Fronte á variante Delta, actualmente a predominante en Europa, as maiores coberturas de vacinación conlevaron un menor número de hospitalizacións pola infección.
Na actualidade, o 79,2% da poboación española ten pauta completa de vacinación fronte á Covid-19. Pero a pesar da alta porcentaxe de poboación vacinada, está a darse un incremento progresivo da incidencia de Covid-19. A maior parte dos casos obsérvase na poboación non vacinada, sobre todo na poboación infantil menor de 12 anos.
Os menores de 12 anos representan o 11% da poboación en España, segundo os datos oficiais a data 1 de xaneiro de 2021. A inclusión deste grupo na estratexia de vacinación facilitará que a cobertura vacinal se achegue ao 90%.
Vacinas dispoñibles para menores de 12 anos
O pasado 25 de novembro, a Axencia Europea do Medicamento aprobou a vacina de Pfizer-BioNTech para o grupo de idade de 5 a 11 anos. Pola súa banda, a axencia reguladora para a aprobación de fármacos de uso en Estados Unidos xa a autorizara en outubro.
Este preparado dirixido á poboación infantil é tamén unha vacina de ARN mensaxeiro que codifica a proteína S do virus SARS-CoV-2. A dose na fórmula infantil é menor que na vacina para o grupo de adolescentes e adultos. Contén 10 microgramos en lugar de 30.
O vial da vacina tamén é diferente para evitar confusión. Na vacina para adolescentes e adultos o vial ten tapa violeta, mentres que o da pediátrica é laranxa. O intervalo de tempo recomendado entre a primeira e a segunda dose é tamén de 21 días, aínda que este intervalo será de 8 semanas en España.
Esta é a única fórmula dispoñible. A vacina de Moderna prevista para menores de 6 a 11 anos aínda está pendente de autorización.
A vacina infantil, para o final
O desenvolvemento de vacinas foi graduado. A prioridade inicial foi a protección inmunitaria dos adultos fronte á Covid-19. Este sector da poboación é o máis vulnerable á infección por SARS-CoV-2. Ten o risco máis alto de hospitalización e defunción. A incidencia de Covid-19 grave no grupo de 0 a 12 anos é moito menor.
Así mesmo, o desenvolvemento de vacinas infantís está suxeito a maiores esixencias que nas vacinas para adultos. É o caso dos requisitos adicionais na seguridade dos preparados vacinais infantís.
Por estas causa produciuse un atraso maior na vacinación infantil. Pero recentemente, a evolución da pandemia aumentou o interese pola administración da vacina neste grupo de idade.
Así é a vacina preparada para o grupo infantil
A fase clínica do estudo da vacina infantil de Pfizer-BioNTech fronte á Covid-19 levouse a cabo en 2268 menores de 5 a 11 anos de idade. Os resultados indican que a efectividade da resposta inmune por anticorpos é similar á observada coa fórmula para adultos no grupo de 16 a 25 anos. Ademais, a súa eficacia alcanza o 90,7%.
Cómpre destacar que os efectos secundarios da fórmula infantil foron de leves a moderados e desapareceron en 1 a 2 días. Estes efectos consistiron sobre todo en proído e hinchazón no lugar da picada. Ademais observouse fatiga, perda de apetito, dor de cabeza, dor muscular e articular.
A incidencia de efectos sistémicos, como febre e calafríos, foi menor ca no grupo de 16 a 25 anos e, xeralmente, producíase despois da segunda dose.
A vacinación infantil diminuiría os contaxios de Covid-19
Segundo os datos comunicados polo Ministerio de Sanidade, as persoas vacinadas teñen menor risco de infección. A vacinación protéxenos, mesmo da variante Delta, acelera a eliminación do virus e reduce o risco de contaxio no ámbito familiar.
A ampla porcentaxe de vacinados e a obrigatoriedade de máscaras en interiores están a determinar unha incidencia de Covid-19 en España moi inferior ás cifras que se rexistran noutros países europeos.
Con todo, a incidencia non é a mesma en todos os grupos de idade. De feito, no grupo de menos de 12 anos é moi superior á media poboacional e actualmente a diferenza é maior de 100 puntos.
Os datos indican que este grupo non vacinado podería actuar como reservorio e fonte de infección de SARS-CoV-2, pois lembremos que as persoas asintomáticas ou con enfermidade leve tamén poden transmitir o virus.
A poboación infantil continúa exposta ao coronavirus
Outro aspecto para considerar con respecto á vacinación infantil é o risco de enfermidade sintomática. Ademais, nenos e adolescentes poden experimentar Covid-19 persistente.
En ocasións, a Covid-19 pode evolucionar de forma grave nalgúns menores de 12 anos. De feito, este risco incrementouse coa expansión do variante Delta. Vímolo en Estados Unidos, onde se produciu un aumento de 5 veces nas taxas de hospitalización de nenos e adolescentes de 0 a 17 anos que se asociou cunha maior circulación da variante Delta.
Desde que comezou a pandemia en decembro de 2019, en España foron hospitalizados 3259 nenos menores de 10 anos. Destas hospitalizacións, 863 (o 26%) ocorreron entre o pasado 20 de xuño e o 15 de setembro, xunto cunha maior presenza da variante Delta.
En definitiva, na actual situación epidemiolóxica, a vacinación infantil fronte á Covid-19 contribuirá a reducir a transmisión do virus e a incidencia desta infección no conxunto da poboación. Ademais diso, protexerá aos menores de 12 anos fronte ao risco de Covid-19 grave.
* María del Mar Tavío Pérez é catedrática de Microbioloxía na Universidad de Las Palmas de Gran Canaria.
Cláusula de divulgación: a autora non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.