A carón do río Anllóns desprégase un territorio xeográfico enclavado na Costa da Morte e fornecido pola súa riqueza natural e, por suposto, gastronómica. De Soandres ata a ría de Canduas, os ingredientes da horta e do mar e os pratos de culler son parte fundamental da Laracha, Carballo, Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Os Fogóns do Anllóns pretende converterse nunha “marca de calidade” propia a través dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, na que a Deputación da Coruña quere introducir “o máis selecto da produción, da transformación e da restauración”, segundo defende Xosé Regueira, o vicepresidente da institución provincial e deputado de Turismo.
“Imos buscar unha cociña sen cadea de frío, unha cociña que garanta que todo o que se vaia comer no día se comprou no mercado”
XOSÉ REGUEIRA, deputado de Turismo
A intención é que os restaurantes amparados baixo esta nova marca teñan cociña de mercado, é dicir, a partir de ingredentes adquiridos o propio día e un contacto slow ou bio durante a elaboración dos pratos. “Imos buscar unha cociña sen cadea de frío, unha cociña que garanta que todo o que se vaia comer no día se comprou o mesmo día no mercado”, asegura Regueira. Ademais, quérense aproveitar os produtos locais característicos para promover que se traballe con eles nos fogóns e así “o pan sexa pan de Carballo (non pan industrial nin baguette) e que a pataca que se venda neses establecementos sexa de calidade da zona, xa que temos pataca de Coristanco”.
“Os locais de hostalería que pretendan entrar dentro da marca non só terán que cumprir unha serie de estándares de calidade”, explica Regueira. Outro dos obxectivos é visibilizar os valores do territorio, como os elementos patrimoniais en relación á artesanía de proximidade —o encaixe de Camariñas ou a cerámica de Buño, por exemplo—. A intención é que a hostalería sirva para vender pratos “de moita calidade” ao mesmo tempo que contribúa á creación dun conxunto turístico global e así sexa “unha parte fundamental para vender o territorio”, como adoita suceder noutros enclaves.
Trátase de 18 actuacións distribuídas en catro eixos, igual que acontece nos Plans elaborados para as Fragas do Eume, a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle e o Xeoparque de Cabo Ortegal: transición verde e sostible, mellora de eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. Como accións dirixidas a potenciar a cociña propia e o sector da restauración, crearanse un recetario online e códigos QR con información sobre gastronomía local e modelos de realidade aumentada sobre a elaboración dos pratos máis representativos —dentro das accións dirixidas á transición dixital—; e apoiarase un embelecemento dos restaurantes coa adecuación da súa fachada e escaparate ao léxico arquitectónico e decorativo da contorna e o seu interior —como parte dos procedementos dirixidos á competitividade—.

Recuperación do ecosistema
A outra cara do plan deseñado para o río Anllóns está centrada na preservación da contorna natural, contribuíndo a un gozo sostible dos espazos e a un impacto positivo dentro da cidadanía. Traballarase na recuperación do ecosistema da barra do río Anllóns para mellorar as condicións do marisqueo, con destacada importancia ambiental e importante fonte de ingresos para a comunidade local. Desde a Deputación quixeron elaborar “un proxecto que quixese abrir o río á sociedade” a través da recuperación dos camiños de pescadores para que a xente poida pasear ou andar en bicicleta ao longo do camiño paralelo á corrente, outra das accións contempladas.
Introduciranse, ademais, elementos de transformación dixital como sensores para a xestión de alertas temperás de inundacións e a medición da calidade da auga e así poder detectar un verquido ou incidente localizado nun punto ou estendido a toda á corrente. O obxectivo é que, a partir desa sensorización, mediante paneis a xente poida coñecer o estado da calidade das augas e saber se actuar o antes posible.
“O turismo non ten sentido se non mellora a calidade de vida e as oportunidades da poboación local”
XOSÉ REGUEIRA, vicepresidente da Deputación de Coruña
Sinala Regueira que o seu desexo é que o proxecto sirva para “educar as xeracións de escolares que están agora mesmo cursando os estudos nos seus coles” e, en consecuencia, a poboación coñeza os códigos que ten agora o río debido á industrialización e as actividades agrícolas que se empregan para os cultivos. “O turismo non ten sentido se non mellora a calidade de vida e as oportunidades da poboación local. Se non vale para iso, non vale para nada”, sinala o deputado de Turismo.