Venres 26 Abril 2024

Terremoto de 3,3 graos en Ourense nun enxame de 31 sismos nun mes

O enxame sísmico está localizado entre Celanova e Cartelle e o Instituto Xeográfico Nacional rexistra unha media dun pequeno terremoto diario

Un terremoto de 3,3 graos de magnitude sacudiu esta noite con epicentro en Cartelle, no sur da provincia de Ourense, no que semella ser un enxame sísmico que suma 31 movementos rexistrados polo Instituto Xeográfico Nacional nos últimos 30 días na mesma zona. Os sismógrafos detectaron o sismo ás 22.33 horas da noite deste mércores 4 de setembro.

O hipocentro deste sismo estivo localizado a 19 quilómetros de profundidade e foi sentido por algúns veciños da zona.

Publicidade

O Instituto Xeográfico Nacional pon ao dispor dos cidadáns un cuestionario macrosísmico a través do que se pode informar sobre o sucedido durante e despois do tremor. Grazas a esta vía os afectados poden axudar á institución pública a solicitar información achegando detalles sobre que facían no momento do tremor, cal foi a súa reacción ante a sacudida e se os obxectos se movían ou chegaron a caer ao chan. Todos estes datos axudan aos investigadores a catalogar o sismo.

Pequenos sismos rexistrados no sur de Ourense no último mes.

O terremoto de Cartelle é comparable ao rexistrado en Celanova o 10 de agosto que alcanzou unha magnitude de 3,4. Tras o movemento continuaron os sismos na mesma área, localizados no municipio da Merca durante a madrugada deste xoves 5 de setembro, aínda que de intensidade menor.

Este novo terremoto é o de maior magnitude dun enxame sísmico que se mantén no sur da provincia de Ourense dende comezos do mes de xullo. O fenómeno dun enxame sísmico de pequena magnitude suma xa máis de 30 terremotos rexistrados. O máis recente ata o de hoxe foi o do martes, 30 de xullo, con epicentro no municipio de Cartelle e unha magnitude de 3,2.

A actividade sísmica no sur da provincia de Ourense é practicamente diaria dende o comezo do mes de xullo.

Defínese como enxame sísmico a sucesión de tremores que se producen nun área concreta durante un período determinado de tempo. Poden durar horas, días ou meses, e destácanse, tal e como sinala Emilio Carreño, do Instituto Xeográfico Nacional, porque “non existe un sismo que poidamos chamar principal“.

O fenómeno do enxame sísmico adoita producirse con certa periodicidade en Galicia, aínda que a súa intensidade non chega a ser percibida en moitos casos pola poboación. Con todo, hai experiencias recentes de situacións de risco. Foi, por exemplo, o que aconteceu a mediados dos anos 90 no bautizado como ‘triángulo sísmico’, entre as localidades lucenses de Sarria, Becerreá e Triacastela. Centos de tremores de magnitude superior a 3 sucedéronse durante meses. O evento principal produciuse o 21 de maio de 1997, cun tremor de magnitude 5,1 que se sentiu en toda Galicia.

Galicia non adoita vivir grandes sismos como os que acontecen noutras zonas do planeta. Porén, de cando en vez as fallas que atravesan o territorio lembran que a tectónica de placas está aí. Outro enxame sísmico tivo lugar o ano pasado en Pontevedra. E hai un lugar onde a actividade é moito maior e concentrada ca na contorna: o encoro de Belesar, no río Miño. Nunha área de poucos quilómetros cadrados entre os concellos de Taboada, Chantada e O Saviñao, as medicións do Instituto Geográfico Nacional (IGN) rexistraron preto de 200 pequenos terremotos nos últimos anos. Un fenómeno ao que xa prestaron atención varios traballos de investigación sobre sismicidade. Neste caso, os científicos sospeitan que os sismos teñen que ver co asentamento do propio encoro de Belesar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lúa súmase esta madrugada á aliñación planetaria

Este venres 24 de xuño, coincidindo coa madrugada da popular noite...

Os termos que a erupción de La Palma saca á superficie

Estamos oíndo e lendo unha chea de expresións relacionadas con vulcanoloxía coas que tivemos que familiarizarnos a fume de carozo

Así verá Galicia a eclipse parcial de Sol deste xoves

O disco solar aparecerá lixeiramente trabado pola Lúa cunha magnitude de 0,2 na Coruña

Enxame sísmico en Laza: 24 terremotos en 72 horas

O Instituto Xeográfico Nacional rexistrou dous sismos con magnitude 3,4 e a terra segue a tremer na zona na mañá deste luns 17 de maio