É un saber popular que a Santo André de Teixido vai de morto que non foi de vivo. Os rituais e tradicións que envolven esta aldea da parroquia de Régoa (Cedeira) aínda perviven entre nós e as lendas ou especulacións sobre a súa construcción tamén son moitas. Unha delas di que o santuario fragouse pola envexa que o Apóstolo Andrés sentía por todos os visitantes que tiña o Apóstolo Santiago en Compostela. O discípulo de Xesús sentía unha enorme tristeza porque ninguén o ía visitar ao estar o seu templo nun lugar illado; todos os peregrinos preferían camiñar a Santiago de Compostela. Deus prometeulle que, para compensar a súa pena, quen non fose de vivo unha vez, iría de morto tres e, tal vez, non como un ser humano, senón un sapo, serpe ou lagarto.
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, antes que como unha competencia, obsérvao como “un complemento” ao Camiño de Santiago, por iso queren impulsalo desde a institución a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos elaborado para o Proxecto de Xeoparque Cabo de Ortegal. “Para ser xeoparque tes que ter algo máis: tes que ter unha poboación local implicada, unha poboación local viva e elementos que enriquezan ese produto científico”, explica o tamén deputado de Turismo.
Esta particular peregrinaxe xa se promocionara desde a Deputación anteriormente como a Ruta do Medievo, que toma de base o percorrido que facían os Andrade, señores feudais da zona para cobrar os tributos aos campesiños. Une Betanzos con esta aldea de Cedeira e divídese en cinco etapas, cos seguintes destinos: Rebordelo (Montefero); As Neves (A Capela), situado a 19 quilómetros da anterior parada; Igrexafeita (San Sandurniño), a 20 quilómetros; A Vila da Igrexa (Cerdida), a 21, e a última parada, Santo André de Teixido.
As actuacións contemplan a creación dunha aplicación móbil para a promoción do recurso, que ofreza unha planificación personalizada das sendas, un caderno de viaxe, unha guía interactiva con información sobre o patrimonio material e inmaterial do camiño e ata o selo e descarga dunha credencial propia para o peregrino. Tamén inclúe a súa divulgación o seu coñecemento entre os centros educativos e a incentivación do turismo escolar a través de programas como Gardiáns do Camiño de Santo André, para colexios ou estancias de campo para universidades.
Tradicións e crenzas populares
Para chegar ata a Santo André de Teixido, hai que ascender polo camiño da Serra da Capelada, onde se atopa un dos cantís máis altos de Europa. E, para cumprir coa tradición, quen camiñe ata o santuario debe deixar unha pedra nos milladoiros do camiño para asegurarse de que non terá a obriga de volver de morto reencarnado nun animal —aínda non sabemos se Santo André terá acceso aos datos da app da Deputación, que levará un rexistro dos peregrinos.
Unha das tradicións máis practicadas é a de achegarse á fonte do Santo e beber dos tres caños sen apoiar as mans. Conta a lenda que o ritual non estará completo ata tirar á auga unha miga de pan, que, se flota, será unha sinal de que os desexos do peregrino faranse realidade. As rúas da pequena aldea están cooptadas polas tendas de souvenirs, con figuras de pan coñecidas como sanandreses, que protexen a quen as leva.
De Santo André un tamén pode marchar cun ramo de namoreira ou herbiña de namorar, o símbolo do amor en Galicia, que acostuma a crecer nos cantís. As crenzas din que hai que recollela xusto antes do anoitecer de San Xoán e gardala no peto sen que a persoa namorada se decate do xesto. É na súa época de floración cando as propiedades máxicas actúan sobre o mal de amores. Hai un dito popular sobre ela: A herba de namorar / a herba namoradeira / a herba de namorar, / tráiocha na faldriqueira.
A ruta, se así se desexa, non remata tras a visita ao santuario do Santo. Unha posibilidade é camiñar ata o pico máis alto da Serra da Capelada, o Vixía Herbeira, entre Cabo Ortegal e Santo André e a 620 metros sobre o nivel do mar. Desde alí pódese observar a magnitude destes cantís, os máis altos tras os fiordos noruegos, pois á súa altitude súmase unha pendiente de máis do 80%.