Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

*Un artigo de Logo The Conversation

Dous homes, Pedro Díaz e Munio Vandilaz, subscribiron no ano 1061 un acordo legal polo cal se comprometían a compartir a xestión da casa e igrexa de Santa María de Ordes —probablemente a actual parroquia homónima do municipio ourensán de Rairiz de Veiga—. Os dous homes, a teor dos seus “apelidos”, non parecen ser familiares senón, como logo se aclara, amigos.

Publicidade

Ata aquí, nada estraño nin excepcional.

Un documento habitual

Nin sequera o é o feito de que sexan dous laicos non emparentados os que deciden que facer con bens que, hoxe en día, definiriamos como eclesiásticos. É importante lembrar que as igrexas e os mosteiros formaban parte do patrimonio das familias máis acomodadas economicamente, e que estas decidían con total liberdade e autonomía que facer con el.

Publicidade

Por outra banda, nestes anos a Igrexa aínda non tiña a forza nin a capacidade suficiente para reclamar e esixir a autonomía na xestión dos seus bens materiais.

O documento que recolle este pacto consérvase no cartulario do mosteiro do Salvador de Celanova, un dos máis importantes do mundo hispánico na Alta Idade Media, cun patrimonio documental especialmente rico e interesante. Nel especifícase, ademais, que ambos son propietarios en pé de igualdade da dita igrexa.

E, acto seguido, enuméranse as funcións que lles correspondería compartir. Unha relación, por certo, que pode servir como unha antoloxía das diversas tarefas e competencias que se desenvolvían nos mosteiros da Europa altomedieval: atender os hóspedes; dirixir, alimentar e vestir os servos dependentes; plantar e cultivar as terras e hortos; e, por último, quizá en referencia á concepción horizontal que idealmente tiñan as sociedades monásticas, especifícase que ambos deben ter os mesmos dereitos á comida, á bebida e á vestimenta.

Algo máis?

A partir deste punto, o documento comeza a adquirir un ton menos habitual no seu contido. Menos habitual pero non por iso insólito, xa que este texto non deixa de formar parte do que se deu en definir como exemplos de fraternidade artificial, unha fórmula legal que se pode rastrexar por boa parte do mundo da Europa da Alta Idade Media.

Grazas a este modelo, individuos sen relación de parentesco poderían acordar considerarse como irmáns co fin de defenderse mutuamente ou compartir bens en común. Deste xeito, no noso exemplo reitérase a propiedade e a xestión compartida por parte de ambos. Especifícase, ademais, que todo isto debería de facerse como “bos amigos, cheos de fidelidade e de verdade”, ao longo de todos os días e de todas as noites, para sempre.

Foron estas expresións emocionais, que poderiamos pensar que van máis aló do mero formulismo documental, as que levaron a algúns historiadores a ver neste pacto algo máis que un novo exemplo desta fraternidade artificial.

O primeiro en abrir esta vía de investigación foi o medievalista norteamericano John Boswell (1947-1994). Na súa obra As vodas da semellanza, dedicada ás unións entre persoas do mesmo sexo desde a Antigüidade clásica ata a Idade Media, escollía este documento como un dos que, segundo a súa hipótese, encubría unha unión de tipo afectiva e marital entre dous homes.

Previamente, un historiador do dereito que viviu entre a segunda metade do século XIX e comezos do século XX, o español Eduardo de Hinojosa, editara e comentara este documento celanovense como un exemplo da fraternidade artificial da que falabamos anteriormente. Hinojosa non tivo en conta unha interpretación semellante á de Boswell, o que non é nada sorprendente. A época na que escribiu este historiador e os estándares mentais e culturais da mesma non eran os máis propicios para penetrarse nunha historia de sentimentos, sexo ou homosexualidade.

Difícil de definir

A interpretación de Boswell foi seguida por outros historiadores contemporáneos. Deles sobresae o filólogo e historiador galego Carlos Callón. Na súa obra Amigos e sodomitas fai deste documento peza esencial no seu argumento sobre a existencia, na Idade Media, de relacións afectivas entre persoas do mesmo sexo, consentidas e recoñecidas publicamente.

Aínda que non é fácil a tarefa de interpretar o documento orixinal, o certo é que a Idade Media dista moito de ser a época escura, retrógrada e salvaxe que algúns seguen imaxinando. Neste sentido, é importante lembrar que nestes séculos centrais do medievo xorde ata unha literatura homoerótica que nos fala dunha certa permisividade e recoñecemento das relacións afectivas e sexuais entre persoas do mesmo sexo.

Podería ser este documento un exemplo, non literario, deste recoñecemento medieval á unión de dous homes?


*José Miguel Andrade é catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela.

Cláusula de divulgación: José Miguel Andrade non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

José Miguel Andrade
José Miguel Andrade
Catedrático de Historia Medieval da Universidade de Santiago de Compostela.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Un anticiclón subtropical afecta Galicia con máximas de 36 graos e con calor prevista ata inicios de xullo

MeteoGalicia advirte dun forte ascenso térmico en toda a comunidade e da posible aparición de tormentas no interior

Unha dorsal africana rompe os termómetros e as temperaturas acadarán os 30 graos en Galicia

O ascenso dos graos impulsará valores estivais no interior e nas Rías Baixas, con ambientes máis calorosos durante as horas centrais do día