Os terremotos rexistrados en Galicia en 2019. Fonte: IGN/Elaboración propia.
Os terremotos rexistrados en Galicia en 2019. Fonte: IGN/Elaboración propia.

Aquí podes ver todos os terremotos de Galicia en 2019

Os datos do Instituto Geográfico Nacional recolleron arredor de 250 movementos sísmicos de baixa magnitude no territorio galego e as súas áreas próximas

O ano 2019 que acaba de rematar en Galicia foi, no que a sismicidade se refire, un dos máis intensos nos últimos lustros. Segundo os rexistros do Instituto Geográfico Nacional, houbo en Galicia e as súas zonas limítrofes (Atlántico, Cantábrico, norte de Portugal e oeste de Asturias e Castilla y León), máis de 250 movementos sísmicos, cando o promedio dos últimos 30 anos foi de arredor de 150 anuais. Os terremotos oscilaron en magnitudes de entre 1 e 3,5. Porén, unha pequena porcentaxe deles chegaron a intensidades que puideran ser percibidas pola xente.

O maior deles (de feito, o máis grande rexistrado na provincia de Ourense neste século), tivo lugar en Carballeda de Valdeorras o 6 de setembro, cunha magnitude de 3,5. Porén, sentiuse menos que o que tivo lugar en Cartelle, na mesma provincia, dous días antes. A pesar de ser algo máis lixeiro, foi máis percibido pola cidadanía, acadando intensidade IV na escala que mide as percepcións nas persoas e os danos e impactos estruturais (máis información aquí, ver PDF).

Os terremotos do enxame de Celanova

Este último movemento, na comarca de Celanova, enmarcouse dentro dun enxame sísmico que acadou o seu máximo nos meses de xullo e agosto nesta zona ourensá, con case un cento de movementos. Os terremotos nesta comarca, aínda sendo de pouca intensidade, son relativamente habituais, tal e como apuntan os rexistros históricos, que ubican Celanova só por detrás do triángulo sísmico de Lugo en canto a número de sismos. Sobre os motivos, crese que os terremotos nesta zona están vinculados a algunha falla que forma parte da zona estremeira da cordilleira Cantábrica e que chega a esta parte de Ourense.

Precisamente preto de aquí tivo lugar en 2018 outro dos terremotos máis sentidos nos últimos anos no sur de Galicia, cunha magnitude 3,8. Tivo epicentro en Melgaço, preto da beira portuguesa do Minho, o 17 de novembro, e xerou centos de comunicacións ao IGN nas horas posteriores.

Neste mapa cronolóxico podes ver día a día, movéndote pola barra inferior, a actividade sísmica deste ano no territorio galego.

Alén do enxame de Celanova, que as fontes do IGN sitúan dentro da normalidade, destaca tamén no mapa de 2019 a habitual sismicidade no sureste da provincia de Lugo. E ademais, cómpre subliñar os movementos na zona do Barbanza, sobre todo cara ao final do verán, momento no que tamén houbo un sismo de magnitude 3,4 fronte á ría de Vigo.

Ademais cómpre destacar outro sismo que foi un dos terremotos máis fortes detectados nos últimos anos polo IGN nas proximidades do país, aínda que tivo lugar a case 200 quilómetros mar adentro, no Banco de Galicia. O 8 de novembro, un tremor de magnitude 4,5 tivo lugar nesta zona de habitual actividade sísmica, e preto de onde se atopan os restos do petroleiro Prestige.

Galicia é unha das rexións da península ibérica cunha maior actividade sísmica, aínda que en menor medida que Andalucía e Levante (pola súa proximidade á zona de unión entre as placas euroasiática e africana), os Pireneos e Canarias (pola actividade volcánica).

Para obter máis información sobre todos os terremotos rexistrados en Galicia este ano, podes moverte polo mapa, achegarte e pasar o cursor por riba de cada un deles aquí:

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.