Sábado 20 Abril 2024

Conta atrás para o lanzamento da sonda galega Marumasat IV

O martes 28 é a data prevista da nova misión, que incorpora este ano un detector de muóns e novos experimentos biolóxicos

O equipo da sonda Marumasat IV da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA), que conforman máis de 600 escolares e docentes de varios institutos galegos, xa está en plena conta atrás para o lanzamento. Todo apunta a que as condicións meteorolóxicas serán as axeitadas para que o globo de helio poida voar cara a estratosfera o martes 28 de maio ás 12 da mañá desde o IES Maruxa Mallo de Ordes. As malas previsións obrigaran a adiar o lanzamento o pasado 10 de maio, polo que houbo que establecer unha nova data e pedir os permisos necesarios a AENA.

“Esperemos que o tempo acompañe, porque senón xa entrariamos en xuño, e é un mes complicado nos centros”, apuntaba hai uns días Xosé Manuel Fernández Castro, secretario da NOSA. As datas para o lanzamento son escasas debido á necesidade de solicitar autorización a AENA para evitar percances co tráfico aéreo.

Publicidade

Novidades da sonda galega Marumasat IV

Neste ano, o proxecto da sonda galega incorpora varias novidades. Destaca, segundo Fernández, a presenza dun detector de muóns (partículas elementais presentes nos raios cósmicos). De aí que a cuarta misión da NOSA fora bautizada como “Einstein: rastrexando os raios cósmicos”. Explican os impulsores que “trataremos de comprobar a teoría da relatividade especial estudando os muóns froito da descomposición dos raios cósmicos”.

Por outra banda, a Marumasat IV levará tamén a bordo material biolóxico para realizar diversos experimentos, como xa se fixera en anteriores ocasións. “Irán a bordo algúns lévedos para ver como medran, comparándoos cunha mostra que deixaremos en terra, e tamén mandamos auga para ver como mudan algunhas propiedades organolépticas”. Ademais disto, haberá “pequenas cápsulas de habitabilidade, para ver como se manteñen e aguantan os cambios de presión no exterior”, explica Xosé Manuel.

Do mesmo xeito, a sonda intentará sincronizarse coa rede Sentinel, medir o campo magnético terrestre, acadar xeolocalización por LoRa e GPS, e a consecución de datos para emitir unha certificación de calidade do emisor TX_06.3, entre outros aspectos.

Ademais de toda esta investigación científica, o proxecto contén tamén unha faceta humanística, xa que poñerá nos ceos os poemas vencedores do II Premio de Poesía Estratosféricano que participaron diversos institutos galegos.

A Marumasat IV estará impulsada por un globo máis grande co que se pretende chegar aos 36 quilómetros de altura

Outra das arelas que persegue a sonda galega é a de bater o récord de altura acadada o ano pasado, con máis de 33.200 metros. Este ano utilizarán un novo globo, máis grande, co que agardan chegar ata os 36.000 metros.

Nesta nova edición incorporáronse á NOSA tres centros máis, que xa participaron no III Congreso da NOSA celebrado en febreiro. Ao IES Maruxa Mallo de Ordes, IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e IES Miraflores de Oleiros súmanse o IES Xelmírez II de Santiago, o IES Ferrol Vello e o CPI O Cruce de Cerceda.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación