O galego que puxo en xaque as ditaduras de Franco e Salazar coa toma do “Santa María”

Xosé Velo, nado en Celanova, foi o activista que ideou o secuestro dun buque internacional que acadou unha gran relevancia en 1961

“Se en vez de galego fose americano, xa existirían varias películas sobre el”. Esta é a conclusión a que chega o xornalista e director Aser Álvarez tras 13 anos investigando sobre a vida de Xosé Velo (Celanova, 1916 – 1972 São Paulo). Profesor, político, escritor e activista, o auriense formou parte da toma do Santa María en xaneiro de 1961, un cruceiro internacional con 609 pasaxeiros que foi secuestrado por 24 portugueses e españois para denunciar a persistencia das ditaduras ibéricas. A través de novos datos obtidos por Álvarez, agora pódese confirmar que Velo non só foi parte esencial do asalto, senón tamén quen ideou esta acción política á que tivo que facer fronte John F. Kennedy na súa primeira rolda de prensa como presidente americano.

Será o documental Expediente Xosé Velo, baixo a produtora de Álvarez, Arraianos, o que trate estes novos achados sobre a toma do buque internacional. Completará así a triloxía audiovisual que forman os vídeos Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra e Xosé Velo, libertador ibérico, ambos dispoñibles de balde na canle de Youtube da Deputación de Pontevedra. “Agora mesmo estamos na pre-montaxe desta última entrega, que queremos presentar a festivais de cine antes de subilo a internet para que todo o mundo o poida desfrutar”, indica Álvarez. Entre outros aspectos, o director destaca desta peza a incorporación do testemuño de dous implicados na acción política de 1961: o propio fillo de Velo, Vítor Velo, e o xornalista xa falecido, Miguel Urbano.

Publicidade

Aser Álvarez e Vitor Velo, fillo de Xosé Velo, co fondo familiar en Brasil. Foto: Cedida.
Aser Álvarez e Vitor Velo, fillo de Xosé Velo, co fondo familiar en Brasil. Foto: Cedida.

A toma do Santa Maria

Ademais de realizar un resumo da vida de Xosé Velo, “a cal denominaba como un ‘incendio a 37 graos’, por estar sempre a fuxir”, o documental afonda na toma do Santa María a través da documentación descuberta nos últimos 13 anos. “Durante este longo proceso, ademais de rescatar os fondos familiares de Velo en Brasil —que actualmente están a disposición pública na Deputación de Pontevedra— puidemos acceder á Torre do Tombo en Lisboa, onde está o arquivo da Policía Política de Salazar, a PIDE”, narra Álvarez. Foi a través destes fondos onde o investigador confirma que “o creador da operación non fora Henrique Galvão, como se vendera á opinión pública, senón Xosé Velo”, afirma.

Así, o 22 de xaneiro de 1961, 24 comandos españois e portugueses do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) secuestraron o transatlántico da Compañía Colonia de Navegación que facía o percorrido La Guaira (Venezuela) a Vigo. “Para Velo era moi importante que se considerase unha acción política —como así ditaminou o Departamento de Defensa dos Estados Unidos— e non un acto de piratería, polo que estou a fondo os dereitos implicados e a operación a seguir”, detalla o investigador.

Publicidade

Acollidos como refuxiados políticos

Chegada do Santa Maria a Recife. Foto: Fondo Xosé Velo Mosqueira. Arquivo da Deputación de Pontevedra
Chegada do Santa Maria a Recife. Foto: Fondo Xosé Velo Mosqueira. Arquivo da Deputación de Pontevedra

Cun total de 609 pasaxeiros a bordo de diversas nacionalidades, entre elas estadounidenses, o asalto acadou unha gran relevancia internacional, ocupando portadas en numerosos medios de comunicación de todo o mundo na época. O propio presidente de Estados Unidos naquel momento, John F. Kennedy, tivo que tratar o asalto durante a súa primeira rolda de prensa. Ademais, os portugueses consideran este fito como o “comezo do fin” da ditadura de Salazar. Foron un total de 12 días de secuestro no que os implicados rebautizaron o buque como Santa Liberdade. Ademais de denunciar internacionalmente a persistencia das ditaduras de Franco e Salazar, o obxectivo da toma tamén era espallar focos revolucionarios nas colonias africanas, mais este feito non se puido acadar. A falta de armas na embarcación que permitisen o ataque na illa de Fernando Póo (Guinea española) e un tiroteo no que morreu un tripulante e unha persoa resultou ferida de gravidade levaron a que se decidise mudar o plan inicial.

Trala súa toma de posesión como presidente do Brasil o 31 de xaneiro, Jânio Quadros ofreceu asilo político para os membros do DRIL e estes chegaron o 2 de febreiro ao porto de Recife. O barco atracou cunha multitude aclamando a proeza dos secuestradores, que foron recibidos con honras oficiais e acollidos como refuxiados políticos no país, segundo detalla Álvarez.

O legado de Xosé Velo

Este é un dos moitos episodios que se poden destacar da vida de Xosé Velo. Un activista que non puido volver á súa terra e que morrería con 55 anos en Brasil por mor dun cancro de pulmón. “Nunha das súas últimas cartas ao seu amigo Celso Emilio Ferreiro pódese apreciar a firmeza coa que afronta a súa morte“, indica o investigador. Sería este texto o que fixo que comezase o seu proxecto de pór en valor a vida deste auriense.

O legado de Xosé Velo pódese consultar na páxina web homónima, que tamén recolle os libros, documentais e arquivos sobre o activista. “Nos tempos que corren é esencial destacar unha figura coma esta, un heroe da nosa terra que se xogou a súa vida pola liberdade que hoxe nós desfrutamos e do que aínda queda moito por descubrir”, conclúe Álvarez.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período