Domingo 15 Decembro 2024

Marisol Soengas lidera o achado do ‘capitán xeral’ da metástase do melanoma

“O melanoma é o campión das mutacións, por iso é tan agresivo”, dicía en maio nunha entrevista a GCiencia Marisol Soengas (Agolada, 1968). As células tumorais que forman unha pequena mancha na pel poden viaxar en pouco tempo polo corpo e producir metástases a velocidade de vertixe. Tantas mutacións provocan un enorme caos, xa que hai moitos procesos que acontecen a un tempo, e que parece ir cada un polo seu lado. Isto provoca que este tipo de cancro de pel sexa un dos máis temidos.

Soengas, directora do grupo de melanoma do CNIO, o Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas, acaba de liderar un novo estudo, en colaboración co hospital 12 de outubro, que parece atopar orde neste caos: semella que hai una especie de ‘capitán xeral’, a proteína p62, que coordina todos os procesos.

Publicidade

O avance é relevante. Como mostra a prestixiosa revista Cancer Cell levará o estudo liderado pola científica galega na portada do seu número de xaneiro de 2019, aínda que o traballo xa está dispoñible en liña. O equipo español descubre tamén que un dos ‘guerreiros’ controlados pola p62 é FERMT2, outra proteína que nunca se relacionara antes coa metástase do melanoma. Demostrase, por tanto, que estas dúas proteínas poderían ser un marcador no prognóstico da evolución da enfermidade dos pacientes. En 2017, o equipo de Soengas xa conseguira predicir, mediante determinados mecanismos moleculares, a metástase deste tipo de cancros.

“É moi difícil poñer orde nos mecanismos que conducen ao melanoma e atopar cal é o código de barras que define ao tumor, conta Marisol Soengas, segundo recolle o CNIO. Isto acontece porque as células do melanoma acumulan un gran número de alteracións do ARN. E ademais, hai que ter en conta, segundo sinala Soengas, que “hai máis de 1.500 proteínas que se unen ao ARN, moitas delas sen estudar.

Publicidade

A proteína p62 e o melanoma

Os anteriores avances do grupo que estuda este tipo de tumores conseguira describir algunha das características que o distinguen doutros, como é a regulación dun proceso de autolimpeza celular chamado autofaxia: un sistema polo cal todas as células, incluso as tumorais, eliminan compoñentes que xa non precisan, e dos que extraen enerxía para seguir desenvolvéndose.

E aquí estaba a clave. A partir desta base, os científicos comezaron a explorar a proteína p62, relacionada normalmente coa autofaxia nos procesos tumorais. “Interesábanos porque foi descrita como unha especie de yin-yang do cancro: favorecía ou inhibía os tumores segundo o contexto”, conta ao CNIO  Panagiotis Karras, primeiro autor do estudo.

A proteína p62 aumenta a súa presenza cando o melanoma progresa

Así, estudando os seus niveis en biopsias de melanomas de pacientes, observaron que os niveis de p62 medraban cando o melanoma progresaba. Porén, mediante o uso en modelos animais, viron que no caso deste tumor, a p62 non é determinante na autofaxia.

Para atopar a función principal desta proteína no melanoma, realizouse un estudo completo co que se obtivo a primeira caracterización completa e de todos os procesos nos que está implicada, analizando a expresión dos xenes involucrados nestes procesos, a estrutura e función das proteínas e as interaccións que acontecen entre elas.

A proteína p62 (vermello) mediante microscopía de fluorescencia en células de melanoma. As estructuras esféricas punteadas corresponden a grandes agregados de p62 con outras proteínas, entre elas, factores que controlan múltiples procesos implicados na supervivencia, proliferación e invasión destas células tumorais. Fonte: CNIO.

Con estes datos, o equipo descubriu algo inesperado: a p62 pode controlar a vida media doutras proteínas implicadas na metástase do melanoma. “Recrutando determinadas proteínas de unión ao ARN, p62 controla moitas que favorecen as metástases a través de procesos que parecían independentes. Pero agora vemos que non o son, senón que teñen un regulador común”.

Neste contexto producíronse os achados da nova proteína FERMT2, que garda correlación cun peor prognóstico dos melanomas que causan metástase. Os vindeiros pasos estarán centrados na validación dos resultados nun maior número de biopsias, así como afondar neste particular código de barras dos melanomas, que os distinguen doutros tumores.

O traballo acadado polo equipo que lidera Soengas foi financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, a Asociación Española Contra el Cáncer, o Team Science Award for Women in Scientific Research de L’Oréal Paris USA-Melanoma Research Alliance, the Worldwide Cancer Research, a Maratò de TV3, Fundación La Caixa, Fundación Mutua Madrileña, o Instituto de Salud Carlos III e o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social.

Artigo de referencia: p62/SQSTM1 fuels melanoma progression by opposing mRNA decay of a selective set of pro-metastatic factors.(Cancer Cell, 2018).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Predicir o futuro dos virus a través do seu pasado: así o estudan bioinformáticos galegos

Científicos do CINBIO deseñan modelos co obxectivo de atopar posibles mutacións resistentes a terapias antes de que se produzan

Tres cafés ao día alongan a vida? Un estudo asocia o seu consumo cunha mellor saúde

Unha investigación da Universidade de Coimbra relaciona tres cuncas diarias cun maior tempo sen enfermidades graves

O micromecenado, unha oportunidade para as investigacións minoritarias (pero importantes)

O financiamento de pequenos proxectos a través da filantropía permitiría ás universidades públicas españolas abrir o seu abanico de gastos

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares