Martes 16 Abril 2024

A sonda escolar galega consegue voar a pesar dun accidentado lanzamento

A Marumasat IV perde parte dos seus dispositivos de localización ao bater cun muro do IES Maruxa Mallo de Ordes, pero o resto de proxectos saíron indemnes

Todo estaba preparado ao mediodía este martes para o lanzamento despois de que fora adiado o pasado día 10 de maio. A pesar do lixeiro vento, as condicións eran axeitadas para que a Marumasat IV, a sonda da Axencia Espacial Escolar Galega, a NOSA, saíse cara á estratosfera. Centos de alumnos de varios institutos reuníronse no patio do IES Maruxa Mallo de Ordes para despedir á sonda. E así foi, pero un percance condicionou a misión.

Debido a un refacho de vento que moveu o globo de helio cara ao sur, a cápsula, unhas pequenas bolsas nas que viaxaban varios experimentos e localizadores, pendurados da cápsula principal, bateron cun muro e coa canastra do patio do instituto e desprendéronse. “Estes experimentos e a sonda Vaisala, que emite datos de posición e temperatura, quedaron en terra”, explicaron Diego Regos e Andrea Caneda, dous dos alumnos responsables do proxecto.

Publicidade

Porén, o percance, aínda que supón un lixeiro contratempo, non impide que os datos que recolla a sonda escolar sexan igualmente interesantes. “A parte de seguimento, que estabamos facendo desde o instituto, xa non se pode realizar co accidente, pero podemos localizala doutros xeitos”, subliñan Diego e Andrea. Así, grazas a unha aplicación que predí a ubicación da sonda a partir das condicións meteorolóxicas e outros dispositivos de rastrexamento que ían dentro da cápsula, será posible aproximar a caída da sonda, cuxo globo estourará ás poucas horas do lanzamento e comezará a descender. 

Na busca da sonda escolar en Ourense

As últimas predicións apuntaban a que, debido ás correntes de aire, a sonda escolar acabe chegando á provincia de Ourense. Segundo os cálculos realizados, crese que puido caer preto da localidade de Maceda. Alí estiveron algúns dos integrantes da NOSA para percorrer o terreo ao longo da tarde do martes na busca de posibles indicios da Marumasat IV unha vez tome terra.

A cuarta edición deste proxecto, que leva por título “Misión Einstein. Rastrexando raios cósmicos“, engade aos experimentos previos un detector de muóns, co que tratarán de comprobar a teoría da relatividade estudando estas partículas, froito a descomposición dos raios cósmicos que baten continuamente coa Terra.

Tamén se incorporan dous experimentos biolóxicos, que estudarán a velocidade de reprodución dos lévedos na estratosfera fronte a unha mostra de control que quedará en terra e, por outra banda, as variacións nas propiedades organolépticas da auga.

Con todo, o obxectivo de bater o récord de altitude, superando os 36 quilómetros de altura, será difícil de contrastar debido á perda dos dispositivos de localización. Alén disto, a sonda escolar medirá tamén a capa de ozono sobre Galicia, a radiación ultravioleta ou o campo magnético terrestre e as súas posibles variacións, para construír unha serie con estes parámetros ao longo dos anos.

Captada polo Sentinel?

Outro dos puntos de interese arredor da Marumasat IV ten que ver co satélite Sentinel da Axencia Espacial Europea. Segundo explica o equipo da NOSA, o Sentinel voa o 28 de maio sobre Galicia e, “cun pouco de sorte, cando o globo estea a punto de estoupar e acade un diámetro duns 10 metros, podería ser observable desde o satélite”.

Alén disto, a bordo da sonda escolar viaxan os poemas galardoados no segundo Premio de Poesía Estatosférica, no que participaron estudantes de varios centros galegos.

Este ano participan na NOSA os institutos Maruxa Mallo de Ordes, o Miraflores de Oleiros (onde foi fabricada a Marumasat IV), o Marco do Camballón de Vila de Cruces, o Xelmírez II de Santiago, o Ferrol Vello e o CPI O Cruce de Cerceda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación