Xoves 18 Abril 2024

A Vía Verde de Compostela impulsará unha marca de gastronomía propia

Realizaranse xornadas de cociña ao aire libre para promocionar produtos de proximidade e a economía circular

As Vías Verdes foron antigos trazados ferroviarios reconvertidos en itinerarios non motorizados, co fin de desenvolver iniciativas ecoturísticas. No total do Estado existen máis de 120 percorridos e en Galicia tres, un deles é a Vía Verde de Compostela-Tambre-Lengüelle. Actualmente estase acondicionando e a Deputación provincial, dentro dos seus Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, pretende impulsar a dinaminación do territorio rural mediante a gastronomía e o emprendemento nos concellos polos que discorre.

O vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, explica que a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle é a máis longa de Galicia, que ten un amplo potencial para converterse nun espazo aberto ao ocio, á natureza e á mobilidade. “Vai servir para comunicarse en bicicleta entre Compostela e A Coruña con facilidade, pasando polos concellos de Cerceda, Tordoia, Ordes e Oroso. A persoa que a use vai descubrir ademais dese percorrido unha paisaxe que ten valores singulares e unha gastronomía extraordinaria”, comenta. Engade tamén que non será só un espazo adicado ao turismo senón ao deporte, ás familias e aos residentes. “Trátase de capitalizar a chegada de persoas que buscan este tipo de recursos. Queremos dar espazo ao emprendemento nun rural que sofre dinámicas negativas“.

Publicidade

Neste senso, son 21 as actuacións planificadas sobre catro eixos: a transición verde e sostible, a mellora da eficiencia enerxética, a transición dixital e a competitividade. No primeiro enmárcase unha proposta para o mantemento da Vía Verde ante o risco de inundacións dos ríos Tambre, Lengüelle e Tourío; encontros entre empresarios e emprendedores do sector da gastronomía e o turismo para fomentar a implantación da economía circular; a promoción dos mercados alimentarios para o fomento de consumo de produtos km 0 e de temporada; a elaboración dun plan de sombras para áreas de descanso, así como a instalación de pérgolas para facer fronte ás altas temperaturas a consecuencia do cambio climático; e a eliminación da flora exótica establecendo un plan de control para inventariar e localizar as especies vexetais invasoras.

“Queremos dar espazo ao emprendemento nun rural que sofre dinámicas negativas”

XOSÉ REGUEIRA, vicepresidente da Deputación da Coruña

“A Vía Verde pode ser un aliciente para incorporar poboación nova que queira emprender negocio co cicloturismo, o sendeirismo, ou algún outro ámbito de ocio”, comenta Regueira. En varios puntos do percorrido da Vía Verde instalaranse puntos de auga e estacións de auto-reparación de bicicletas, o que suporá un incremento dos equipamentos dispoñibles na vía, e mellorará as súas condicións, así mesmo que a adecuación do firme no tramo de Santiago a Oroso. O deputado explica que a Vía Verde será un “complemento perfecto” para o Camiño inglés e posibilita a calquera persoa que faga a viaxe xacobea un paseo polo lugar. A elaboración e promoción dun mapa virtual con recusos vinculados ao turismo gastronómico e a creación de aplicacións de realidade virtual son dúas actuacións que a Deputación da Coruña ten previsto para mellorar a experiencia do visitante.

Showcooking

A creación da marca dunha gastronomía propia é un dos propósitos nos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino. Poñeranse en valor os produtos da zona, como poden ser os doces de Ordes ou a troita de Oroso, así como a micoloxía. “Moitos produtos que para nós pasan desapercibidos para outras persoas poden ser de gran interese”, explica Regueira. Unhas das accións previstas é a a celebración de sesións de showcooking dirixidas a profesionais, que son xornadas de cociña en directo con materia prima galega e dirixidas por un cociñeiro ou cociñeira de renome do país.

Estes eventos celebraranse en lugares aínda por decidir, aínda que se terá preferencia por espazos que se atopen nas proximidades da Vía Verde e se valorizarán os recursos da zona. A Deputación pretende con esta actuación visibilizar a calidade dos produtos dos concellos da Vía Verde, amosando a posibilidade de comercialización e a garantía de calidade para implicar tamén ao sector da hostelaría nestas zonas. Así, ofreceranse aos locais de restauración novas ideas de elaboración cas materias primais locais para incorporar aos seus menús como reclamo turístico.

O cocido é un prato típico da cociña galega, que contén moitos produtos propios da Dieta Atlántica.
O cocido é un prato típico da cociña galega, que contén moitos produtos propios da Dieta Atlántica.

Da mesma maneira realizarase a catalogación e inventariado dos recursos patrimoniais relacionada coa gastronomía dos municios da Vía Verde, creando unha base de datos para obter un maior coñecemento dos territorios, e crearanse e deseñaranse xornadas gastro-lúdicas nas áreas de descanso durante a tempada baixa en colaboración con profesionais de cociña locais. A intención é sensibilizar ao sector máis novo da sociedade sobre a importancia do consumo de alimentos de proximidade e de temporada, tanto a nivel económico como en canto a sustentabilidade, informa a Deputación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza un proxecto audiovisual para divulgar a historia do Reino de Galicia

A iniciativa, seleccionada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, ofrecerá contidos escritos e audiovisuais en YouTube e TikTok

O futuro do río Anllóns: sensorizado e sen flora invasora

A Deputación de Coruña prevé a boa conservación da súa contorna co control e análise da súas augas e a eliminación de especies impropias da zona

A Vía Verde de Compostela recupera o pasado das estacións ferroviariais

A Deputación de Coruña impulsa a recuperación do patrimonio industrial espallado ao longo da ruta a través da realidade virtual

Fogóns de Anllóns: unha marca propia coa gastronomía local en primeira liña

A Deputación da Coruña pretende potenciar a cociña propia a través dun selo para os restaurantes dos concellos que percorre o río