O mapa do rastro radioactivo das bombas atómicas en Galicia

As provincias de Pontevedra e Ourense teñen as maiores concentracións de cesio-137 orixinado polas probas nucleares pero sen riscos para a saúde

É posible que os refugallos radioactivos das probas nucleares cheguen ata Galicia? A resposta é positiva. Si, nos solos galegos poden atoparse rastros de cesio-137, procedente das explosións de bombas atómicas principalmente nos Estados Unidos. E as provincias de Pontevedra e Ourense son as que teñen máis concentración deste material radioactivo, aínda que nunha proporción tan baixa que non supón ningún risco para a saúde nin para a natureza. De feito, en Pontevedra detectáronse 6.073 becquerelios por metro cadrado, mentres que o Comité Científico de Nacións Unidas sobre os Efectos da Radiación Atómica considera que unha rexión está contaminada cando presenta niveis de cesio-137 por riba de 37.000 becquerelios por metro cadrado. Isto sería multiplicar por seis o detectado en Galicia.

O ser humano estourou unhas 2.000 bombas nucleares ao longo da historia, dende a primeira proba dos Estados Unidos en Alamogordo en 1945. Só dúas delas foron empregadas contra a poboación civil: as de Hiroshima e Nagasaki. Pero o resto foron detonadas de múltiples formas: en desertos, en atolóns, en illas, en barcos, en avións ou en fondas simas baixo a terra ou o mar. E todas elas deixaron a súa pegada na atmosfera, espallando polo mundo un rastro de cesio-137 radioactivo.

Publicidade

O mapa publicado no 2012 no estudo no Journal of Environmental Radioactivity.

No ano 2012, un equipo científico mediu a pegada deste material en España. E Galicia quedou á cabeza coa maior concentración de cesio-137 por metro cadrado. Concretamente, as provincias de Pontevedra e Ourense son as máis afectadas, o que se explica pola entrada de frontes atmosféricas dende o Atlántico, que arrastraron os isótopos que remataron no solo galego. Asturias, Biscaia e Guipúscoa seguen nesta clasificación, mentres que os Pireneos acumulan boa parte dos refugallos radioactivos procedentes doutra fonte distinta: o accidente nuclear de Chernóbil en 1986.

O estudo foi realizado polo Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (Ciemat) e conclúe que as concentracións de cesio en España son ‘moi baixas’, con datos entre 251 e 6.073 becquerelios por metro cadrado, coa maior presenza no sur de Galicia.

Publicidade

A concentración de cesio 137 en Pontevedra e Ourense non representa problemas para a saúde nin a natureza

Os investigadores mediron o cesio-137 directamente en 34 puntos do solo e revisaron medicións parciais anteriores. Tamén consultaron as bases de datos de precipitacións de 778 estacións meteorolóxicas nas décadas de 1950, 1960 e 1970, xa que a choiva desempeña un papel fundamental na deposición do cesio-137 e outros elementos radioactivos.

O mapa resultante foi publicado no 2012 no Journal of Environmental Radioactivity e o estudo foi financiado polo Consello de Seguridade Nuclear.

O cesio presente en Galicia provén das explosións das bombas atómicas en probas nucleares na atmosfera dos Estados Unidos (200), a Unión Soviética (200), Francia (50), Gran Bretaña (20) e China (20). A presenza de material radioactivo procedente do accidente de Chernóbil é moi baixa. De feito, os Pireneos actúan como barreira natural contra estes refugallos, e alí é onde se rexistran maiores concentracións no solo.

E aquí podes ler o artigo publicado no 2012 no Journal of Environmental Radioactivity

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla