Que pasa coa contaminación da Facultade de Farmacia da USC?

Unha fuga de combustible nun depósito que non conseguiu solucionarse leva anos causando problemas no edificio do Campus Sur

Despois de anos de reformas, con centos de alumnos e profesores espallados por varias facultades, a USC anunciou a pasada semana que tiña intención de demoler un dos edificios emblemáticos do Campus Vida, que acolle o aulario e laboratorios da Facultade de Farmacia. Falouse, no marco deste anuncio, dun problema de contaminación da que se di que mesmo xerou problemas de saúde puntuais nalgunhas persoas, mais o descoñecemento sobre a orixe do asunto xerou preocupación en parte da comunidade universitaria. E mesmo xerou protestas entre o alumnado, coincidindo co anuncio da demolición que ía retrasar aínda máis a volta á súa facultade despois de tres cursos de obras: hai estudantes que apenas pisaron a que debería ser a súa ‘casa’ universitaria.

Unha fuga nun depósito

O problema coñeciuse hai máis de 10 anos, a finais de 2007. Explican fontes da USC que se produciu unha fuga nun depósito de fuel, que despois foi de gasóleo, para consumo propio do centro. A fuga filtrouse ao solo, e contaminou unha zona situada baixo a facultade. Ao detectar a contaminación da zona, realizáronse as primeiras tarefas de limpeza, intentando extraer o combustible que había no subsolo. Mais o labor non foi suficiente, e o problema persistiu.

Publicidade

Aclaran desde a USC que este feito non xerou ningún tipo de problema estrutural: o principal inconveniente son os cheiros que desprende, e que pode xerar malestar e mesmo problemas puntuais de saúde nas persoas usuarias do edificio. Porén, a dificultade de acometer a limpeza co edificio enriba, segundo recoñecen desde a institución, convérteo nun procedemento arriscado e custoso.

Con este panorama, a USC manifestou a semana pasada a intención de esgotar todas as posibilidades de limpeza antes de demoler, comezando por “un método menos agresivo e custoso que os probados ata agora e cuxa viabilidade se coñecería en tres meses”. Trátase de inxectar oxidantes para acadar a descontaminación química do solo, no canto da retirada física, a través da degradación do combustible.

Publicidade

Non en tanto, para axilizar prazos, e á espera da posible efectividade desta medida, xa se buscan as alternativas para reabrir canto antes a Facultade de Farmacia. A institución anunciou que ía solicitar un proxecto de demolición para coñecer o custo das obras. Un custo que, segundo sostén o equipo de goberno, “se prevé amortizar en sete anos, tendo en conta o aforro de 250.000 euros anuais para a Universidade que supoñen 5.500 metros cadrados menos de mantemento”, e dentro da liña de racionalización de espazos pola que avoga o actual equipo de goberno da institución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Candeas e incenso, cando o suposto “benestar” contamina a casa

Desde o punto de vista da química atmosférica, ambos os xestos implican algo moito menos idílico: introducir unha fonte de combustión dentro do fogar