De esquerda a dereita e de arriba cara a abaixo: Olimpia Valencia, Ángeles Alvariño, Antonia Ferrín, María Wonenburger, Tarsy Carballas e Inmaculada Paz Andrade.

Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer

Como se adoita dicir, non están todas as que son, pero si son todas as que están. Para celebrar este 8 de marzo, en GCiencia compilamos 20 nomes de mulleres de ciencia en Galicia cuxa vida e traxectoria cómpre coñecer. Referentes que marcaron e aínda marcan o camiño na excelencia investigadora, máis tamén na reivindicación de dereitos.

Ángeles Alvariño

(Serantes, Ferrol,1916-La Jolla, California, 2005). É unha mulleres de ciencia máis importantes da historia de Galicia. A súa carreira investigadora comezou en Vigo, pero a desenvolveu logo nos Estados Unidos, con estudos de fonda repercusión.

Ao longo da súa carreira, Alvariño descubriu doce novas especies de quetognatos e nove de sifonóforos. Os uns e os outros, cos seus nomes raros, son minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén describiu unha nova especie de medusa. En total, Ángeles Alvariño atopou 22 novas especies para a ciencia. Tal foi a súa relevancia que desde 2012 un buque do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.

María José Alonso

A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso.
A catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso.

(Carrizo de la Ribera,León, 1958). Graduouse en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela en 1981 e obtivo o seu doutoramento en 1985. É catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC e dirixe o MJ Alonso Lab. En 2014, xunto a Alicia Estévez, foi a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias despois de case 25 anos.

É a científica española máis citada en Ciencias da Saúde, con preto de 15.000 mencións, e recibiu numerosos recoñecementos internacionais, alén de asesorar a revistas de alto impacto e ao Goberno español.

Manuela Barreiro Pico

(Viveiro, 1877-Madrid, 1953). “Perde o tempo quen ten o mal gusto de enviar á súa filla ao laboratorio”, dixeron dela nas revistas dela. Mais aproveitou o tempo e foi pioneira. Foi a primeira muller en Galicia en recibir un título de Bacharelato e a primeira licenciada en Farmacia. Entre 1903 e 1933 rexentou a súa propia botica en Ribadeo.

Mar Capeáns

A compostelá Mar Capeáns, no vídeo co que o CERN anuncia a presentación do informe para o Futuro Colisionador Circular.(Santiago de Compostela, 1967). Desde 1992, xusto despois de terminar a súa tese de doutoramento en Física na USC, traballa no CERN, entre Francia e Suíza. Foi a primeira muller española en formar parte da plantilla do gran experimento, e hoxe dirixe o departamento de Tecnoloxía de Detectore, sendo unha das científicas con maior responsabilidade nun equipo de miles de persoas.

Así explicaba o seu traballo nunha entrevista con GCiencia: “Digamos que os detectores son como as cámaras de fotos que rexistran as colisións das partículas que inxectamos no LHC. Pois ben, os detectores teñen que ser os mellores, os máis precisos, para detectar todos eses movementos que se producen a escala subatómica, e obter así os resultados que nos levaron, por exemplo, a atopar o Bosón de Higgs”.

Tarsy Carballas

(Taboada, 1934). É unha das científicas que máis coñece o solo de Galicia. Licenciouse en Farmacia en 1958 na Universidade de Santiago de Compostela, e pouco despois xa era profesora adxunta interina de Bioquímica e profesora axudante de Termodinámica e Mecánica Estatística. Tamén estudou Ciencias Químicas, que rematou, con premio extraordinario de licenciatura, no ano 1963.

Co seu traballo, Carballas converteuse na pioneira dos estudos da xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona húmida e temperada de España e no aproveitamento de materiais orgánicos residuais como fertilizantes. Pero sobre todo, a figura de Tarsy está enfocada ao estudo dos efectos da erosión producida polos incendios forestais, da que ten alertado en moitas ocasións como un dos graves problemas que afectan aos solos en Galicia.

Alicia Estévez

(Pontevedra, 1955). Licenciada en Bioloxía e Farmacia e catedrática de Microbioloxía da USC desde 1991. É unha autoridade internacional nas patoloxías dos peixes con aproveitamento acuícola.

En 2018 recibiu o premio María Wonenburger en recoñecemento á súa traxectoria. Alén de moitos outros recoñecementos, tamén é membro da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), sendo unha das dúas primeiras mulleres, xunto a María José Alonso, en incorporarse á institución despois de case 20 anos sen novos ingresos femininos.

Antonia Ferrín

Antonia Ferrín.

(Ourense, 1914-Santiago de Compostela, 2009). Foi a primeira astrónoma galega. Tamén, a primeira muller que leu unha tese doutoral en España sobre astronomía. E fixo interesantes achegas ao estudo das estrelas dobres. En 1930, entra na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago, onde cursa a especialidade de Química.

De 1934 a 1936 dá clase na Física e Matemáticas da Facultade de Ciencias, mentres estudaba Farmacia e realizaba cursos de ciencias exactas. En 1937, foille aberto un expediente de “depuración” tras recibirse unha denuncia anónima sobre a súa ideoloxía política. A consecuencia deste proceso, foi sancionada e apartada da docencia universitaria. Co apoio de Ramón María Aller, segue investigando ata converterse na primeira doutora en Astronomía de España en 1963.

Carmen García Mateo

Carmen García Mateo é catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Licenciouse no ano 1987 na Universidade Politécnica de Madrid e doutorouse en 1993. Desde os anos 90 é profesora titular na Escola de Enxeñería de Telecomunicación, na Universidade de Vigo, onde tamén ten desempeñado o cargo de vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea, entre os anos 2006 e 2010.

En 2014 recibiu o premio María Wonenburger en recoñecemento ao seu labor, nunha disciplina, a de Telecomunicacións, na que a fenda de xénero é aínda notable.

María Teresa Miras Portugal

(O Carballiño, 1948). Estudou a licenciatura de Farmacia, primeiro na USC e logo na Complutense, onde se doutorou. É catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular nas universidades de Oviedo, Murcia e Complutense de Madrid. Foi presidenta da Real Academia Nacional de Farmacia, a primeira muller na historia. Está especializada no estudo dos receptores de nucleótidos e a súa repercusión en doenzas neurodexenerativas. Foi premio María Wonenburger en 2009

Minia Manteiga

(Negreira, 1963). En 2018, esta profesora da Universidade da Coruña converteuse na primeira catedrática de Astrofísica de Galicia. Estudou Física na USC e continuou a súa traxectoria na universidade de La Laguna, ao abeiro do Instituto de Astrofísica de Canarias.

Actualmente compaxina a docencia na Escola de Náutica na Coruña coa investigación, e traballa coa Axencia Espacial Europea no proxecto Gaia, na cartografía máis ampla feita ata agora da Vía Láctea.

Inmaculada Paz Andrade

Inmaculada Paz Andrade. Imaxe: culturagalega.org.
Inmaculada Paz Andrade. Imaxe: culturagalega.org.

(Pontevedra, 1928).  É doutora en Física pola USC (1963) e catedrática de Física Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela. Durante a súa longa traxectoria acabou converténdose nunha referencia mundial en Microcalorimetría, Termoxénese e Calorimetría Diferencial de Barrido. En 1983 foi a primeira catedrática de Física Aplicada e preto de tres décadas despois sería tamén a primeira investigadora recoñecida coa medalla de ouro da Real Sociedad Española de Física. En 2008 recibiu o primeiro galardón María Wonenburger e en 2018, foi nomeada doutora honoris causa pola UVigo.

Peregrina Quintela

(Vigo, 1960). É licenciada en Matemáticas pola USC (1982) e doutora en Ciencias Matemáticas pola Universidad Autónoma de Madrid. É catedrática de Matemática Aplicada na USC. Presidenta da Rede Española Matemática-Industria (math-in) e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). En 2016 recibiu o premio María Wonenburger.

Ángela Ruiz Robles

Ángela Ruiz Robles, inventora da Enciclopedia Mecánica.

(Villamanín, León, 1895). Foi mestra e pasou a maior parte da súa vida en Ferrol. A súa idea máis brillante materializouse en 1949, cando patentou un libro de texto para os estudantes que funcionaba cun sistema mecánico de aire a presión, ao que se podían engadir diferentes carretes correspondentes ás distintas materias, e ao que deu o nome de Enciclopedia Mecánica. Unha especie de predecesor do libro electrónico que a fixo pasar á historia.

Marisol Soengas

(Agolada, 1968). A científica galega dirixe o grupo de Melanoma no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), e é unha autoridade internacional na investigación do cancro de pel. Licenciouse en Bioloxía na Universidade da Coruña, aprendeu máis sobre Bioloxía Molecular na Universidad Autónoma de Madrid e doutorouse ao tempo que tiña a oportunidade de traballar con Margarita Salas no laboratorio do Centro de Biología Molecular Severo Ochoa.

Ramona Vaamonde

(Santiago de Compostela, 1907-1997). Foi premio extraordinario da licenciatura de Farmacia en 1930, con 12 sobresaíntes e matrículas de honra. Durante a Guerra Civil traballou e obtivo o título de Enfermería no Laboratorio de Farmacia Militar de Santiago. Exerceu despois de axudante nas clases de Microbioloxía, foi nomeada profesora adxunta da materia en 1956 e leu a súa tese de doutoramento en 1957, despois do cal se dedicou a docencia desta disciplina e de Parasitoloxía. Tivo un papel clave para detectar o virus do cólera en Santiago en 1975, evitando unha epidemia.

Olimpia Valencia

Olimpia Valencia.
Olimpia Valencia.

(Ourense, 1898-Vigo, 1987). Foi unha das primeiras licenciadas en Medicina de Galicia. Fíxoo cun expediente académico brillante, que inclúe 19 matrículas de honra e premio extraordinario. A discriminación de xénero obrígaa a optar pola xinecoloxía fronte a súa primeira opción, a neumoloxía, xa que estaba mal visto que as mulleres atenderan aos homes.

Na Segunda República apoiou ao Partido Galeguista, o que lle valeu un arresto en 1937 durante a represión franquista. Despois mantivo a súa consulta no centro de Vigo (onde hoxe ten unha rúa), e foi unha das fundadoras da Alianza Francesa en Vigo. Desde 2017 tamén leva o seu nome o edificio Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) da Universidade de Vigo.

Begoña Vila

(Vigo, 1963). Esta astrofísica viguesa traballa no novo gran telescopio que explorará o espazo, o James Webb da NASA. Vila comezou a estudar Física na USC e logo especializouse en Astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias. Realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de Cardiff.

Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA no James Webb a través dunha empresa canadiana. Comezou como analista, ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guiará a viaxe do gran telescopio, onde lidera a un equipo dun milleiro de persoas. Foi premio María Wonenburger en 2017.

María Wonenburger

María Wonenburger e Paul Halmos
María Wonenburger xunto ó seu colega Paul Halmos, na Universidade de Indiana en 1967.

(Oleiros, 1927-A Coruña, 2014). Naceu en Montrove no seu dunha familia propietaria dunha empresa de fundición. Licenciouse en Matemáticas en 1950 na primeira promoción da Universidade Central de Madrid. Foi a primeira española en conseguir unha bolsa Fulbright, o que lle permitiu estudar na universidade de Yale. Alí doutorouse nunha rama das matemáticas da que se converteu en toda unha experta mundial: a teoría de grupos. Tamén foi coñecida polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie, que se usan en estudos de xeometría en espazos vectoriais.

Tivo unha vida de recoñecementos en Estados Unidos mentres aquí ficaba no anonimato. Regresou en 1983 á Coruña pola enfermidade da súa nai, e só nos seus últimos anos chegaron as homenaxes en Galicia. En 2010 foi a primeira científica investida doutora honoris causa pola universidade da Coruña. E a Xunta de Galicia creou en 2007 o premio que leva o seu nome.

Isabel Zendal

(Ordes, 1773-Puebla, México, n/c). En 1803 partiu da Coruña unha expedición que sería controvertida o día de hoxe, pero que salvou moitas vidas. Un médico chamado Francisco Xavier Balmis convenceu ao rei Carlos IV para financiar unha idea revolucionaria: infectar nenos orfos coa varíola e utilizalos para levar a vacina a América, onde a enfermidade, levada en 1518 polos primeiros colonos españois, tiña efectos devastadores. A bordo desta expedición ía a enfermeira Isabel Zendal, reitora do Hospital da Caridade da Coruña, foi a gran protagonista que coidou dos cativos na súa viaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.