Venres 19 Abril 2024

Atopan a Marumasat IV en Maceda catro días despois do lanzamento

A sonda foi localizada a uns 1.700 metros das coordenadas nas que se estivo buscando tras saír de Ordes o pasado 28 de maio

Despois de varios días de incerteza, a comunidade da Axencia Espacial Escolar Galega, a NOSA, respirou aliviada e feliz o pasado sábado ao recibir a noticia de que a Marumasat IV fora localizada en Maceda, preto das coordenadas nas que se estivera buscando desde poucas horas despois do seu lanzamento, o pasado martes 28 de maio, desde o IES Maruxa Mallo de Ordes.

Foi de novo a familia Regos, que xa atopara a Marumasat III o ano pasado en Negreira, a que localizou a sonda en Maceda grazas ao equipo de cetrería co que se achegaron ao municipio ourensán. “Atopárona a uns 1.700 metros das coordenadas nas que se estivo buscando, pero nunha dirección diferente, detrás dunha lomba e agochada nun bosque”, explica Xosé Manuel Fernández Castro, secretario da NOSA. O paracaídas tamén caeu por debaixo das copas das árbores, polo que os drones cos que intentaron buscar a sonda tampouco foron quen de localizar evidencias da presenza na zona.

Publicidade

A sonda escolar galega consegue voar a pesar dun accidentado lanzamento

“Cremos que chegamos aos 36.000 metros”

Unha vez recuperada, a Marumasat IV foi trasladada de novo a Ordes desde Maceda, aínda que por agora non se coñecen datos do percorrido exacto xa que aínda non foi aberta. “Hai que tomar todas as precaucións debidas, xa que se pode estragar, e queremos avaliar ben os posibles danos que puido ter a sonda polo choque que tivo no lanzamento“, explica o profesor do Maruxa Mallo. Nese momento de saída, a parte inferior da cápsula bateu cun muro e unha canastra e desprendéronse dela varios aparellos que viaxaban na parte inferior.

Con todo, Xosé Manuel Fernández subliña que é posible que a Marumasat IV cumprira un dos seus obxectivos, o do récord de altura de 36 quilómetros: “Cremos que chegamos aos 36.000 metros, porque caeu a moi pouca distancia do lugar onde estaba previsto na simulación do voo que fixemos, pero aínda queda confirmalo”.

Unha vez aberta a cápsula, o equipo da NOSA analizará tamén os detalles dos outros experimentos que iban a bordo, así como algúns problemas engadidos que experimentaron e que impediron a súa localización.

Alén disto, segundo Fernández, agárdase que a Marumasat puidera recoller imaxes novas desde as alturas, incluíndo as da parte superior da cápsula que recollerían o momento no que o globo estoura e comeza o descenso desde a estratosfera.

A cuarta edición deste proxecto, que leva por título “Misión Einstein. Rastrexando raios cósmicos“, engadiu aos experimentos previos un detector de muóns, co que tratarán de comprobar a teoría da relatividade estudando estas partículas, froito a descomposición dos raios cósmicos que baten continuamente coa Terra. Tamén se incorporan dous experimentos biolóxicos, que estudarán a velocidade de reprodución dos lévedos na estratosfera fronte a unha mostra de control que quedará en terra e, por outra banda, as variacións nas propiedades organolépticas da auga. Alén disto, a sonda escolar medirá tamén a capa de ozono sobre Galicia, a radiación ultravioleta ou o campo magnético terrestre e as súas posibles variacións, para construír unha serie con estes parámetros ao longo dos anos.

Nesta nova edición incorporáronse á NOSA tres centros máis, que xa participaron no III Congreso da NOSA celebrado en febreiro. Ao IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e IES Miraflores de Oleiros súmanse o IES Xelmírez II de Santiago, o IES Ferrol Vello e o CPI O Cruce de Cerceda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O impacto da intelixencia artificial na educación sexual

Por María José Figueiredo e Daniel González Peña, da UVigo, e Ricardo Fandiño Pascual, da USC

“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios