O equipo de María José Alonso (na imaxe) deseñou o vehículo que transporta o anticorpo. Foto: USC.
O equipo de María José Alonso (na imaxe) deseñou o vehículo que transporta o anticorpo. Foto: USC.

Un equipo de Santiago constrúe un vehículo eficaz contra o cancro de mama

Un traballo da USC e a Autónoma de Madrid obtén "a primeira evidencia" da efectividade dun anticorpo contra a oncoproteína Gasdermina-B

A Gasdermina-B (GSDMB) é unha molécula que promove un comportamento agresivo nos cancros de mama e fomenta unha maior resistencia da doenza aos tratamentos oncolóxicos habituais contra este tipo de tumores. Así o comprobaran estudos previos da Universidade Autónoma de Madrid (UAM). E por tanto, científicos desta institución, xunto a investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, decidiron centrar o seu obxectivo no combate desta molécula. E acaban de demostrar que poden gañar. Así o expoñen nun traballo que publica a revista Clinical Cancer Research, onde expoñen, por primeira vez, a efectividade dunha nanoterapia baseada no uso de anticorpos non modificados dirixidos contra oncoproteínas situadas dentro das células, como é o caso da GSDMB, grazas ao uso dun vehículo deseñado en Santiago.

Partindo do coñecido papel daniño desta oncoproteína como ‘protectora’ dos tumores, era preciso obter un anticorpo que actuase contra ela. “Un dos obxectivos do noso grupo de investigación consiste no deseño de terapias específicas que permitan reverter a resistencia a fármacos e reducir o fallo terapéutico que teñen os pacientes oncolóxicos”, explica Gema Moreno-Bueno, directora do equipo de investigadores da UAM.

O traballo supón un fito na nanomedicina oncolóxica e poderá axudar ás pacientes con cancro de mama agresivo

O equipo desta universidade conseguiu desenvolver este anticorpo específico contra a GSDMB, pero faltaba o vehículo que a puidera levar ata o interior da célula. E aí entrou en xogo o laboratorio de María José Alonso. A catedrática da USC, unha referencia mundial na nanofarmacia, e o seu grupo tiñan a tarefa de construír o transporte que levase o anticorpo a actuar contra a oncoproteína. E foi posible.

Os científicos de Santiago foron quen de deseñar un vehículo capaz de introducirse de forma específica nas células tumorais para reducir de forma eficaz o tamaño do tumor e a metástase en diversos modelos preclínicos, sen causar, de forma aparente, toxicidade nos tecidos sans. No traballo aparecen como autores, ademais de María José Alonso, os investigadores composteláns Dolores Torres, Marcos García Fuentes, Ana Cadete, Ana Olivera e Andrea Gonella.

É a primeira vez que se consegue combinar o uso destes nanovehículos (cápsulas de tamaño microscópico capaces de introducirse nas células tumorais) cun anticorpo terapéutico dirixido contra unha proteína intracelular. Un avance subliñado como “un fito” para a nanomedicina oncolóxica, que abre novas vías para o tratamento de pacientes con cancro de mama agresivo cun mal prognóstico.

Antes de agora xa se utilizaran anticorpos terapéuticos contra proteínas implicadas no desenvolvemento dos tumores, pero na súa maior parte estaba dirixidos a proteínas situadas no exterior da célula, o que limitaba a súa utilidade en oncoloxía. O feito de que se poida actuar contra a Gasdermina-B remarca a importancia do avance dos científicos de Santiago e Madrid.

“Estes resultados confirman por primeira vez o papel de GSDMB como unha nova diana terapéutica en cancro e amplían o uso da nanomedicina no tratamento do cancro”, asegura Ángela Molina-Crespo, investigadora da UAM e primeira autora do traballo.

Na actualidade, unha das principais liñas de investigación contra o cancro son os novos tratamentos máis específicos, efectivos e con menos efectos secundarios. Para isto é esencial a identificación de biomarcadores que estean alterados nas células tumorais e que, por tanto, poidan converterse en potenciais dianas terapéuticas para o desenvolvemento de tratamentos específicos, e que poderían ser tratados desde a nanomedicina

Referencia: Intracellular delivery of an antibody targeting Gasdermin-B reduces HER2 breast cancer aggressiveness (Publicado en Clinical Cancer Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.