Sábado 20 Abril 2024

Variante delta: os virus perderon o pasaporte

Xusto Rodríguez aborda na nova entrega de "Un idioma preciso" a nova nomenclatura sobre as variantes do SARS-CoV-2 que recomenda a OMS

Achégase o verán, aumenta a poboación vacinada, van desaparecendo parte das restricións… parece que se acumulan as boas novas en relación coa COVID-19, se as novas variantes o permiten. Porque a delta, a última en facerse mediática, xa está lentificando ou paralizando a desescalada en varios países europeos.

Nos meses que levamos oíndo falar das distintas variantes (se eran máis contaxiosas, se as vacinas ían manter ou non a súa eficacia…) estas sempre tiñan un xentilicio que as identificaba como un pasaporte: eran británicas, surafricanas ou brasileiras. Pero nos últimos días vivimos en directo un cambio: a variante india perdeu o xentilicio e pasou a denominarse delta. Que foi o que pasou?

Publicidade

Para explicalo, imos falar un pouco das variantes do SARS-CoV-2, de como se clasifican e de como se lles pon nome. E para iso, comecemos polo principio.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) fai un seguimento especial daquelas variantes que poden supor un perigo para a saúde global, e clasifícaas en dúas categorías segundo a gravidade deste perigo:

  1. As variantes de interese son aquelas que posúen no seu xenoma mutacións con implicacións fenotípicas establecidas ou sospeitadas; e que ademais cumpren unha das condicións seguintes: a) causar múltiples casos de transmisión comunitaria ou ser detectada en múltiples países; b) ser clasificada nesta categoría pola OMS.
  2. As variantes preocupantes son variantes de interese con vinculación demostrable con algunha das seguintes alteracións, nun grao significativo para a saúde pública mundial: a) aumentar a transmisibilidade ou empeorar a epidemioloxía da COVID-19; b) aumentar a virulencia ou alterar as doenzas clínicas asociadas que provoca; c) diminuír a eficacia das medidas de saúde pública ou das ferramentas diagnósticas e terapéuticas que se empregan para tratala.

Estas últimas son as que, pola súa relevancia social, rebordaron o ámbito da investigación científica e chegaron aos medios de comunicación e a espazos divulgativos. Como as nomenclaturas científicas (B.1.1.7, B.1.617.2 e cousas así) non eran utilizables neses contextos, comezaron a empregarse denominacións que aludían ao estado onde esa variante se documentou en primeiro lugar: así comezamos a oír falar das variantes con xentilicios (a última delas, a india).

Pero a OMS considerou —con razón— que estes nomes son discriminatorios e estigmatizantes, e que sinalan a determinados estados e poboacións. E por iso, desde hai unhas semanas, recomenda para os usos non científicos unha nova nomenclatura baseada no alfabeto grego, e invita a non empregar os nomes que aluden a un lugar xeográfico concreto.

Velaí o motivo polo que os nomes das variantes do SARS-CoV-2 perderon o seu pasaporte, e a variante india se converteu en variante delta.
E tamén por iso é mellor empregar variante alfa (no canto de variante británica), variante beta (mellor ca variante surafricana) e variante gamma (mellor ca variante brasileira).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Europa prorroga 10 anos o glifosato, o herbicida “canceríxeno” usado masivamente en Galicia

É o produto fitosanitario máis eficaz contra as malas herbas, pero numerosos artigos científicos atribúenlle efectos nocivos na saúde das persoas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia