O teu concello é circular ou ten forma de unicornio? Consúltao aquí

Un proxecto de visualización de datos ordena rexións europeas seguindo criterios xeométricos e a xornalista Pilar Mera adáptao a Galicia

Salceda de Caselas parece a gadoupa dun dinosaurio. Sandiás é o perfil dunha cara de porco. Bande ten forma de paxaro, A Teixeira de cabaliño de mar e Paderne semella un unicornio. Unha podería seguir así case indefinidamente. Polo menos, ata observar detidamente a forma de cada un dos 313 concellos galegos. Un xogo ben fácil de levar a cabo grazas a un conxunto de mapas interactivos elaborados pola xornalista e programadora web Pilar Mera. Segundo ela mesma explica, os autores orixinais son Joe Davis e Julien Gaffuri. Os dous crearon un proxecto en Observable —unha plataforma de visualización de datos—, que ordena as rexións europeas seguindo diferentes patróns xeométricos. Por exemplo, Galicia e a décimo cuarta máis redonda das 334 territorios da Unión Europea.

“Eu adaptei o seu proxecto cos datos dos concellos galegos. Podería facerse con outras delimitacións, como comarcas, parroquias, provincias…”, explica Mera. Tamén matiza que os concellos non están a escala. “Se o estivesen, habería unha diferenza entre o máis grande, que é A Fonsagrada con 485 km2, e o máis pequeno, que é Mondariz-Balneario con 2,5 km2“, engade. Ademais, a xornalista explica que o proxecto orixinal ordena todas as rexións europeas seguindo diferentes niveis. Por exemplo, o NUTS2 é o que se corresponde en España coas comunidades autónomas. Tendo en conta isto, todos estes territorios ordénanse seguindo diferentes criterios xeométricos, como a circularidade, a orientación, o alongamento, a convexidade, a cuadratura e a rectangularidade.

Publicidade

Carballeda de Valdeorras é o concello máis rectangular de Galicia

Con esta premisa, Coles é o concello máis redondo, cun 91,8% de circularidade. No lado oposto estaría Mañón, con tan só un 42,8% neste criterio. No que respecta á rectangularidade, Carballeda de Valdeorras lidera a lista, cun 93,3% mentres que a Illa de Arousa tan só acadaría un 34,5% e pecharía a clasificación. O máis cadrado, por exemplo, é Ordes, cun 82,8% fronte ao 11,3% ao que tan só chega Bueu. O líder do alongamento é Ares, cun 73,5% fronte á baixa porcentaxe do Saviñao, que tan só acada o 1,8%. En relación á convexidade, Rábade sitúase en primeiro lugar cun 91,6%. A Illa de Arousa volve exercer a oposición, con tan só un 21,8%. E así se podería seguir para analizar outras variables, como a superficie ou incluso a orientación.

Mera mantivo os mesmos criterios xeométricos na súa visualización con selo galego. Segundo o que ela interpretou na documentación, a maioría dos cálculos realizados por Davis e Gaffuri están baseados no Mínimo Rectángulo Denominador que se podería debuxar arredor de cada concello. Pero máis alá dos valores que aparecen no proxecto orixinal, nunca está de máis botar man da imaxinación. Sen ter en conta circularidades e demais criterios, ver a silueta de cada concello por separado é ben parecido a adiviñar a forma das nubes. Para Pilar Mera, Ribadavia parece un calamar prehistórico. E Padrón, a sevillana do whatsapp. E para ti?

Publicidade


Podes consultar o orixinal e variar os criterios xeométricos premendo na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia