da viaxe finaliza no porto de Mugardos, na beira sur da ría. E continuará.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos

Achados casualmente fósiles de hai 480 millóns de anos no Xeoparque do Cabo Ortegal

Pénsase que pertencen aos crinoideos, que hoxe se coñecen vulgarmente como lirios de mar

A Santo André de Teixido mellor ir de vivo

A Deputación de Coruña tratará de promocionar a súa peregrinación a través dos Plans de Sostibilidade Turística en Destinos