Un equipo de científicos chineses acaba de publicar na revista Insects un artigo que, a medio e longo prazo, podería ofrecer unha nova solución para a invasión da Vespa velutina, especie exótica en Galicia e outras partes de Europa, e que tamén está causando problemas en países como Corea do Sur. A investigación, na que participan investigadores de varias universidades chinesas financiados pola Fundación de Ciencias Naturais do país, constata a presenza do virus ALPV (un patóxeno letal que paraliza e afecta principalmente aos áfidos) en exemplares de velutina atopados en varias provincias chinesas, onde é nativa. Cos datos recollidos, os investigadores conclúen que “o estudo proporciona un primeiro paso importante para comprender esta infección viral, e podería dirixir cara unha vía de control da Vespa velutina mediante o uso do virus”.
Nos últimos anos, o impacto dos virus (ademais da depredación de invasores como a velutina) é un dos factores aos que se atribúe o descenso das poboacións de abellas en gran parte do planeta. En España xa se ten detectado na abella europea (Apis mellifera), e agora o estudo chinés que constata a presenza na velutina detéctao tamén na especie chinesa Apis cerana. E segundo as probas recollidas, a velutina, depredadora da abella chinesa, vese tamén afectada polo ALPV.
“É un estudo moi interesante, e dá espazo tamén a reflexionar sobre a posibilidade de que a velutina puidera traer tamén consigo novos patóxenos a Europa ou actuar na actualidade como reservorio e vector de transmisión de virus a outros polinizadores”, explica Xesús Feás, científico, membro de Real Academia de Ciencias Veterinarias e experto no estudo da velutina. Os autores explican que, como depredadores “as vespas non só ameazan o crecemento das poboacións de abellas, senón que tamén interactúan con especies polinizadoras como a Apis cerana, podendo actuar como reservorios virais para infectalos a través da depredación”.
Con todo, o deste virus letal non é o primeiro caso coñecido de patóxenos e parasitos que afectan á velutina e limitan o espallamento das súas poboacións actuando como inimigo natural, tal e como subliñan os autores deste novo estudo. É o caso do Conops vesicularis, un verme que parasita ás raíñas e lles causa un notable dano, tal e como constataron investigadores franceses en 2015 (aínda que o número de casos rexistrados foi pequeno). Outro caso é dun nematodo da familia Mermithidae que tamén causa danos nos exemplares adultos da avespa asiática.
No caso do virus ALPV, o traballo dos científicos chineses está aínda lonxe de ter aplicación real, xa que é unha comunicación do achado. “A ruta exacta da migración do virus ALPV entre A. mellifera, A. cerana e V. velutina necesita ser clarificada polo miúdo”. Do mesmo xeito, habería que ter en conta as posibles consecuencias que podería ter a introdución do virus letal noutros ecosistemas, así como a posibilidade de que se produza unha mutación perigosa.
Non en tanto, a aposta polos estudos xenéticos para combater a velutina, alén de prácticas como o trampeo, é un camiño polo que xa están indo investigadores en Galicia e outras partes de Europa. Neste punto, Xesús Feás, subliña: “Remítome ao de sempre, fan falta recursos, aposta pola investigación e profesionalidade na toma de mostraxes e datos acerca da velutina”. O veterinario subliñou tamén que a pasada semana un mozo de 32 anos, alérxico ao veleno destes insectos, faleceu en San Tirso de Abres (Asturias), despois de sufrir unha picadura.