Sábado 20 Abril 2024

“Perde o tempo quen ten o mal gusto de enviar á súa filla ao laboratorio”

Só vai pouco máis dun século que unha galega conseguiu exercer como farmacéutica. Foi Manuela Barreiro Pico, natural de Ribadeo, que tivo que superar infinidade de atrancos para acadar a licenciatura en Farmacia e poder abrir a súa propia botica.

A catedrática da USC e profesora na Facultade de Ciencias de Lugo, María Isabel Fernández García, rescatou recentemente a memoria desta pioneira no libro “Manuela Barreiro Pico. Ribadense destacada”, editado pola Deputación Provincial de Lugo.

Publicidade

Nesta obra, María Isabel Fernández, que tamén forma parte do Grupo de innovación docente en didáctica e divulgación científica Ciencia Nosa, pon en valor as actividades e méritos acadados por Manuela Barreiro e afonda na figura desta ribadense, a primeira muller que cursa estudos na universidade en Galicia, logo de solicitar permiso ao Ministerio para matricularse na Universidade de Santiago de Compostela, á que accedeu en 1896. Rematados os estudos da licenciatura en Farmacia en 1901, Barreiro Pico abriría un ano despois a súa propia Botica en Ribadeo. Iso si, logo de solicitar múltiples permisos.

manuela barreiro 44

 

Manuela Barreiro abriu a sua farmacia en Ribadeo na actual rúa Rodríguez Murias, dende 1903 a 1933. A pioneira farmacéutica tivo que pasar por incontables trámites burocráticos para poder exercer. Consérvase o escrito que dirixiu ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, no que sinala que desexaba estudar Farmacia “para o exercicio dunha profesión que sempre creu propia do seu sexo e na que pretende atopar ocupación útil para si e para a sociedade”.

“Perden o tempo (…) as familias que teñen o mal gusto destinar ás súas fillas ao laboratorio”

A resposta obtida polos seus coetáneos é dun desprezo tan absoluto como o deste comentario na revista ‘Farmacia Moderna‘: “Perden o tempo, os cartos e algo máis, que sempre constituíu a mellor auréola das damas, as familias que teñen o mal gusto de destinar ás súas fillas ao manexo do bisturí e os traballos de laboratorio. A figura da muller ten outro cadro e debe respirar outro ambente”.

E engadiron máis ‘alfaias’ sexistas a estas consideracións sobre a entrada de Manuela Barreiro na universidade compostelá: “Nunca quixemos terzar no xeneral debate de se as mulleres deben ou non consagrarse de preferencia aos quefaceres domésticos, deixando para os homes a ardua e sempre mal recompensada labor do estudo das ciencias naturais”.

Malia primeira oposición, finalmente Manuela Barreiro conseguiría o permiso necesario. E conseguiría licenciarse en 1901, para abrir a súa farmacia en 1903, que estivo aberta ata 1933.

Actualmente, unha rúa de Ribadeo leva o nome de Manuela Barreiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:58:19

Victoria Lareu: “O maior hándicap da muller no traballo é ser nai”

A catedrática de Medicina Legal da USC participa na terceira sesión do ciclo 'Ciencia en feminino'

Unha galega abre o camiño para aplicar intelixencia artificial na administración de vacinas

A investigación valeulle a Lorena García del Río o IX Premio Julián Francisco Suárez da Real Academia de Farmacia de Galicia

Un equipo de Santiago mellora a eficacia terapéutica contra a artrite reumatoide

O investigador Iván Lamela formula na súa tese modelos de microcápsulas aptas para tratamentos a nivel intraarticular

María José Alonso, nomeada ‘honoris causa’ pola Universidade de Nottingham

A catedrática da USC e investigadora do CiMUS quixo compartir esta distinción “con todo o equipo que me acompañou ao longo da miña carreira"