Sábado 20 Abril 2024

O misterioso contaxio de malaria do paciente dun hospital de Vigo

Un home de 64 anos contraíu a doenza tropical despois de coincidir nas Urxencias do Álvaro Cunqueiro en xaneiro de 2016 cun caso importado

A malaria, tamén coñecida como paludismo, é unha doenza propia de latitudes tropicais, debido á picadura do anófele, un mosquito que porta o protozoo causante da enfermidade. Mais pode aparecer de forma puntual noutras latitudes, como a de Galicia, a causa das viaxes a zonas endémicas. Así, entre os anos 2012 e 2017 notificáronse, segundo o Sergas, 92 afectados por malaria. Todos, menos un, eran importados, é dicir, de persoas que viaxaran desde algunha das rexións con casos máis habituais da enfermidade. E este caso excepcional rexistrado en 2016, que reactivou nos últimos días unha información do diario El País, segue sendo un misterio, xa que ninguén pode confirmar como se produciu o contaxio en territorio galego.

Os feitos aconteceron no inverno de 2016. Un home de 64 anos, veciño do Porriño, que estaba sendo tratado por un mieloma (un tipo de cancro da médula ósea), ingresa con febre o 13 de marzo no hospital Álvaro Cunqueiro. Tres días despois é diagnosticado de malaria, algo canto menos sorprendente para o afectado, o seu entorno e o equipo que o atendía: non tiña antecedentes de viaxe a zonas afectadas e estivera as semanas previas entre a súa casa e o hospital debido a infeccións respiratorias e febre, alén dos achaques propios da doenza e o tratamento.

Publicidade

Foi nun deses ingresos (poucos meses despois da controvertida apertura do ao hospital e as grandes mobilizacións de protesta ao respecto) cando se puido producir o contaxio, aínda que nin desde o hospital vigués nin desde o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC) teñen probas concluíntes do que pasou. O único confirmado é que nun dos anteriores ingresos (recibiu a alta os días 22 de xaneiro e 19 de febreiro), o home estivo nunha sala de Urxencias onde fora atendido un caso importado de malaria o día 15 de xaneiro.

Os mosquitos anófeles son os principais vectores de contaxio da malaria, causada polos parasitos do xénero "Plasmodium".
Os mosquitos anófeles son os principais vectores de contaxio da malaria, causada polos parasitos do xénero “Plasmodium”.

As hipóteses do contaxio

En xuño de 2018, na súa folla quincenal de información epidemiolóxica, o Sergas apuntaba (ver PDF) a que o contaxio do paciente do Porriño tiña unha procedencia “probablemente vinculada coa asistencia sanitaria”. Semanas antes, en abril, un informe do ECDC concluía, do mesmo xeito, á “transmisión hospitalaria como o modo máis probable de transmisión”, aínda que recoñecía tamén á “complexidade” desta investigación.

O informe do ECDC que afonda no caso de Vigo recolle só cinco casos máis de contaxio hospitalario de paludismo en Europa entre 2016 e 2018. Pero o do Álvaro Cunqueiro é un dos que máis dúbidas sementa. As probas moleculares, coas que se podería confirmar a relación xenómica entre os protozoos Plasmodium falciparum atopados tanto no caso importado como no contaxio en Galicia “non foron concluíntes” polo escaso material xenético obtido, segundo o documento do organismo europeo.

A causa máis probable é a do contaxio no marco hospitalario, pero valoráronse tamén hipóteses como a “malaria de aeroporto”

Ante a imposibilidade de confirmar isto con certeza, o ECDC valorou outras opcións que se teñen rexistrado en España nos últimos anos, como á transmisión allea ao centro hospitalario; por exemplo, pola picadura dunha especie local de anófele, como o An. atroparvus. Pero considerouna, segundo o informe anual de malaria do 2016, “pouco probable porque o suceso tivo lugar en inverno e as condicións medioambientais eran incompatibles co ciclo de vida do mosquito”. Porén, en declaracións recollidas por Faro de Vigo, o xefe de Medicina Preventiva do Chuvi, Víctor del Campo, considera “aventurado” desbotar esta opción polo clima temperado do inverno vigués.

Neste sentido, Juan Gestal, profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, explica que “nos últimos anos, como consecuencia do cambio climático, están aparecendo mosquitos vectores no sur de Europa e poden producirse casos autóctonos por picaduras de mosquitos infectados a partir dun caso importado”.

Outra das posibilidades que apunta Gestal, e que tamén expuxo o ECDC, foi a coñecida como malaria de aeroporto“. É dicir, o contaxio a través da picadura dun mosquito infectado que voou en avión desde áreas endémicas, que sae do aparello e se move polas inmediacións do aeródromo de destino, podendo infectar a algunha persoa. Mais isto tamén é “pouco probable”, xa que o afectado de Porriño vivía a 10 quilómetros de Peinador e, de todas formas, non hai voos directos entre o aeroporto vigués e áreas endémicas.

E a investigación incluíu outra variable: o porto de Vigo, con tránsito internacional de mercancías e contedores cara a países endémicos de malaria, como destaca o organismo europeo. Mais tampouco se puxo como opción probable, debido a que o afectado vivía a 25 quilómetros das instalacións portuarias.

Pero estas opcións alleas á actividade hospitalaria parecen perder forza segundo as conclusións finais do ECDC. Neste caso, segundo apuntou Víctor del Campo a Faro, debería terse producido por “un erro individual” debido a que algún material sanitario foi utilizado con ambos pacientes aínda que segundo o hospital, non estaban en camas contiguas nin se atoparon coincidencias nos coidados ou procedementos a ambos. Mentres, segue o misterio da orixe exacta do contaxio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204