A riqueza de Cabo Ortegal, a tan só un paso de converterse en Xeoparque

A Deputación da Coruña, en colaboración con sete concellos, promoveron a iniciativa, que se pode certificar esta mesma primavera

O patrimonio xeolóxico singular das comarcas de Ferrolterra e Ortegal xa ten proxección mundial. “Levamos traballando seis anos nel e temos razóns fundadas para crer que en primavera se vai certificar como Xeoparque Mundial UNESCO“, explica o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira. Esta é unha iniciativa en colaboración cos sete concellos integrados no complexo, Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Coa certificación espérase que o fluxo de visitantes aumente e deba acondicionarse ao territorio como destino turístico mediante unha serie de actuacións recollidas no Plan de Sostibilidade Turística en Destino da Coruña.

Será preciso unha estruturación de rutas e unha mellora da conectividade, da información ao destino, da comunicación e da dixitalización de certos elementos, de xeito que o Plan “vai tratar de articular elementos de mobilidade verde que fagan tamén máis fácil a visita ao parque”, resume Regueira. Apunta a un perfil de visitante interesado na natureza e ocio, ao tempo que mantén “unha complicidade extrema co desenvolvemento sostible e con respecto aos ecosistemas”. “Ter un xeoparque de costa vai facer que toda unha comunidade científica a nivel internacional en moi pouco espazo de tempo vaia poder desfrutar de dous xeoparques moi diferentes [o xeoparque de interior e o das Montañas do Courel]”, explica.

Publicidade

O Proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal recolle 23 actuacións a través de catro eixos prioritarios. A adecuación e mellora da rede de rutas de sendeirismo e BTT do territorio é a liña de traballo dentro da transición verde e sostible, e a creación dunha convocatoria de subvencións dos concellos do Xeoparque para a mellora da eficiencia enerxética. Con todo, as 21 accións restantes están concentradas na transición dixital e a competitividade, dentro dun plan moi centrado na comunicación do territorio e dotación de infraestruturas turísticas de recepción.

“Non queremos distorsionar o destino. Queremos conseguir que avance turisticamente, pero continúe sendo un destino auténtico”

XOSÉ REGUEIRA, vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo

A diferenza co resto de territorios do Plan de Sostibilidade Turística é que é “seguramente o máis virxe” dos que vai traballar a Deputación da Coruña no desenvolvemento do proxecto. “Non queremos distorsionar o destino. Queremos conseguir que avance turisticamente, pero continúe sendo un destino auténtico, polo tanto estamos falando dun territorio con moi pouca infraestrutura turística, que vai dar a oportunidade de xerar negocios turísticos de estándares elevados e moi en sintonía coa natureza”, explica Regueira, ao tempo que insiste no valor fundamental de comunicalo ben. Crearase un gabinete de comunicación e marketing online e promoveranse fam trips (viaxes de familiarización), para que xornalistas queden no destino durante varios días e escriban sobre el en revistas especializadas.

Dotación de infraestruturas turísticas

Ao falar de falta de infraestruturas turísticas faino en referencia aos sectores da hostalaría e da restauración (infraestruturas de recepción), que o proxecto pretende equilibrar. O Plan contempla a creación dunha central de reservas para a venda directa dos produtos, experiencias e actividades do territorio do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal —no eixo de transición dixital— e dotar de melloras na cualificación profesional do sector turístico —na liña da competitividade—, entre outras. Ademais, traballarase na promoción da gastronomía e os produtos agroalimentarios locais.

O Castelo de Moeche é tódolos anos o escenario dun festival de folk. Crédito: Concello de Moeche

Co que xa conta o territorio do Xeoparque de Cabo Ortegal é con eventos culturais cunha proxección turística xa consolidada. “Temos unha proba mundial do circuíto de Surf e un festival de folk como é o de Irmandiños en Moeche, que é unha pasada e chama a atención de xente interesada pola historia e a música tradicional. Logo hai un festival de cinema, o Chanfaina Lab, que chamou moito a atención aos certificadores da UNESCO que viñeron ao territorio a auditar o xeoparque”, apunta Regueira.

Este patrimonio cultural seguirá reforzándose. O Camiño de Peregrinación a Santo Andrés de Teixido gañará en protagonismo, que Regueira entende como un complemento ao baluarte cultural de Galicia, o Camiño de Santiago. A Deputación contempla a creación dunha aplicación para a súa promoción e dinamización a través da creación de empresas prestatarias de servizos e outras accións, como o deseño dunha credencial do peregrino do Camiño de Santo André e a posta en marcha de programas de voluntariado e educativos e xornadas de divulgación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os cinco novos Soles Repsol cos que A Coruña amosa a calidade da súa gastronomía

Hotel-restaurante Balarés, Eclectic, Simpar, Terreo Cocina Casual e O fragón son os establecementos recoñecidos

‘A provincia que sabe’ recibe o premio Gente Viajera Galicia á mellor promoción turística

A campaña gastronómica da Deputación da Coruña, galardoada por "promover a innovación nos procesos turísticos”

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

Cabo Ortegal, novo Xeoparque Mundial: “A decisión da Unesco reforzará o turismo de calidade”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, cre que a distinción impulsará o asentamento de poboación nova